A Xunta nega eivas na asistencia aos abortos euxenésicos nos hospitais de Galicia malia que si os recoñecera, cando menos no Materno Infantil da Coruña, logo das denuncias de varias mulleres. Durante a comisión de Sanidade celebrada este xoves no Parlamento, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, defendeu o protocolo de actuación no Sergas e negou calquera disfunción ou desatención no servizo, malia que desde o propio CHUAC se asumiran problemas cando pacientes denunciaran ter abortado soas na cama do seu cuarto ou mesmo no baño e sen contar con asistencia sanitaria.
O director xeral de Asistencia Sanitaria nega as eivas que si recoñecera o CHUAC no momento das denuncias
"O xinecólogo informa a paciente, realiza a prescrición determinada durante a estadía, fai un seguemento durante a etapa previa, durante e postaborto e emite o informe de alta", asegurou Aboal a preguntas da deputada socialista Marián Ferreiro, que denunciou que “en todos os hospitais de Galicia nos que se fan abortos a partir do terceiro trimestre está a pasar o mesmo ou peor que na Coruña”.
Logo de facerse públicas as denuncias de varias mulleres, Ricardo López Boullón, director de procesos con ingreso da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña recoñecera hai un mes que "a asistencia está garantida nunhas condicións non sempre óptimas" e asumira que era "posible que puidese ocorrer" cando foi preguntado polas precarias condicións que denuncian varias pacientes.
Agora, Sanidade nega que existan esas eivas ou desatención e Aboal non se compremeteu ante os parlamentarios a levar a cabo melloras no proceso e defendeu o protocolo do Sergas, que di que é igual en todos os centros, ao igual que fixera o presidente Feijóo, e que só garante a asistencia médica completa para estes abortos pasadas as 14 semanas de xestación no caso de desprazarse a Madrid.
O Sergas defende o protocolo pero o PSdeG insiste en que non existe ningún e que o criterio é "absolutamente arbitrario"
Ademais, o director xeral de Asistencia Sanitaria explicou que o Sergas segue pendente dun informe que elebora a inspección sanitaria baseado nas auditorías que se fan en cada hospital para determinar posibles problemas.
Ferreiro, pola súa banda, advertiu que o problema está no criterio “absolutamente arbitrario” dos profesionais que atenden estes casos pola falta de “ningún protocolo por escrito” no Sergas e advertiu de que as queixas polo trato "reprodúcense en todos os centros hospitalarios galegos, que obvian os criterios determinados pola Organización Mundial da Saúde", tal e como denunciou tamén a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA).
Aboal asegura que nos hospitais de Ferrol, da Costa e de Ourense non se practican abortos "por obxección de conciencia"
Así, espera que a Xunta actúa con "normalidade" e ofreza "os resultados reais desas supostas auditorías" pero desmentiu a teoría do Goberno de que os hospitais galegos asumen a totalidade dos abortos nos embarazos de máis de 14 semanas, provocados por risco na saúde da nai ou malformacións no feto, e puntualizou que “se fai algún que outro". "Non sabemos por que razón", insistiu. De feito, lembrou non só a desatención sufrida por algunhas mulleres, senón tamén os casos derivados a Madrid, dos que se denunciou que só se financia o traslado pero non a estadía nin a manutención e que non hai atención psicolóxica. Segundo adveritu, as derivacións a Madrid son xeneralizadas en Lugo e Ourense pero aleatorias no resto de Galicia. "Non sabemos con que criterio", engadiu.
Menos do 8% das interrupcións de embarazo levadas a cabo en Galicia foron na sanidade pública
Mentres, Aboal asegura que nos hospitais de Ferrol, da Costa e de Ourense non se practican interrupcións voluntarias do embarazo "por obxección de conciencia", unha resposta que "queima", segundo a deputada socialista: "Non bote a culpa á obxección de conciencia".
Ademais, preguntado tamén pola parlametaria do PSdeG, Aboal cifrou o número de interrupcións voluntarias do embarazo levadas a cabo en Galicia en 2014 -último ano do que se teñen datos. Foron 3.351, dos que só 260 (7,7%) se levaron a cabo no sistema sanitario público. O resto, ,máis do 92% dos casos, foron derivados ás clínicas Castrelos (Vigo), Arce (A Coruña) ou Isadora (Madrid), coas que a Xunta ten convenio.