O SGEP cualifica de "lamentable" a concesión do Premio Nóbel á UE

Dominio Público Praza Pública

O Seminario Galego de Educación para a Paz manifesta “a súa máis profunda indignación” pola concesión do Premio Nóbel da Paz 2012 á Unión Europea, e afirma que a decisión “contribúe a desacreditar, aínda máis, o citado galardón entre a cidadanía”.

A entidade considera que hoxe a UE “coas súas institucións pragadas de burócratas insensibles”, non é “o modelo de democracia xenuína que soñaron os seus fundadores e parécese máis a un estado fortaleza que persegue e discrimina ós non comunitarios ó tempo que enche de frustracción e desesperanza a millóns de cidadás europeos abandonados á súa sorte en beneficio do rescate da banca e dos seus privilexios”.

Para o SGEP a UE non é “o modelo de democracia xenuína que soñaron os seus fundadores e parécese máis a un estado fortaleza"

Afirma así mesmo que a UE non é “un modelo pacífico” e lembra que “aínda non hai tanto tempo, avións europeos da OTAN bombardeaban sen piedade á poboación civil en Belgrado ou Kosovo na guerra da ex Iugoslavia, no mesmo corazón de Europa”. Ademais denuncia que “ben recentemente a UE ten actuado directamente ou por forza interposta no Norte de Africa e o segue a facer, levando a morte e a destrución a Libia ou a Siria”.

Para o SGEP “a paz non é simplemente a ausencia de guerra” pois “existen moitas formas de violencia ou moitas violencias. Probablemente, a máis opaca e descoñecida para a maioría da sociedade sexa a violencia estrutural, aquela que ten que ver coas inxustizas”. E en relación con iso “o goberno da Unión Europea, nestes momentos, está supeditado ós mercados e ós mercaderes”.

“Existen moitas formas de violencia ou moitas violencias. Probablemente, a máis opaca e descoñecida para a maioría da sociedade sexa a violencia estrutural, aquela que ten que ver coas inxustizas”

O Seminario lembra que “non é a primeira vez”, que o Nóbel galardoa persoas ou institucións “que desmerecen, coa súa práctica e comportamento persoal ou profesional, os obxectivos do premio”. E cita como” exemplo máis paradigmático” o de Henry Kissinger.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.