O Sindicato de Xornalistas culpa ao "contexto laboral e e empresarial" da cobertura do 'caso Asunta'

Algunhas das portadas publicadas sobre o caso Dominio Público Praza Pública

Quen é o responsable dos excesos informativos e da falla de ética amosada por algúns medios de comunicación no caso de Asunta Basterra? Os xornalistas? As súas empresas? Ambos os dous? Os lectores e espectadores? O Sindicato de Xornalistas (SXG) vén de facer público un pronunciamento, "ante o tratamento amarelo e sensacionalista que estes días se deu e está a dar, nos medios de comunicación de Galicia e de España sobre o caso", que advirte de que "o actual contexto laboral do xornalismo é campo abonado para este indefendible modelo pseudo-informativo en moitas máis ocasións". Cualifica de "enormemente inxusto e simplista" colocar sobre as costas de redactores e xornalistas gráficos "a responsabilidade única da indignante e pésima cobertura que se está a facer do caso" e conclúe que "máis precariedade no xornalismo implica unha peor información para a sociedade".

"O actual contexto laboral do xornalismo é campo abonado para este indefendible modelo pseudo-informativo en moitas máis ocasións"

O SXG reclámalle "autocrítica e reflexión profunda" aos editores dos medios de comunicación e lembra que as actuais condicións de precariedade laboral que dominan a profesión fan que para o traballador da información "resulte imposible facer uso de ningunha cláusula de conciencia para negarse a facer as coberturas de casos tan sensibles como este desde os enfoques editoriais sensacionalistas decididos polos seus xefes". En concreto, salienta que "a gran maioría dos medios galegos que máis cruentos están a ser no tratamento pseudoinformativo do caso levan tres anos con continuos recortes dos seus cadros de persoal, ERES, e rebaixando brutalmente os soldos dos poucos xornalistas que van quedando neles, ademais de sacar das redaccións a moitos xornalistas experimentados para substituílos por outros máis novos e peor pagados".

Engaden que "as prácticas laborais destas empresas deixan ás claras unha falta de aposta por un modelo serio de periodismo de calidade, reflexivo e de servizo á sociedade", pois "nunha aloucada competición entre medios" estase a elixir un modelo "de sensacionalismo, amarelismo, espectáculo e total falta de rigor informativo". O sindicato conclúe que se trata dunha "elección consciente dos editores e donos deste medios que son os máximos responsables de todo o que se publica, do seu rigor ou falta del e do enfoque elixido que se lle ofrece á cidadanía".

"A gran maioría dos medios galegos que máis cruentos están a ser no tratamento pseudoinformativo do caso levan tres anos con continuos recortes dos seus cadros de persoal e ERES"

O sindicato afirma estar na obriga de denunciar "aquelas prácticas que contribúan a afundir no desprestixio social a esta profesión e aos traballadores que a exercen", xa que existe na sociedade "unha visión negativa sobre o xornalismo", constatada por enquisas e estudos, "e son situacións como esta as que contribúen con forza a desprestixiar a nosa profesión aínda máis se cabe".

O SXG propón a posta en marcha de ferramentas regulatorias coma o Estatuto do Xornalista Profesional, reclamado desde hai anos polos sindicatos de xornalistas a través do Foro de Organizaciones de Periodistas e rexeitado polos principais partidos do Estado, ou a creación de comisións independentes de control do audiovisual, que "poderían ter axudado a evitar en gran parte este indignante comportamento dos medios carente de responsabilidade social".

Finalmente, reclámalle a todos os medios que se dean "por aludidos desta mensaxe" e lémbralles aos traballadores da información "a importancia de tratar este tipo de temas coa maior sensibilidade a pesar da realidade laboral na que nos atopamos" e a ter en conta que "naquelas pezas nas que poñen as súas sinaturas fanse responsables tanto de que o contido foi elaborado cos debidos procedementos profesionais de verificación e veracidade", pois "non só é o seu prestixio individual o que está en xogo, senón o da profesión da que pretenden vivir".

Algunhas das portadas publicadas sobre o caso Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.