O Sindicato Labrego Galego vén de presentar unha batería de alegacións para impedir que saia cara a adiante o borrador que regula os cultivos enerxéticos forestais e que foi presentado, o pasado 3 de abril, na Mesa da Madeira. Segundo o SLG, os cultivos enerxéticos forestais afondarán no modelo da agricultura industrial, entendida como a suma de monocultivos, biotecnoloxía, agrotóxicos e capital financeiro.
Para obter o máximo rendemento, estas plantacións requiren facer un traballo de control da vexetación competidora, abonado, tratamentos fitosanitarios e incluso rega. De tal xeito que hai gran dependencia de insumos externos e aumenta o uso de produtos agrotóxicos. "Por todo isto -din- os cultivos enerxéticos non van contribuír a solucionar a crise agrícola, nin a climática, como nos prometen".
O Sindicato denuncia que os cultivos enerxéticos "van entrar en competencia coa produción alimentaría e o noso xeito de vida do medio rural intimamente ligado ao monte"
O Sindicato Labrego engade que "se sumamos a destrución de ecosistemas, a introdución de especies invasoras e organismos xeneticamente modificados nos nosos montes, o feito de que as plantas de procesamento son fonte de contaminación do ambiente e a saúde da cidadanía, definitivamente o balance é negativo". E conclúe que "van entrar en competencia coa produción alimentaría e o noso xeito de vida do medio rural intimamente ligado ao monte".
O SLG denuncia, en concreto, que se están a ocupar terras dedicadas á produción de alimentos, "que manteñen postos de traballo e contribúen ó desenvolvemento e á vida do noso medio rural e que aportan un maior valor engadido ás rendas das persoas. Amparados polo goberno, as empresas do aproveitamento de agromasa para produción enerxética, están a facerse coas terras". Segundo o sindicato, "xa hai labregas que se viron privadas do uso de pasteiros que serán obxecto de cultivos enerxéticos forestais".
O SLG pide que o debate sobre os usos do monte sexa levado ao Consello Forestal de Galicia e que haxa unha consulta pública á cidadanía "sobre se queremos trocar os usos multifuncionais dos nosos montes"
Como conclusión, o Sindicato Labrego esixe a retirada do borrador da Orde pola que se regulan os cultivos enerxéticos forestais e se crea o rexistro de cultivos enerxéticos forestais e tamén que o debate sobre os usos do monte sexa levado ao Consello Forestal de Galicia e que haxa unha consulta pública á cidadanía "sobre se queremos trocar os usos multifuncionais dos nosos montes".