A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo en Madrid vén de notificar a súa sentenza na que estima substancialmente o recurso interposto polos veciños afectados pola ampliación de Alvedro e coa que declara “contraria a Dereito a urxente ocupación dos terreos para as obras de ampliación do aeroporto, anulando así o Decreto do Consello de Ministros auspiciado polo daquela ministro Pepe Blanco”.
O Supremo considera que a expropación forzosa urxente de terreos non estaba xustificada
Aquela expropación forzosa pola vía urxente aprobada polo Consello de Ministros, e promovida polo ex ministro de Fomento, permitiu que AENA ocupase os bens e dereitos necesarios para a ampliación de Alvedro “sen necesidade de aboar, previamente aos seus titulares o xusto prezo do expropiado”. Segundo recoñece o Supremo agora, para que a Administración “poida acudir á expropiación forzosa e sen remuneración pola vía urxente é necesario que concorra a imperiosa necesidade de executar unhas obras” o que lle permitiría non pagar no momento a indemnización correspondente mediante o aboamento do xusto prezo.
En definitiva, continúa aprobado o proxecto de Aena, que tamén foi recorrido nos tribunais, pero non a urxente ocupación, polo que Aena terá que devolver os terreos e chegar a acordo cos seus propietarios naqueles casos nos que non se chegase a un acordo antes e que se refire sobre a terreos particulares pero non tanto a aqueles onde se situaban fábricas ou granxas.
Para o Alto Tribunal, estas circunstancias non se deron naquel acordo do Consello de Ministros de novembro de 2010 xa que, como declara o Supremo, “non se ofreceu ningunha explicación nin razonamento sobre a concorrencia de circunstancias que xustifiquen acudir ao procedemento de urxencia en lugar de seguir o procedemento expropiatorio ordinario”, tal e como aclara Xoán Antón Pérez-Lema, avogado da Plataforma non á Ampliación, que agrupa a asociación de veciños afectados polas obras.
AENA deberá restituir os bens e dereitos expropiados aos seus titulares para, posteriormente, aboarlles o xusto prezo
Daquela, O Supremo anula a urxente ocupación da expropación forzosa, polo que o expediente expropiatorio “deberá retrotraerse para ser tramitado pola vía ordinaria. Isto significa, a efectos prácticos, que AENA deberá restituir os bens e dereitos expropiados aos seus titulares para, posteriormente, aboarlles o xusto prezo que corresponda e, só despois, proceder á ocupación dos mesmos”.
“Cómpre sinalar, a este respecto, que a devolución dos bens e dereitos non se producirá nos supostos en que os titulares acadasen un acordo de transmisión con AENA, posto que, neste caso, a natureza contractual do acordo exime da aplicación do procedemento expropiatorio”, explica o avogado, que aclara tamén que a sentenza “é firme e definitiva”, polo que “non cabe recurso ningún por parte do Estado”.
Coa devandita sentenza, o Supremo impolle ás administracións públicas unha corrección, ao aclararlles que a urxente ocupación de terreos “precisa de xustificar os motivos polos que os poderes públicos poden ocupar primeira e ocupar despois”.
Así, o avogado Pérez-Lema aclara que esta sentenza "supón un cuestionamento da política de infraestruturas do Estado". "Non é un abuso obrigas aos cidadáns a que perdan os seus dereitos e se pague primeiro a construción e logo aos veciños? Primeiro disparan e logo preguntan", aseguran. Pero ademais, con este ditame, o Supremo vén dicir que que a ampliación de Alvedro non era urxente ou que polo menos esa urxencia non foi xustificada polo propio Goberno do Estado, advertindo do uso abusivo desa urxente ocupación permitida no ordenamento legal.