O Supremo confirma que a Xunta vulnerou o dereito a folga

Cartel a favor da folga xeral CC-BY CIG

A Xunta de Galicia vulnerou o dereito a folga ao fixar uns servizos mínimos abusivos. Iso é o que confirma unha sentenza asinada pola sección sétima da sala contencioso-administrativa do Tribunal Supremo con respecto da folga xeral do 29 de setembro do 2010. O alto tribunal rexeita o recurso de casación da Administración galega e obrígaa a pagar 4.000 euros en concepto de custas, tal e como confirma CCOO.

CCOO cre "lamentable" que a Xunta siga ignorando as resolucións xudiciais

Ramiro Otero, coordinador da Área Pública de CC OO, lamenta agora este "dispendio do diñeiro de todas e todos", que se evitaría se a Xunta acatase "as numerosas sentenzas que en Galicia e no resto do Estado explican claramente como se deben fixar os servizos mínimos". O sindicalista considera "lamentable" que o Goberno galego siga ignorando as resolucións xudiciais e persista na "pretensión de vulnerar un dereito fundamental como é o da folga mediante decretos con servizos mínimos abusivos".

A sentenza fai agora definitiva a resolución xudicial que nas instancias anteriores lle daba a razón a Comisións, que denunciara os servizos mínimos da folga xeral do 2010, recollidos no Decreto 151/2010 da Consellaría da Presidencia e que prexudicaba especialmente este dereito fundamental na Crtvg, nos servizos educativos e no transporte escolar.

O Supremo remítese a sentenzas anteriores para afirmar que as "indicacións xenéricas" do decreto da Xunta non permiten "deducir cales son os elementos valorado" para fixar os servizos mínimos. No caso da Crtvg, educación e transporte escolar, o alto tribunal afirma que «a condición de “servizos esenciais” non exime a Administración demandada [a Xunta de Galicia] do deber de sinalar os dereitos concretos e bens en xogo nin a exonera de explicar "en que medida a folga xeral convocada os pon en perigo".

No caso da Crtvg, recríminalle que o decreto da Xunta non diferencia "entre servizos informativos e de emisión xeral", contravindo o criterio do Tribunal Constitucional que considera que a emisión de programas gravados durante unha xornada de folga "constitúe un dobre prexuízo para o traballador e un beneficio para o empregador, pois, por un lado, a presión que con tal medida [a folga] se pretende vese diminuída ao non se facer visible para a audiencia [...] e, polo outro, soporta un dano económico".

"É un severo correctivo á Xunta, pero haerá novas resolucións no mesmo sentido e sobre outras folgas"

En opinión de Ramiro Otero, a resolución do Supremo é un "severo correctivo" á Xunta de Galicia, que "persiste en ignorar as sentenzas que se lle acumulan sobre a mesa, todas na mesma dirección", e avanza que, previsiblemente, nos próximos meses haberá novas resolucións no mesmo sentido con motivo das folgas que se convocaron posteriormente.

Cartel a favor da folga xeral CC-BY CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.