A conexión de ferrocarril entre o Porto Exterior de Ferrol e a cidade e o peirao de Curuxeiras é unha vella demanda. Sobre todo, tendo en conta o caótico desenvolvemento que o porto tivo dende que se puxo en marcha a súa construción, pois foi planificado sen accesos por estrada ou ferrocarril, inaugurouse sen pompa por mor do seu illamento e escasa actividade, e tivo que competir case dende o comezo cun proxecto moi semellante e moi custoso, a uns poucos quilómetros de distancia en Punta Langosteira. Porén, o que podía ter sido unha obra beneficiosa para a actividade económica da comarca vai camiño de ser un novo pesadelo para Ferrolterra.
O trazado escollido para a conexión, o trazado sur, inclúe unha ponte por riba da Enseada da Malata, un espazo de 1,2 millóns de metros cadrados que nas últimas décadas veu sufrindo sucesivos recheos e unha crecente contaminación. Este viaducto de 285 metros impedirá o acceso e saída de embarcacións, condenando a enseada á inactividade, impedindo a súa limpeza e rexeneración e o regreso da actividade marisqueira. En abril o Goberno central decantouse por este trazado, de 6,7 qulómetros, fronte ás alternativas centro e norte. Os grupos opostos ao trazado sur, dende grupos ecoloxistas, partidos (AGE, BNG, PSOE, Independentes por Ferrol), sindicatos, mariscadores até particulares, presentaron ducias de alegacións, e puxeron en dúbida mesmo que o trazado sur sexa finalmente máis barato e curto.
Nos últimos meses foron varias as concentracións e actos de protesta. Ao berro de “tren ao porto si, pero non así” ou “Demolición do muelle do carbón”, as distintas entidades mobilizadas lembaron a diversidade biolóxica da enseada, sinalando que unha vez construída a ponte, o proceso de degradación irá en aumento, o que fará case inevitable un recheo definitivo que comerá por completo esta parte da Ría de Ferrol. Nunha destas concentracións, Xandro García, de ADEGA, e un dos voceiros do colectivo, destacou o alto valor ecolóxico e produtivo que ten aínda a ría, malia a falta de funcionamento da depuradora e aos lodos acumulados nela. E concluíu que a construción do trazado sur suporía matar a Enseada da Malata, que vén ser unha "ría dentro da propia ría".
A enseada que forman A Graña, A Malata e A Cabana é das poucas zonas polas que a cidade de Ferrol ten unha saída directa ao mar. A pesar de estar rodeada pola ría, murallas e verxas da autoridade portuaria, da armada ou de Bazán, impiden esa saída directa. Nos anos 50 a enseada perdeu parte da súa superficie, polas obras de construción dun ferrocarril cara á base militar da Graña, que finalmente non se realizou. Máis tarde, o peirao carboeiro pechou en parte a entrada da enseada, aínda que nun comezo o acceso realizábase a través dunha ponte que permitía a entrada e saída de mareas. A enseada funciona actualmente como un viveiro natural de cría de bivalvos dela sae toda a larva de bivalvo que despois se cría no resto da ría. Cunha depuradora, recuperaría a produción de 4000 quilos diarios.
Hai uns meses a ministra de Fomento, Ana Pastor, interesouse polo tema, ao ser testemuña dunha protesta, convocada ante a súa visita a Ferrol. Máis adiante, técnicos do ministerio comprometéronse a estudar o caso. Porén, os meses foron pasando sen novidade. Hai uns días, os colectivos contrarios ao trazado sur, "ante a falta de resposta dos Ministerios de Fomento e Medio Ambiente ás nosas peticións e mesmo a un recurso de reposición presentado en maio" sinalaban que "a poboación ferrolá non debería emitir nin un so voto nas próximas eleccións a ningún partido que defenda este atentado a nosa ría". De igual xeito, pedíanlle ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, que "una á poboación de Ferrol e demais concellos da ría e súas corporacións que xa están unidos e non queren máis agresións nin recheos na ría". Tamén lle lembraron que nas últimas eleccións municipais, nas que obtivo a vitoria, "adquiriu con este colectivo o compromiso de defender a alternativa norte e as alegacións que fixo a estudo informativo o propio Concello de Ferrol"