O TS rebaixa a pena de Carlos Calvo de 12 a 7 anos

Carlos Calvo Dominio Público Praza Pública

A Sala Segunda do Tribunal Supremo vén de ditar sentenza sobre o recurso presentado polo avogado de Carlos Calvo contra a sentanza que en maio do pasado ano o condenou a 12 anos de cadea por “tenza de explosivos e pertenza a organización terrorista”. O fallo estima parcialmente o recurso, desbotando a acusación de pertenza a Resistencia Galega, pero mantendo unha pena de 7 anos de prisión polo delito de colaboración con banda armada na súa modalidade de tenza e transporte de explosivos.

O fallo estima parcialmente o recurso, desbotando a acusación de pertenza a Resistencia Galega, pero mantendo unha pena de 7 anos de prisión polo delito de colaboración con banda armada na súa modalidade de tenza e transporte de explosivos

A sentenza determina que non existen probas sólidas que permitan asegurar que Carlos Calvo pertenza a organización terrorista ningunha. Na sentenza condenatoria de Carlos Calvo, que contaba co voto particular dun dos tres xuíces do tribunal a favor da súa absolución, esta acusación baseábase, principalmente, na declaración de Xurxo Rodríguez, que incriminou a Calvo a cambio dunha importante redución da súa condena. Tanto esta declaración coma os outros dous elementos de proba (unha carta manuscrita da compañeira sentimental do acusado, suxeita a interpretación, e os informes policiais de intelixencia) son consideradas pola nova sentenza como insuficientes para considerar a culpabilidade de Calvo.

O fallo, con todo, confirma a sentenza orixinal nos restantes puntos, comezando pola tenza de explosivos para, presuntamente, atentar contra unha sede do PP, e a consecuente acusación de colaborar cunha banda armada: "as probas acreditan a súa conexión coa banda e unha colaboración con ela en actividades terroristas (...) pero non a súa pertenenza á mesma". O recurso presentado alegaba tamén a inexistencia da tal organización Resistencia Galega; porén, a sentenza reitera "que Resistencia Galega, existe, está vixente e reúne as condicións precisas para integrar o concepto de organización terrorista, aínda que como se dixo (...) dados os limitados medios materiais cos que conta e o seu carácter incipiente, as súas actividades delictivas non sexan tan relevantes e sanguinarias coma outras bandas con maior tradición ou arraigo".

A sentenza reitera "que Resistencia Galega, existe, está vixente e reúne as condicións precisas para integrar o concepto de organización terrorista"

Como lembrou unha vez máis hai unhas semanas o seu avogado Benet Salellas, Calvo "sempre insistiu na sua negativa de pertencer a nenhum grupo que defenda a luita armada e assim o reiterou, nem só perante o juiz e na prisom, mas em todas as suas manifestaçons, escritos públicos e cartas".

Carlos Calvo leva en prisión no cárcere de Topas (Salamanca), en réxime de isolamento, desde setembro do 2011, cando foi detido en Vigo no marco dunha “operación antiterrorista” contra “Resistencia Galega”. Estudante de Filosofía e Antropoloxía e xornalista de profesión, trasladárase aquel 15 de setembro de Santiago a Vigo para preparar unha entrevista a Xurxo Rodríguez sobre a peña futbolística Celtarra á que este pertencía. Foi detido xunto con Xurxo Rodríguez ao comprobarse que este tiña no coche que estaba estacionado ao seu carón unha mochila con dous termos explosivos. Xurxo Rodríguez pactou coa fiscalía no xuízo na Audiencia Nacional, celebrado o pasado mes de maio, a súa rebaixa de pena de 18 a 6 anos de cárcere a cambio de incriminar a Carlos Calvo. O pasado 18 de xaneiro Calvo foi trasladado á prisión de Estremera, ao sur de Madrid, pois no penal de Topas van realizar obras nos módulos de isolamento.

Carlos Calvo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.