O TSXG frea o polígono industrial proxectado no Monte Pituco, "balcón" da Ría de Pontevedra

Vista da Ría de Pontevedra dende o Monte Pituco © Salvemos o Monte Pituco

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de declarar firme a sentenza que o pasado mes de maio lle ordenou á Xunta excluír o polígono Marín-Pornedo do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. O ditame subliña que o proxecto non é viable pola “decisiva influencia” das características orográficas da zona afectada e polos danos que provocaría a nivel físico, natural e paisaxístico, como levan anos alertando numerosos colectivos sociais. A Asociación Monte Pituco vai solicitar de xeito inmediato a execución da sentenza, o que implica que a Xunta teña que modificar o Plan Sectorial suprimindo a infraestrutura proxectada neste emprazamento sensible.

A entidade ratifica así a súa primeira vitoria xudicial tres anos despois de interpoñer o recurso contra o Plan Sectorial da Xunta. Non é a única loita legal emprendida por este colectivo veciñal a prol da defensa, protección e conservación do chamado balcón da ría de Pontevedra e da súa contorna, pois está pendente de sentenza o recurso presentado en xaneiro de 2013 contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Marín que clasificou o Monte Pituco como solo industrial.

O tribunal alerta de "afeccións ambientais, paisaxísticas e ao patrimonio cultural” no espazo afectado, onde se atopan os xacementos rupestres catalogados do Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro e a mámoa de Sete Camiños

O ditame do TSXG fai referencia precisamente ao informe de sostibilidade ambiental do PXOM marinense, que recoñece a “alta ou moi alta intervisibilidade” do Monte Pituco e a “alta exposición visual e o impacto paisaxístico” que tería a instalación dun polígono industrial nesta zona. O TSXG alerta tamén de "afeccións ambientais, paisaxísticas e ao patrimonio cultural” no espazo afectado, onde se atopan os xacementos rupestres catalogados do Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro e a mámoa de Sete Camiños.

O tribunal conclúe que a elección do Monte Pituco para acoller un parque empresarial non estaba convenientemente xustificada pola “insuficiencia” do informe de sostibilidade ambiental e lembra que as Directrices de Ordenación do Territorio establecen que na elección dun terreo para crear solo industrial “primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio, fronte á corrección, mitigación ou compensación” dos impactos.

O informe pericial topográfico tamén foi fundamental para que o TSXG desbotase esta ubicación, pois o 43% do espazo afectado ten unha pendente “moi abrupta” superior ao 25%, ao que se suma outro 29% cun desnivel entre o 15 e o 25%. Con estes datos, os maxistrados ditaminaron que a área empresarial Marín-Pornedo “non se pode localizar razoablemente” debido aos “importantes movementos de terra”, o “sobrecusto de urbanización”, a “afección ao medio”, os factibles “problemas de estabilidade” nos taludes e o “encarecemento” das obras.

Está pendente de resolución o recurso presentado en xaneiro de 2013 contra o PXOM do Concello de Marín que clasificou o Monte Pituco como solo industrial

A Asociación Monte Pituco anuncia que "seguirá reivindicando ante o Concello de Marín e a Comunidade de Montes de San Xulián que se poñan en valor os recursos naturais, paisaxísticos, patrimoniais e culturais deste espazo", ademais de "combater enerxicamente os intereses políticos, económicos e especulativos proclives á destrución e o abandono do balcón da ría".

 

Vista da Ría de Pontevedra dende o Monte Pituco © Salvemos o Monte Pituco
No lugar hai importantes xacementos rupestres que corrían perigo polo proxecto de construción do polígono © Salvemos o Monte Pituco
Outra imaxe deste espazo © Salvemos o Monte Pituco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.