O Valedor admite a trámite unha queixa pola emisión de touradas en TVE

Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

O Valedor do Pobo vén de admitir a trámite a queixa presentada por Galicia, mellor sen touradas en protesta pola emisión, por primeira vez en seis anos, dunha corrida de touros en TVE. A televisión pública retransmitirá este espectáculo, ademais, en horario infantil, onde en principio está prohibida a emisión de contidos violentos. O Consello Asesor de RTVE en Catalunya xa pediu que se desconectase o sinal naquel territorio durante o programa, pero finalmente a tourada tamén se verá alí.

A queixa de Galicia, mellor sen touradas non vai ter implicacións prácticas inmediatas (hoxe TVE emitirá en Galicia esta corrida), pero o Valedor solicitaralle un informe á consellaría de Presidencia. Porén, o colectivo lembra que a lei do Parlamento Galego que prohibiu a entra de menores de 12 anos nos espectáculos taurinos o pasado mes de decembro tamén veu precedida dunha queixa súa. Daquela o Valedor emitira unha recomendación e propúxolle a Presidencia que se limitara a idade de acceso.

O colectivo lembra que a lei do Parlamento Galego que prohibiu a entra de menores de 12 anos nos espectáculos taurinos o pasado mes de decembro tamén veu precedida dunha queixa súa

O voceiro do colectivo, Rubén Pérez, lembra que existen estudos que demostran que a visualización en vídeo de espectáculos violentos coma as touradas, teñen un impacto negativo neles, incrementando por exemplo os seus niveis de ansiedade. "Un rapaz de oito ou nove anos non entende o que está vendo, porque non ten o desenvolvemento psíquico suficiente, e non poden diferenciar por exemplo por que é licita a violencia contra os touros e non o é contra os cans, por exemplo", di. O colectivo de mozos e mozas de Galicia, mellor sen touradas, Moz@s pola Abolición, lanzou a iniciativa #ocaralloTVE para denunciar a volta das touradas a TVE.

 

Polémica modificación do Libro de Estilo de RTVE

Hai uns días o Consello de Administración de RTVE modificou o Manual de Estilo de RTVE para eliminar a referencia expresa aos touros dentro da sección de 'violencia con animais'. O texto de 2010 afirmaba que TVE "non emitirá corridas de touros polo seu horario, xeralmente coincidente co horario protexido ou de especial protección para a infancia". A modificación foi aprobada co votos dos catro conselleiros nomeados a proposta do PP, a conselleira de IU e o de UGT, o voto en contra do conselleiro de ERC e as abstencións dos dous conselleiros de PSOE e o de CiU. Sorprendeu especialmente o voto favorable de IU, que noutras ocasións se ten pronunciado, mesmo nos seus programas electorais, contraria a este espectáculo e a favor da eliminación dos subsidios públicos que o manteñen.

Rubén Pérez amosa a súa sorpresa polo feito de que neste horario infantil non se poidan emitir certos contidos considerados "violentos", normalmente de ficción, "por exemplo Rambo" e si unha corrida de touros

En calquera caso, con prohibición expresa ou sen ela, o artigo 16 do Mandato Marco de RTVE sinala que "velará polos dereitos dos menores" e non difundirá, entre as 6 e as 22 horas "contidos que poidan prexudicar o desenvolvemento psíquico ou moral dos menores, axeitando a súa programación de conformidade coas prescricións contidas no Código de Autorregulación de Contidos Televisivos e Infancia e os mandatos parlamentarios aprobados nese sentido".

A este respecto, Rubén Pérez amosa a súa sorpresa polo feito de que neste horario infantil non se poidan emitir certos contidos considerados "violentos", normalmente de ficción, "por exemplo Rambo" e si unha corrida de touros.

Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.