O Valedor do Pobo alerta de que a maior parte dos casos de LGTBIfobia non se denuncian, destacando que no que levamos de 2015 recibiu "menos de dez queixas concretas e específicas" procedentes deste colectivo por situacións nas que os seus dereitos foron vulnerados. Fíxoo na presentación do informe A situación das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, realizado en colaboración co tecido asociativo, que pide a fin das situacións discriminatorias en todos os ámbitos.
Deste xeito, o documento dálles voz ás demandas destas asociacións, centradas por exemplo na necesidade de incluír unha perspectiva non discriminatoria transversal en cuestións como a educación, a sanidade, o ámbito laboral, e tamén nas políticas de atención ás persoas maiores. Tamén subliñan a importancia de "educar na diversidade" e formar o profesorado, o alumnado e mesmo as familias para previr o bullying homofóbico, con especial atención ao grupo dos menores transexuais escolarizados. Tamén é central a demanda de acceso de mulleres lesbianas ou soas, a programas públicos de reprodución asistida, na actualidade prohibido en Galicia.
O Valedor do Pobo alerta de que a maior parte dos casos de LGTBIfobia non se denuncian, destacando que no que levamos de 2015 recibiu "menos de dez queixas concretas e específicas" procedentes deste colectivo
De igual xeito, o informe sinala que os sistemas públicos de saúde deben ter en conta as necesidades das persoas LGTBI, co que iso supón en materia de formación de persoal e políticas de saúde específicas para este sector da sociedade. No ámbito laboral, destaca que se debe promover que as empresas adopten medidas para garantir a igualdade de trato, por exemplo, mediante a adopción de códigos de conduta e de boas prácticas que inclúan medidas positivas para responder as necesidades das persoas LGTBI.
"Temos que seguir traballando para derrubar barreiras e acabar coa discriminación e os prexuízos sociais, para xerar unha sociedade na que todas as persoas poidan gozar plenamente dos seus dereitos en situación de igualdade real", conclúe o informe, que destaca que "a pesar de existir unha prolixa normativa antidiscriminatoria, a cidadanía que se autodefine como LGTBI non fai uso das ferramentas legais, administrativas ou penais, de que dispón para facer valer os seus dereitos", preguntándose polos motivos desta situación, que poderían estar no descoñecemento, no medo ou mesmo na desconfianza no sistema.
A Lei de igualdade de trato atribúelle ao Valedor funcións específicas en relación con esta comunidade, que van desde prestar apoio ás persoas que puidesen ter sufrido discriminación ata servirlles como órgano de mediación, iniciar de oficio investigacións ou instar a actuación das administracións públicas. Na elaboración do informe colaboraron Alas Coruña, Chrysallis, ALEAS-EU, FEGLBT, It gets better, Nós Mesmas, Ultreia LGTBI e 7 Cores.
Tamén é central a demanda de acceso de mulleres lesbianas ou soas, a programas públicos de reprodución asistida, na actualidade prohibido en Galicia
Un dos colectivos que colaborou na elaboración do informe, ALEAS-EU, cualificou como "moi positivo" que o Valedor do Pobo "recollera as demandas dos diferentes colectivos das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais da nosa comunidade". Para o seu voceiro, Noel Dopazo, o informe é "un pequeno avance, pero un avance, no camiño da loita contra a discriminación deste colectivo, aínda que non podemos pensar que vivimos nunha igualdade real". Dopazo subliñou que "seguimos sufrindo agresións cara ao colectivo LGTBI", que "van en aumento en cada ámbito da vida: escola, traballo, espazos públicos". "Segundo o último informe do Ministerio do Interior" -sinalou- "o 40% dos delitos de odio do 2014 foron causados por orientación sexual ou identidade de xénero, unha lacra coa que temos que loitar diariamente".
Dopazo denuncia que “a Xunta parece querer criminalizar as persoas que practican sexo libremente, en vez de adoptar medidas reais contra os contaxios de VIH”
A diferenza do Valedor, Dopazo amosouse crítico coa devandita Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación de persoas LGTBI en Galicia, que cualificou como "unha campaña publicitaria que quedou en papel mollado, posto que non se están utilizando os poucos contidos aproveitables que ten”. Así mesmo, denunciou que “a Xunta parece querer criminalizar as persoas que practican sexo libremente, en vez de adoptar medidas reais contra os contaxios de VIH”.