O Valedor alza a voz contra as talas masivas na Ribeira Sacra

Efecto provocado polas talas na paisaxe da zona © Valedor do Pobo

Hai uns días Amigos da Terra denunciaba a corta de centos de árbores nun espazo protexido da Ribeira Sacra, talas que afectaran a especies de gran valor e que afectaron a 80 mil metros cadrados. A entidade sinalaba que esta actuación, da que responsabilizaba á Consellaría de Medio Rural, entraba en contradición co intento de declarar a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

O Valedor do Pobo vén de unirse a esta denuncia, alertando de que estas "accións graves contra a paisaxe" fan perigar a candidatura. O Valedor ten constancia "da tala masiva de especies arbóreas de gran valor patrimonial nunha extensa superficie do canón do Sil", que ademais está protexida como Lugar de Interese Comunitario (LIC). Tamén advirte da "apertura de socalcos con maquinaria pesada nas ribeiras de Doade" e da plantación de piñeiros noutro LIC e hábitat de especies ameazadas no concello de Parada do Sil, algo que tamén fora denunciado pola Sociedade Galega de Historia Natural, que se dirixira á Dirección Xeral de Conservación da Natureza na procura de información sobre estas plantacións.

O Valedor afirma que "este tipo de actuacións, por ser unha ameaza para a integridade da paisaxe, teñen unha incidencia moi negativa nas posibilidades da candidatura". O alto comisionado sinala que "o firme compromiso dos habitantes do territorio coa protección e preservación dos atributos fan da Ribeira Sacra unha paisaxe cultural excepcional e única" e que "a aposta decidida pola sustentabilidade da súa xestión e da explotación económica dos seus recursos son condicións imprescindibles para evitar o fracaso deste proxecto". 

O Valedor afirma que "este tipo de actuacións, por ser unha ameaza para a integridade da paisaxe, teñen unha incidencia moi negativa nas posibilidades da candidatura"

O Valedor lembra que a Unesco insiste en que a participación das comunidades locais no proceso da candidatura é "esencial" para que un ben ou espazo obteña a declaración pretendida pola Ribeira Sacra. "Elas mesmas deben estar convencidas de que teñen ao seu ao redor un lugar extraordinario e asumir o compromiso de preservación do seu Valor Universal Excepcional", di. O Valedor do Pobo fai un chamamento ao compromiso pola conservación desta paisaxe. "O obxectivo consiste en evitar toda presión que modifique ou cause danos á paisaxe como as construcións inadecuadas, a explotación desapropiada dos recursos ou a perturbación dos procesos ecolóxicos naturais", destaca. Condena, en definitiva, estes exemplos de xestión non sostible do territorio e que poden poñer en cuestión as aspiracións da comunidade ante a Unesco".

Na súa denuncia orixinal, Amigos da Terra centraba as súas críticas nos responsables da Xunta de Galicia, polo que consideraban "unha demostración máis da incapacidade, incompetencia, desleixo e falla de medidas axeitadas á hora de protexer a biodiversidade e os recursos naturais".

Efecto provocado polas talas na paisaxe da zona © Valedor do Pobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.