'O Valo': o teatro leva o sufrimento dos refuxiados aos centros de ensino

Imaxe da obra © Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Con motivo da celebración hoxe martes do Día Internacional das Persoas Refuxiadas, esta semana estréase a obra O Valo, realizada por Pallasos en Rebeldía e Culturactiva baixo a dirección de Iván Prado sobre un texto de Carlos Labraña gañador do Premio Manuel María. A peza poderá verse estes mércores 21 ás 11 horas no CEIP de Lourido de Poio. Nas vindeiras semanas a obra xirará por outros dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entre eles Laxe, Redondela, San Sadurniño, Ames, A Guarda, Caldas, Ourense, Cabanas e A Coruña. Unha versión máis complexa técnica e escenograficamente será estreada no Festiclown, Festival Internacional de Clown de Galicia, en agosto en Vilagarcía.

A obra representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra (Sahara) e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles, personaxes encarnados por Fran Rei e Saleta Fernández. "Un encontro a ambos os dous lados dunha fronteira que non só separa a civilización do baleiro, senón que abre unha ferida no corazón da humanidade", destacan os responsables da peza. "Fronte ao pensamento patético e torpe do Soldadiño de Chumbo, que obedece ordes dos seus superiores desde a fe cega no que sempre lle dixeron que tiña que facer, oponse a sensibilidade de Sahara, unha rapaza que foxe da guerra e que recibiu tantos paus na vida que xa poucas cousas poden detela", explican. A forza e a dignidade desta nena refuxiada farán reflexionar ao público en contraste co soldado, cuxo corazón se debate entre a obediencia, que mesmo lle pode levar a matar en nome dunha patria, e a fraternidade que lle impulsa a romper todos os valos.

Pallasos en Rebeldía quixo crear e producir este espectáculo, coa crise das persoas refuxiadas de fondo, para convidar o público infantil "a reflexionar e tomar conciencia sobre esta problemática que está a se enquistar nas nosas fronteiras". E lembra que -como denunciou Amnistía Internacional- “a xente morre mentres os gobernos gastan miles de millóns en controlar as fronteiras".

 

As cifras da vergonza para España

Dende o 2014, 14 mil persoas morreron afogadas no Mediterráneo tentando chegar a Europa

Este martes 20 de xuño celébrase o Día das persoas refuxiadas. Unha xornada axeitada para lembrar algunhas cifras que cobren de vergonza os países desenvolvidos. No mundo hai 65,6 millóns de desprazados internos e refuxiados (datos da ONU para o ano 2016), unha cantidade que se incrementa cada minuto noutras 20 persoas. Entre eles e elas hai 22,5 millóns de refuxiados e refuxiadas; dos que o 55% proceden de tres países: Siria (5,5 millóns), Afganistán (2,5 millóns) e Sudán do Sur (1,4 millóns). En canto aos desprazados e desprazados a lista está encabezada por Colombia (7,4 millóns), Siria (6,3 millóns) e Irak (3,6 millóns). 

Outras cifras son máis próximas e, en consecuencia, máis oprobiosas para España e para o conxunto da UE. Por exemplo, a das 14 mil persoas que dende o ano 2014 morreron afogadas no Mediterráneo tentando chegar a Europa, 1.800 no que levamos de 2017. A maior parte (o 85%) faleceron entre Libia e Italia, pero 331 morreron nas costas españolas, 15 delas por culpa de disparos de pelotas de goma e 4 golpeadas.

O Estado español só acolleu algo máis de mil persoas das 17.337 que se comprometeu a recibir no prazo de dous anos

Outra cifra para a vergonza é a de 17.337, o número de persoas refuxiadas que en 2015 España aceptou acoller, un compromiso que case dous anos despois non chegou sequera ao 10%. "Non se trata de xenerosidade, nin sequera de solidariedade; é xustiza. España debe responder á legalidade internacional. O Goberno debe cumprir dunha vez o compromiso que asumiu coa Unión Europea. O tempo esgótase e non vemos vontade ningunha para acoller ás 16.033 persoas que teñen que chegar antes do 26 de setembro. Inventar escusas e elaborar discursos enrevesados que eluden responsabilidades atenta directamente contra a dignidade das persoas refuxiadas -e mesmo contra a da poboación española-. Xa abonda", escribe este martes Francesc Mateu i Hosta, vicepresidente da Coordinadora de ONGDs.

En 2015 España só concedeu o 0,4% dos visados por razóns familiares ofrecidos polos países da UE

Este luns, ademais, Oxfam Intermón denunciou a través dun informe que o Goberno español "pon moitas trabas á agrupación familiar de refuxiados, unha das escasas vías seguras e legais para as persoas refuxiadas". A ONG explica que "do case millón de persoas que cruzaron o Mar Exeo en 2015 (derradeiro ano do que hai información), moitas fixeron esta perigosa viaxe para reunirse cos seus familiares", en concreto un 44% dos refuxiados sirios e un 20% dos e das procedentes de Afganistán. Porén, os gobernos europeos tan só concederon ese ano 78.772 visados por razóns familiares ás persoas chegadas a Grecia. E, o que é máis grave, o Goberno español apenas ofreceu 327 (o 0,4%). Oxfam lembra que a agrupación familiar "é unha vía segura e legal para refuxiados que podería evitar que moitas persoas, incluídos menores, xoguen a vida en perigosas viaxes acudindo a mafias e traficantes" e esixe desenvolver o Regulamento da Lei de Asilo (hoxe inexistente) e superar as súas actuais limitacións e eivas burocráticas (o proceso, mesmo nos poucos casos que vai adiante, pode tardar máis dun ano).

 

En 2015 España só concedeu o 0,4% dos visados por razóns familiares ofrecidos polos países da UE © Pablo Tosco / Oxfam Intermón
Unha imaxe da obra © Pallasos en Rebeldía
A obra, dirixida por Iván Prado, está interpretada por Fran Rei e Saleta Fernández © Pallasos en Rebeldía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.