O vertido tóxico que no 2009 matou 17.000 peixes no río Barbaña queda sen castigo

Concentración á porta do tribunal que xulgou o vertido que en 2009 acabou con 17.000 peixes mortos © Esquerda Unida

En xuño de 2009 un vertido tóxico e cunha elevada presenza de metais pesados chegou á estación depuradora de San Cibrao das Viñas (Ourense), procedente dalgunha das empresas próximas. As augas contaminadas estendéronse por cinco quilómetros do río Barbaña, matando máis de 17.000 peixes e causando danos valorados en 225.000 euros, nun dos maiores desastres medioambientais dos últimos anos na zona. A empresa responsable en primeiro termo do vertido nunca foi identificada e a investigación sentou no banco dos acusados ás persoas responsables do proceso de depuración de augas. Calcúlase que o vertido contiña máis de dúas toneladas de ácido sulfúrico concentrado ou equivalente.

A empresa responsable en primeiro termo do vertido nunca foi identificada e a investigación sentou no banco dos acusados ás persoas responsables do proceso de depuración de augas

A sentenza do Xulgado do Penal nº 2, coñecida este xoves, absolveu as catro persoas inicialmente xulgadas, deixando sen castigo ningún o grave vertido que tivo lugar hai algo máis de nove anos. Trátase da administradora e copropietaria da empresa concesionaria da EDAR de San Cibrao das Viñas e tres empregados máis da compañía, dous dos cales xa foran previamente exculpados de responsabilidade. Tamén o Concello de San Cibrao foi eximido. A denuncia fora presentada polas asociacións veciñais de San Breixo de Seixalbo e Ponte Noalla e a Asociación Barbaña, que posteriormente constituíron a Plataforma Ríos Limpos.

Na súa sentenza a xuíza determinou, en base aos informes achegados polos técnicos, que a empresa si podería ter evitado o vertido de ter contado cunha serie de elementos técnicos e dispositivos de seguridade, comezando por comportas automáticas que recollesen o vertido no momento en que se detectasen niveis irregulares de ph. Porén, o ditame determina que naquel momento ningún destes elementos era esixible legalmente, rexeitando que puidese existir un delito de comisión por omisión. Un ano despois do vertido, a EDAR de San Cibrao si incorporou os dispositivos técnicos que poderían ter evitado a desfeita.

O ditame determina que naquel momento ningún destes elementos era esixible legalmente, rexeitando que puidese existir un delito de comisión por omisión

A sentenza foi recibida de forma moi crítica polas entidades veciñais e ecoloxistas e formacións políticas que levan anos denunciando a situación deste río, alertando de que novos vertidos seguen a afectar de forma periódica ás súas augas, con maior ou menor gravidade.

A concelleira Montserrat Valencia (Ourense en Común), lamentou que "hoxe Ourense queda un pouco máis desamparado coa noticia da resolución xudicial sobre o río Barbaña, que deixa impune un dos maiores delitos ecolóxicos acontecidos na cidade e do que a canle fluvial non se recuperou xamais". Valencia destacou o traballo feito polas asociacións veciñais que denunciaron o caso, pero lembrou que "as veciñas e veciños non poden loitar sós contra os desatinos das administracións públicas". "Cando unha administración como o Concello de Ourense é testemuña e, ao mesmo tempo vítima continuada de vertidos que chegan á cidade, e non fai nada, en realidade está sendo cómplice do delito", subliñou. "A lei de responsabilidade ambiental é moi clara coa obrigada prevención empresarial e máis tendo en conta que os vertidos ao Barbaña véñense facendo dun xeito continuado anos atrás. Non era unha situación descoñecida polas administracións", advirte.

"Cando unha administración como o Concello de Ourense é testemuña e, ao mesmo tempo vítima continuada de vertidos que chegan á cidade, e non fai nada, en realidade está sendo cómplice do delito"

Nos últimos meses Ourense en Común propuxo que o Concello asinase un convenio cun equipo de especialistas da Universidade de Vigo orzamentado en 4.000 euros e que serviría para “dar o primeiro paso” e “contar xa en setembro cun coñecemento actualizado do estado ecolóxico, biolóxico, hidromorfolóxico e químico do río, como punto de partida para deseñar unha estratexia de recuperación ambiental”. Tamén o deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa parlamentar dirixida ao novo Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil  para demandarlle a aprobación de Plans de rexeneración de ríos que sofren constantes verteduras como son o Pesqueira, o Azúmara ou o Barbaña. Tamén nas últimas semanas a eurodeputada Ana Miranda e a deputada no Parlamento Noa Presas (BNG) denunciaron “neglixencia” do Goberno galego ante a contaminación do Barbaña, e pediron "medidas urxentes para a súa rexeneración".

 

EDAR de San Cibrao das Viñas © CHMS
Concentración á porta do tribunal que xulgou o vertido que en 2009 acabou con 17.000 peixes mortos © Esquerda Unida
O río Barbaña, ao seu paso pola cidade de Ourense © Concello de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.