O vídeo da loita veciñal na rotonda de Coia: contra a represión e o esquecemento

Escolta policial ao barco Alfageme, de camiño a Coia CC-BY-NC-SA GZFoto

Cos acordes de fondo de Come on, de The Hives, e a introdución coas palabras de Diego, imputado por un suposto atentado e lesións á policía tras unha protesta, comeza o avance da curtametraxe que a Asemblea Aberta de Coia difundirá nos vindeiros días polas redes. Un repaso da resistencia veciñal na rotonda do mesmo barrio en Vigo, a oposición durante meses contra "o desbaldimento de cartos públicos que supuxo chantar un barco alí, cartos que nunca había para axudas sociais aos milleiros de fogares empobrecidos da cidade".

O vídeo repasa a resistencia veciñal contra o barco na rotonda de Coia e "o desbaldimento de cartos públicos" daquela operación 

Aquela resistencia veciñal comezou a finais de 2014 e loitaba contra a colocación do coñecido barco Alfageme nunha rotonda do barrio de Coia, na que acabou chantado en febreiro logo de ser escoltado de noite por centos de axentes antidisturbios e policías locais desde a Autoridade Portuaria. Aquela teima supuxo para moitos vigueses un símbolo das políticas de dilapidación de cartos públicos fronte ás dificultades económicas de milleiros de familias en plena crise. O vídeo repasa o movemento xurdido contra esta operación, "así como a represión empregada polo goberno municipal para intentar acalar as razóns da oposición da instalación do buque". 

Refírense, entre outras moitas cousas, á condena dun ano de cadea a Xurxo R. M. por resistencia e lesións a un axente da policía local e, tamén, por ese proceso xudicial aberto contra outro activista, Diego, ao que se lle reclama tamén cárcere e varios milleiros de euros por responsabilidade civil. As novidades no proceso aberto contra este último coincidirán co lanzamento desta curtametraxe, que será público cando se coñeza o escrito de acusación, que pode solicitar entre 20.000 e 25.000 euros e condenas de entre 1 e 3 anos por cada un dos delitos que se lle atribúen e que sempre negou o afectado: atentado á autoridade e lesións. 

O vídeo formará parte dunha campaña contra a represión ante o inminente escrito de acusación e xuízo a un dos activistas

O teaser amosa imaxes de diferentes protestas e mobilizacións dos veciños, comparecencias públicas da Asemblea Aberta de Coia, enfrontamentos coa policía, o traslado do barco, a figura de Abel Caballero... E unha pancarta que resumía -e resume- o sentir dos participantes nas manifestacións: Non pode ser, o barco na rotonda e as familias sen comer.

"É unha forma de que non se esqueza o que aquí pasou, de repasar todo o ocorrido e de volvernos mobilizar ante a represión e o proceso xudicial aberto a Diego. A xente non debe olvidar a loita da rotonda, pero tampouco as consecuencias que tivo nin as conclusións que sacamos, que tamén se resumen no vídeo", explica a Asemblea Aberta de Coia sobre unha curtametraxe elaborada por un membro do colectivo que traballa no audiovisual. 

"É unha forma de que non se esqueza o ocorrido e de volvernos mobilizar ante a represión e o proceso xudicial aberto a Diego"

Resumirá unha protesta que comezara hai xa case dous anos. A cidadanía criticou o elevado custo da obra (de cando menos 100.000 euros, como recoñecera o goberno local de Vigo), que se sumarían a outros gastos xerados por este barco, que dende que fora adquirido polo Concello acumulara un desbaldimento de cartos públicos de case un millón de euros. A Asemblea Aberta de Coia lembraba as máis de 30.000 persoas desempregadas no municipio e propuxeron localizacións alternativas para a instalación deste barco, como por exemplo o Museo do Mar de Galicia ou na finca Zulueta, próxima ao museo. Pero o alcalde Abel Caballero e o grupo socialista, malia a oposición de PP e BNG, decidiu continuar adiante cun proxecto cuxas protestas acumularon varios detidos e unha importante mobilización da cidadanía. 

En menos de quince días, o vídeo sairá á luz completo e formará parte activa dunha campaña que durará, cando menos, os dous meses que haberá que esperar ata que Diego sexa xulgado. Daquela, o barco volverá ás portadas pero seguiriá chantado na rotonda como desde hai 16 meses. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.