"O xornalismo debe seguir incomodando aquelas persoas que teñen o poder"

Logo da conmemoración do décimo aniversario de 'Diagonal' Dominio Público Praza Pública

Diagonal fai dez anos. Que un medio independente e situado nitidamente na esquerda celebre unha década nas rúas e con perspectivas sólidas para o seu futuro é unha nova salientable, sobre todo tendo en conta as dificultades que debe superar calquera medio de comunicación ou calquera proxecto social nestes tempos. O quincenal celébrao este sábado en La Tabacalera de Lavapiés, nunha festa que coincidirá ademais coa reapertura deste centro social referencial e na que intervirá, entre outras persoas, Santiago Alba, e que inclúe unha mesa de debate con representantes de La Marea, eldiario.es, La Tuerka, DISO Press e Carne Cruda.

O xornal publicaba o seu primeiro número o 3 de marzo de 2005. Como eles e elas mesmas comentan na súa web estes días, moitas cousas cambiaron dende entón. Nos medios e na sociedade, na economía e na política españolas. A pesar das dificultades, Diagonal resistiu e creceu coa forza dos seus e das súas lectoras, ao redor de cinco mil subscritores e subscritoras, que sosteñen un medio cunha tiraxe media de dez mil exemplares, que se distribúen en máis de 200 librarías e puntos de venda. 

A pesar das dificultades, Diagonal resistiu e creceu coa forza dos seus e das súas lectoras, ao redor de cinco mil subscritores e subscritoras

Como destacan estes días na súa web, "ás veces pregúntannos cal é a clave para que Diagonal aguantara tanto tempo. Cremos que, máis alá da convicción de que o que facemos é necesario, e de certa teimosía colectiva, hai un elemento fundamental que adoita pasar desapercibido: a rede de afectos que une as persoas que participamos neste proxecto. Como nos dixo nunha entrevista Silvia Federici, 'cando te xuntas para facer política xúntaste nun senso moito máis amplo, non só nun senso abstracto de ser político'. Este senso máis amplo, afectivo, persoal, é un tecido que nos sostén, que fai que, máis aló dun proxecto político, Diagonal sexa unha comunidade na que te sentes recoñecida".

Pablo Rivas, un dos redactores de Diagonal, destaca que a pesar dun "contexto complicado", nos últimos anos "conseguiuse consolidar o proxecto porque hai unha base de lectores e unha comunidade moi fiel, que está aí e que apoia o proxecto porque Diagonal fai un xornalismo diferente". Rivas incide nas escollas temáticas do periódico: "Diagonal é xornalismo situado, é dicir, construído dende os movementos sociais, saíndo das grandes axendas e das novas que se repiten nos grandes medios de información. Nós poñemos o foco noutros temas, en temas diferentes. E cando tratamos os temas que outros tamén tocan, facémolo dende unha perspectiva crítica".

Lembra, ademais, que algúns deses temas que os grandes medios obviaban hai anos e aos que só medios como Diagonal emprestaban atención nalgún momento emerxen e son recollidos por todos, pero iso non quere dicir que antes non existisen: "Os desafiuzamentos son mainstream dende hai tres anos, pero xa había moitos desaloxos moito antes, e Diagonal xa informaba deles".

"Calquera medio debería cumprir un papel de crítica co poder", destaca, fiscalizando o seu labor a través da difusión de información veraz. "Porén" -critica- "a maior parte dos medios convertéronse en voceiros das grandes axencias e en difusores de notas de prensa. Medios coma nós debemos fuxir desa corrente, para poderlle contar á cidadanía o que está pasando". "O xornalismo debe seguir incomodando aquelas persoas que ostentan o poder e que o exercen en prexuízo do común", engade.

"Os desafiuzamentos son mainstream dende hai tres anos, pero xa había moitos desaloxos moito antes, e Diagonal xa informaba deles"

Rivas cre que moitos medios contribuíron durante anos ao descrédito e á crise de credibilidade do xornalismo: "Hai medios de comunicación que menten de forma deliberada e que buscan crear unha realidade paralela. Moitos medios practican unha neolingua, inventando unha realidade que non existe, por exemplo cando El País fala dos saltos masivos na valla de Melilla, ou dunha invasión". "A alternativa" -engade- "é traballar día a día os temas, gañar a confianza do teu público, comprometerte con el a que non lle vas mentir, a que non vas favorecer a unha forza política determinada ou a un grupo de poder".

Amósase optimista de cara ao futuro: "Coa explosión social que se está a vivir nos últimos anos, a xente vai achegándose a medios que contan a realidade dende outro punto de vista. Diagonal é e quere ser un medio profesional, independentemente de que teña unha base moi social. A nosa función é procesar moita información que flúe a través das redes". "Queremos manter a nosa perspectiva crítica e ir cada vez máis ampliando o noso radio de acción. Traballamos día a día para mellorar e para chegar a máis xente, a moitas persoas que aínda non nos coñecen. Para que a nosa forma de facer xornalismo e de contar a realidade chegue a máis xente", conclúe.

Portada do primeiro número de 'Diagonal' en marzo de 2005 Dominio Público Praza Pública
Logo da conmemoración do décimo aniversario de 'Diagonal' Dominio Público Praza Pública
Sede de 'Diagonal', no barrio madrileño de Lavapiés © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.