Obras postas en dúbida pola Xunta causan desprendementos sobre unha praia de Oleiros

Vista do cantil, con terreo desprendido, enriba da praia de Espiñeiro CC-BY-SA Praza Pública

Obras irregulares, ou polo menos postas en dúbida pola Xunta, provocan desprendementos sobre unha coñecida praia da localidade oleirense de Mera. Unha simple ollada permite apreciar con claridade as fendas no noiro, os restos de derrubes recentes e a caída de fragmentos de rochas ao areal de Espiñeiro, que espera centos de visitantes nas próximas semanas. A denuncia sobre esta situación está desde hai tempo no xulgado tras a demanda presentada pola muller que ten a súa residencia xusto enriba do terreo que se desprende.  Denuncia ao veciño da vivenda lindeira polas obras que terían causado os danos e a perda de terreo da súa parcela, así como a Demarcación de Costas por permitir traballos en dominio público e, segundo asegura, de maneira irregular.

Unha veciña denunciou a Costas e o seu veciño por unhas obras que terían causado desprendementos sobre a praia de Espiñeiro

María Cervigón presentou o pasado ano unha denuncia ante o xulgado por esa presunta autorización de obras en zona de dominio público marítimo. Tal e como aclara, os traballos permitidos ao seu veciño durante anos provocaron tamén fendas no terreo e desprendementos mesmo de bloques de formigón, tanto da súa propiedade como da lindeira. E advirte de que se realizaron, a maioría deles, mentres rexía na zona unha suspensión cautelar de outorgamento de licenzas de obras que impedía actuar sobre a zona afectada. A pesar de que nun principio o xulgado arquivou a demanda, será agora a Audiencia Provincial a que decidirá se o proceso segue adiante tras o recurso presentado pola afectada.

Desde o Concello de Oleiros recoñecen o "risco" e advirten de que xa "puxeron encoñecemento de Costas" o caso. "A seguridade nas praias é competencia municipal, pero non no caso de noiros e cantís, como sucede neste caso, que lle corresponde reparalos a Costas", aseguran desde a administración local, que asegura que xa colocou "un cartel alertando do perigo de desprendementos". "Seguiremos insistindo a Costas para que aborde esta situación, na que existen riscos", din.

O Concello de Oleiros recoñece o "risco" e advirte de que xa puxo "en coñecemento de Costas" o problema

A denuncia presentada vai, en concreto, contra o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, por ese suposto delito sobre a ordenación do territorio e urbanismo ao autorizar as obras, así como contra o residente da vivenda lindeira por uns polémicos traballos. A pesar de que este diario tentou coñecer as impresións do representante de Costas, foi remitido á Delegación do Goberno, ao ser a Avogacía do Estado quen o defende, que tampouco valorou aínda a situación do proceso xudicial.

 

Anos de queixas e denuncias

Cervigón leva anos denunciando unhas obras que provocaron, segundo alerta, tremores e desprendementos constantes na súa propiedade. Di posuír fotos acreditativas do estado do noiro ata o ano 1996, no que comezan os traballos, así como comparecencias notariais do anterior inquilino da vivenda asegurando non existir construción ningunha enterrada ou semienterrada na súa propiedade. "Ata a chegada do novo propietario non existía perigo ningún nin houbo desprendementos", asegura Cervigón.

O caso é que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), dependente da Xunta de Galicia, si observou irregularidades cando en marzo de 2017 elaborou un informe no que confirmaba que o veciño construíra unha especie de adega subterránea no cantil que, segundo a denunciante, foi ampliando con sucesivas obras "tapadas e disimuladas con maleza" durante os últimos anos.

A APLU certificou a existencia dunha construción subterránea no cantil que ocupaba parte do dominio público marítimo terrestre

Segundo a APLU, esta estancia subterránea e semienterrada no medio do noiro tiña xa no momento da inspección uns 12 metros cadrados de superficie, con muros de formigón, e ocupaba parte do dominio público marítimo terrestre e parte da zona de servidume de tránsito.  Así o certificou no informe con diversas fotografías, aínda que só uns meses antes, en novembro de 2016, o xefe da Demarcación de Costas advertía tras varias denuncias dos veciños que non existía ningunha adega en dominio público marítimo terrestre.  A construción deste espazo no medio do cantil é evidente a primeira ollada desde a casa contigua ao terreo.

Cervigón advirte de que foron xa moitas as veces que avisou a Costas da situación e acusa este organismo dependente do Goberno central de "facer caso omiso" e de "actuar de maneira neglixente, por ignorar as denuncias e non actuar ante unha situación que pon en perigo" tanto á súa familia como "aos bañistas que se sitúan abaixo, na praia".  Pero a denunciante vai máis aló.

Hai xa 20 anos, a Asociación de Veciños Semade de Serantes, Maianca e Dexo, ademais de Cervigón, denunciou o mesmo veciño ante Costas pola construción dun muro que sobresaía e invadía zona de dominio público e que tería realizado, supostamente, aproveitando as obras de estabilización dun derrube producido só uns meses antes. Ao mesmo tempo, segundo a afectada e a entidade veciñal, aproveitou para construír outras escaleiras de acceso privado á praia de Espiñeiro.

"Mesmo aumentou o seu terreo no Rexistro da Propiedade mentres existía un período de suspensión cautelar, momento que aproveitou para construír outras escaleiras de acceso privado á praia e a adega semienterrada, algo que oculta Demarcación de Costas", insiste a denunciante, que mesmo acusa a este organismo estatal de facilitar un plano irregular e inexacto para que se puidesen levar a cabo as obras.

Segundo Cervigón, tanto as escaleiras como a construción subterránea carecen das licenzas necesarias. Ademais, advirte de que os muros que sosteñen a obra "estanse desintegrando" e supoñen un risco para as persoas que se acheguen á praia. "Nada tería tanta importancia se non fose polo perigo que supón para as persoas", finaliza, antes de alertar "do que xa ocorreu na Praia das Catedrais de Ribadeo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.