Obrigan traballadoras portuguesas a sacar leite para xustificar redución de xornada por lactación

Unha nai dalle o peito ao seu bebé CC-BY-NC-SA Anton Nossik

Dúas enfermeiras dos hospitais de Santo António e de S. João, no Porto, denuncian que nos últimos días foron obrigadas a probar -sacando leite ante médicos ocupacionais- a súa condición de lactantes, para xustificar así unha redución de xornada solicitada para ocuparse dos seus fillos e fillas neonatas. Denuncian que se sentiron "violadas" por unha práctica ilegal e "humillante", que terán que repetir trimestralmente.

"Senti-me completamente violada. Isto não é ético, é humilhante”

Maria dos Anjos Teixeira, 34 anos, foi convocada en febreiro a unha consulta de saúde ocupacional, en principio para garantir -segundo lle fora comunicado- a “protecção e vigilância da saúde e segurança” da propia nai e do seu fillo, sobre todo pola posibilidade de ter estado exposta no seu traballo no hospital a radiacións ou químicos. A profesional de saúde ocupacional que a atendeu informoulle de que ía comprobar "se tinha leite". “Pus a mama de fora e espremiu”, sinalou a enfermeira, que cualificou a acción de “absurda e ilegal” e de "bullying”.

É certo que a lexislación portuguesa obriga as mulleres que están a dar de mamar a entregar unha declaración médica todos os meses unha vez que os seus fillos ou fillas superaron o ano de idade. Faise para xustificar un permiso dun máximo de dúas horas diarias que se concede para a realización da lactación. Porén, nunca se esixira unha proba presencial e tan violenta. Tras rematar a consulta, Maria dos Anjos Teixeira foi convocada de novo en tres meses para realizar unha proba semellante, que se repetirá trimestralmente para comprobar que segue tendo leite.

O mesmo lle sucedeu en marzo á outra enfermeira denunciante, de 32 anos. Neste caso, a convocatoria do departamento de saúde ocupacional do hospital no que traballa sinalaba que debía actualizar o seu boletín de vacinas. Porén, unha vez na consulta, se lle esixiu facer a “prova de evidência de leite”. O médico xustificouse dicindo que “infelizmente havia muita gente a abusar” e que en caso de que negase a facelo, perdería o horario de lactación. "Senti-me completamente violada. Isto não é ético, é humilhante”, sinalou.

A enfermeira relaciona a esixencia desta proba cunha presión crecente sufrida polos e polas profesionais da saúde en Portugal, cada vez con máis carga de traballo, xa que non se cobren as baixas novas contratacións

A enfermeira relaciona a esixencia desta proba cunha presión crecente sufrida polos e polas profesionais da saúde en Portugal, cada vez con máis carga de traballo, xa que (ao igual que está a suceder en Galicia), non se cobren as baixas con substitucións e novas contratacións. “As mulheres grávidas são pressionadas para reduzirem os tempos de licença de maternidade. As lactantes são pressionadas para abdicarem do horário de amamentação", di. Recentemente, publicouse un informe que destacaba que ao redor dun terzo dos e das enfermeiras foran presionadas para non gozar dos seus permisos de paternidade ou maternidade.

Unha nai dalle o peito ao seu bebé CC-BY-NC-SA Anton Nossik

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.