Oito mulleres retoman a folga de fame de Ve-la Luz

As mulleres de Ve-la Luz en folga de fame © Ve-la luz

Oito mulleres de asociación Ve-la Luz veñen de comezar este luns unha folga de fame no seu local da Coruña. Fano 24 días despois de rematar a anterior, que durou un mes e que acabaron seis das dez que comezaron. Continúan coas mesmas reivindicacións que daquela, pero insisten neste xaxún para "rachar co silencio" da violencia machista e para denunciar tamén as "represalias" que, segundo elas, sofren as mulleres que denuncian, así como a "falta de aplicación" das leis.

As mulleres denuncian que as súas reivindicacións non foron atendidas logo de pasar o Día contra a Violencia de Xénero

Segundo aseguran nun comunicado, desde a súa denuncia do pasado 25 de novembro "o problema converteuse en terrorismo: mulleres e menores vítimas e sobreviventes da violencia de xénero foron sometidas de novo ao maltrato institucional, o incumprimento dos proxectos non de lei, mocións, protocolos... Volveron converter Galicia nun exemplo de mala práctica política".

"Queremos ver a saída que din que hai, porque pensamos que hai saída para nós, que ten que haber saída, pero que non podería atoparse nin coa mentira, nin coa corrupción, nin co castigo ás vítimas, nin co silencio", insisten as mulleres, que cren que hai "falta de intención" en fomentar medidas "reais" para combater a violencia, malia a mensaxe que se lanzou no Día Internacional contra a Violencia de Xénero. "É necesario denuncialo todo", enganden.

Ve-la Luz denuncia que foron arquivados as denuncias das mulleres da asociación como "represalia"

Para a agrupación, Galicia é "exemplo de malas prácticas" e senta "un precedente nefasto a imitar por outras autonomías". Refírense aos "sobresementos" das súas denuncias que aseguran que son froito das "represalias, dilacións e indefensións" das que acusan ao "sistema xudicial e político" que cren que reacciona "contra quen se atreve a cuestionalo".

Logo da anterior folga de fame dun mes, as mulleres non acadaron boa parte das súas reivindicacións, pero si que o Parlamento galego se comprometese a crear unha comisión de investigación sobre a situación real das vítimas e dos seus fillos e nas que elas terán voz, algo que consideran  un "fito histórico" e "unha vitoria" que, no entanto, cren que contrasta coa "morea de sinais que chegan desde as institucións" que, segundo denuncian, indican "que a impunidade dos maltratadores e abusadores non só non recibiu un duro golpe, senón que semella que vai resultar fortalecida". Ademais, critican que esta comisión non teña aínda data fixa, malia que fora prometida nos vindeiros tres meses.

Denuncian que a Audiencia Provincial lles decidise de sobreser "por falta de probas" os casos denunciados por cinco das dez vítimas que apareceron  nun vídeo onde se censuraba a feble actuación da fiscalía no Xulgado de Violencia de Xénero da Coruña e tras advertir de que o 31% das denuncias presentadas nese mesmo xulgadoo foran arquivadas.

Do mesmo xeito, critican "a desaparición de dotacións orzamentarias destinadas á protección das mulleres" e censuran que boa parte destes recursos se destinen "a campañas publicitarias para maquillar a realidade". Por último, tamén denuncian a situación dos Puntos de Encontro Familiar, que, segundo elas, son cualificados por algunhas vítimas como "puntos silenciadores do maltrato".

As mulleres de Ve-la Luz en folga de fame © Ve-la luz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.