Activistas de Greenpeace levaron a cabo este martes unha acción con motivo do reinicio do xuízo pola catástrofe do Prestige na Coruña. Varios membros da organización ecoloxista despregaron unha enorme pancarta na fachada do recinto de Expocoruña, onde se celebra a vista, coas caras de varios dirixentes políticos con importantes responsabilidades durante o afundimento e a posterior marea negra provocada polo buque.
Un grupo de persoas escalou ao teito do recinto para colgar a enorme pancarta
"Onde están os responsables?", rezaba unha gran pancarta na que se podía apreciar os rostros de Arsenio Fernández de Mesa, daquela delegado do Goberno en Galicia; Francisco Álvarez-Cascos, ex ministro de Fomento; Mariano Rajoy, ex vicepresidente e agora xefe do Executivo; Arias Cañete, daquela ministro de Agricultura e Pesca, ao igual que agora; e Jaume Matas, por aquel entón ministro de Medio Ambiente. "Evitemos o petróleo, evitemos os irresponsables", di tamén a pancarta, que foi colocada no edificio por uns escaladores que lograron acceder ao teito de Expocoruña.
Con esta acción, Greenpeace "sinala os responsables da catástrofe" e pide "que se abandone o petróleo porque pode ser substituído no sistema enerxético por renovables". O xuízo reiniciouse xusto dez anos despois da catástrofe coa declaración de Apostolos Mangouras, capitán do barco e principal acusado.