Os 700 millóns en axudas públicas que recibe a tauromaquia no Estado

Ana Miranda, cos eurodeputados Raül Romeva e Ramón Tremosa. © Delmi Álvarez

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, solicitou este mércores á Comisión de Agricultura da UE que adopte medidas para retirar os subsidios ao sector da tauromaquia na Unión Europea e para que se fixen sancións aos estados membros que utilicen as axudas da PAC para financiar a cría de touros e soster así "o desenvolvemento dun entretemento cuestionable".

Miranda fixo este anuncio na presentación do informe Touros e impostos. Subvencións do Estados español e da UE para a tauromaquia e cría do touro, elaborado polo deputado no Congreso por ERC, Alfred Bosch. O documento, difundido xa en xaneiro, fai un amplo repaso aos subsidios recibidos polas touradas e trata de demostrar como este sector "está fortemente subvencionado, tanto polos fondos das administracións españolas como polos fondos europeos". Ademais, insiste no argumento dos colectivos abolicionistas e dos grupos políticos contrarios a este espectáculo, que destacan sempre que "sen este apoio público, esta actividade recreativa afundiría economicamente e desaparecería".

As axudas públicas á tauromaquia procedentes da PAC chegan case aos 130 millóns de euros ao ano

Os datos recollidos no informe aseguran que a cantidade de cartos públicos que o Estado destina a subvencionar a tauromaquia non é inferior aos 571 millóns de euros ao ano, sendo esta unha cifra conservadora, ante a dificultade de acceder a datos oficiais. "A falta de transparencia orzamentaria impide comprobar algunhas liñas de financiamento", engade o informe, no que se asegura que "unha maior investigación" faría descubrir "aumentos adicionais" nas subvencións que "en ningún caso diminuirían as cifras sinaladas". Tendo en conta que as axudas públicas procedentes da PAC chegan case aos 130 millóns anuais, a cifra total sumaría perto de 700 millóns.

Os cálculos son conservadores, tendo en conta a "falta de transparencia" existente nas axudas públicas aos touros

A avaliación feita no informe, conservadora en calquera caso, céntrase no número de corridas, o seu custo medio e a proporción dos gastos cubertos pola venda de entradas e doutros ingresos privados que os propios empresarios da tauromaquia cualifican como escasos. Mesmo o Ministerio do Interior ofrecía datos en 2011 sobre o número de corridas e eventos de tauromaquia celebrados no Estado, que se elevarían a un total de 13.329, dos cales 1.724 son de primeira categoría e 11.605 de categoría inferior.

Así, o custo medio das corridas de primeira, nas que unha estrela toureira pode chegar a cobrar medio millón de euros, sitúase nos 600.000 euros, mentres que o dos eventos menores ascendería a uns 60.000. Os propios gandeiros recoñecen que o cheo nas prazas de touros case nunca serven para cubrir as dúas terceiras partes do seu gasto. Eles mesmos xa deron datos nos que asumen que os subsidios supoñen unha media de non menos do 33% dos gastos por corrida. Tendo en conta os 1.730 millóns de custo que suporían todos os eventos, e aplicando a terceira parte de subvención pública recibida e recoñecida polos empresarios taurinos, o apoio das diferentes administracións non baixaría nunca dos 571 millóns de euros.

O caso das subvencións europeas é aínda máis grave. O propio Goberno recoñecía hai anos que os principais ingresos na cría de touros de lidia, que xa non é negocio, "proveñen de vendas de touros e de subvencións da PAC". Malia que as axudas desta Política Agraria Común descenderon, España consumía en 2010 o 13,5% desta PAC e cobrou 5.160 millóns de euros, tal e como demostra o informe nos gráficos oficiais da UE.

As hectáreas españolas que podían recibir fondos europeos naquel ano ascendían a 21,5 millóns e practicamente todo o territorio que pode recibir subvencións termina recibindo subvención, tal e como destaca a UE. Os pastos dos touros de lidia inclúense nestes terreos e, malia o escurantismo das axudas a gandeiros privados, estímase que cada unha das súas hectáreas 240 euros das institucións comunitarias. Tendo en conta que hai 540.000 hectáreas dedicadas á cría destes touros, a cifra ascendería a case 130 millóns de euros (129,6).

Todo tendo en conta que nesta cifra non se inclúen unha morea de subvencións e axudas europeas que non dependen da PAC, pero que saen recollidas no informe a través de exemplos recollidos na prensa e en documentos oficiais. Nesta lista inclúense cartos do programa Leader ou do Proder.

Logo da presentación da informe este mércores na UE, Alfred Bosch preguntábase se "alemáns, suecos ou ingleses saben que se está pagando esta festa con subsidios agrícolas europeos", xa que o destino dos fondos das axudas da PAC acaban "sendo determinados polos estados", sen que moitas veces a Comisión Europea coñeza a que se dedican estes cartos públicos.

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.