"Os adolescentes teñen dereito a equivocarse e a poder reconducir as súas vidas"

O programa podería estenderse ao resto de Galicia © Arela

A Asociación Arela leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA). Agora vén de poñer en marcha o programa Convive.Comigo, un proxecto piloto na provincia da Coruña para conformar un banco de familias dispostas a convivir con adolescentes que están a cumprir unha medida xudicial.

No marco deste programa buscan e forman "familias e persoas que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades". "Buscamos un ambiente socializador e positivo que lle permita ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe", destacan. Falamos con Ánxela Álvarez Naya.

"Para adolescentes que cometan delitos no ámbito familiar -agresións ou ameazas aos seus pais e nais, irmáns ou avós- a medida que se considera máis adecuada é a convivencia noutro entorno, con outra persoa ou persoas"

Que tipo de adolescentes se teñen que acoller a esta convivencia con outras familias?

Segundo a Lei 5/2000, se un adolescente (de 14 a 18 anos) comete un delito ten unha responsabilidade penal, que ten que ser máis educativa que punitiva, dado que falamos de menores de idade. Cada tipoloxía de delito leva asociadas unhas medidas: por exemplo, se un adolescente destroza uns contedores aplícaselle unha medida de traballos en beneficio da comunidade, un número determinado de horas traballando nos servizos de limpeza. Para adolescentes que cometan delitos no ámbito familiar -agresións ou ameazas aos seus pais e nais, irmáns ou avós- a medida que se considera máis adecuada é a convivencia noutro entorno, con outra persoa ou persoas. O problema é que ata agora case non hai familias que leven a cabo isto. Estamos buscando persoas que se ofrezan a realizar estas convivencias con adolescentes que cometeran un delito deste tipo.

En que consiste o proxecto piloto Convive.Comigo? Cal é o voso labor?

O noso labor é, primeiro, difundir o programa e seleccionar as persoas que poidan estar interesadas e dotalas de coñecemento para estar preparadas para cumprir estas medidas. Trátase de darlles pautas de como se traballa con adolescentes, de explicarlles como é a lei, de que coñezan como é o perfil dos adolescentes que chegan a cometer estes delitos de violencia filio-parental. A demanda xorde do xulgado, porque é o xulgado quen quere aplicar estas medidas, pero non ten maneira de aplicalas. E é a Xunta quen lle encarga a Arela que leve a cabo este programa, porque é a Xunta quen lle ten que ofrecer aos xulgados os recursos necesarios.

De momento é un proxecto piloto que se está levando a cabo só na provincia da Coruña, pero a necesidade existe e as expectativas son boas, a idea sería que se ampliase a toda Galicia. É unha medida remunerada: dende a Xunta pagaríaselles 40 euros ao día, 1.200 euros ao mes, ás familias que leven a cabo esta convivencia.

En que consiste o proceso de formación que facedes coas persoas e familias interesadas?

Son as familias as que se deben poñer en contacto con nós. E a partir de aí realizamos unha entrevista para explicar ben o programa, resolver dúbidas... Deben despois completar un cuestionario e pasar por un proceso de formación, que se reparte entre 4 ou 5 sesións, para falar da adolescencia, pautas intervención, mundo de internet e redes sociais (porque é imprescindible se traballas con adolescentes), coñecer a lei e traballar a violencia de xénero e a violencia filio-parental. Consideramos importante abordar a violencia de xénero porque un adolescente que comete un delito así con 15 anos, se non se traballa con el, é posible que no futuro presente un risco de violencia de xénero. De momento xa conformamos un grupo de formación, con cinco persoas interesadas, coas que se está levando a cabo o programa.

"Consideramos importante abordar a violencia de xénero porque un adolescente que comete un delito así con 15 anos, se non se traballa con el, é posible que no futuro presente un risco de violencia de xénero"

Facedes despois unha vixilancia ou unha avaliación da convivencia e dos seus resultados?

Aí xa nos coordinariamos directamente cos CIEMA (Centros de Intervención de Medio Aberto), que na Coruña é a asociación Camiña Social. Eles son os encargados de manter informado o xulgado de que a medida se está cumprindo de maneira correcta. Se xorden problemas, son eles quen llo teñen que comunicar ao xulgado para que valore a aplicación doutras medidas.

Que duración ten esta convivencia?

Unha medida de convivencia con familias dura entre seis meses e un ano. Normalmente para que unha convivencia sexa educativa e funcione necesitas un tempo importante para ofrecerlle ese entorno ao adolescente e lle dea tempo a aprender.

"É máis doado atopar persoas e familias que queiran colaborar en cuestións de infancia, pero o ámbito da adolescencia está máis falto de recursos e de continuidade"

Que beneficios ten esta convivencia para estes adolescentes?

Sabemos que hai xente que se asusta ante este tema, que a posibilidade de acoller adolecentes na súa casa é algo que os bota para atrás. Pero é importante darlle apoio aos adolescentes. É máis doado atopar persoas e familias que queiran colaborar en cuestións de infancia, pero o ámbito da adolescencia está máis falto de recursos e de continuidade. Os adolescentes tamén son menores de idade e teñen dereito a equivocarse e a poder reconducir as súas vidas. Hai unha gran necesidade de dotar de máis recursos á adolescencia.

Como se poden poñer en contacto con vós as persoas interesadas en colaborar?

Dende a páxina web de Arela (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, e tamén poden chamar ao teléfono 986 21 25 37.

 

O programa podería estenderse ao resto de Galicia © Arela
Trátase dunha acción remunerada: dende a Xunta págaselles 1.200 euros ao mes ás familias que leven a cabo a convivencia © Arela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.