Un amplo grupo de afectados pola ‘estafa das preferentes’ petaba coa súa presenza nas portas da Semana Galega da Filosofía de Pontevedra. A conferencia que estaba a piques de arrincar tivo que procurar un novo emprazamento tras o peche da sala por parte da Policía e axentes de seguridade privada, e o presidente de Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, que ía disertar sobre ‘Galicia e Europa hoxe’, trasladou os seus enseres á Praza do Teucro para non falar "nun espazo que se pecha á xente"
Ferrín deu a conferencia na rúa para non falar "nun espazo que se lle pecha á xente"
A causa da protesta era filosófica e até metafísica, pero non apuntaba contra os contidos do encontro, senón, máis ben, andaba en sintonía con eles. Hai que buscala no emprazamento das xornadas nunha paisaxe recoñecíbel para os galegos: Novacaixagalicia a modo de vestixio nas roupas das azafatas do agora auditorio Novagalicia Banco, que conserva tamén en atriles e carteis os emblemas da efémera caixa única e de Caixanova e que, como advertiron os responsábeis da Semana “non sabemos se o ano que vén poderá ser aquí”. Iso quedou para moitos da ‘lea das caixas’ a modo de singular resumo. Hoxe, os afectados polas preferentes lémbralle ao presidente da Xunta e do Goberno estatal que "non miren para outro lado ante o calote pola comercialización destas participacións de Nova Galicia Banco e outras entidades". "Non sen pode consentir que lle dean miles de millóns á banca e non queiran solucionar esta estafa a pequenos aforradores".
A crítica de Toussaint
Achéganse sen intención como testemuños, ‘casos prácticos’, do que os filósofos levan días argumentando. Xa o primeiro día da Semana abriuse co gume do politólogo Eric Toussaint contra a mudanza das caixas: “Houbo supostos bancos cooperativos, como as caixas de aforro, que lle deron prioridade á acumulación inmediata de ganancias a calquera custo, e non respectaron o interese xeral, a razón moral da sociedade”.
Contra unha economía de casinos
Outro dos críticos foi Norbert Bilbeny, catedrático de Ética da Universidat de Barcelona e decano da súa Facultade de Filosofía. Contrario a rescates econónicos e defensor dunha profunda redistribución das riquezas, amósase duro cunha Europa na que os países ricos presionan os pobres, nunha economía internacional “de casino”. A súa conferencia chamouse ‘Europa en crise: o desafío cosmopolita’.
Pero, que entende Bilbeny por cosmopolitismo? "Unha actitude fronte a un nacionalismo que bebe dunha dimensión ideolóxica". Ao seu entender “estase a dar un nacionalismo de Estado extremo, que se lexitima a si mesmo a partir da intervención de poderes externos".
Bilbeny: "Estase a dar un nacionalismo de Estado extremo, que se lexitima a si mesmo a partir da intervención de poderes extremos"
Para Bilbeny, o obxectivo do mundo moderno é reformular o seu comportamento afastándoo da dinámica fallida neoliberalista, para que albergue os intereses da sociedade e desenvolva o sentimento cosmopolita. Pero unha das principais trabas para que isto se leve a cabo en Europa reside en que “se trata dun continente acomplexado de maneira obsesiva pola compoñente identitaria, algo que non acontece nos demais continentes”.
A identidade enténdese, en palabras do filósofo, como un proceso social en permanente construcción e hibridade, mentres que as posicións ortodoxas sempre verán que o diferente –facendo de sinónimo de inferior, inadaptado- no ollo alleo. “Non obstante, e malia todo, cada vez hai maior número de persoas que se senten europeas e Europa, non foi un éxito, pero nego que sexa un fracaso. Creo que Europa se debe facer por ser un exemplo de avance cara a un cosmopolitismo mundial, aínda que a moitos lles pareza quixotesco. Pero se trata dun proceso histórico, e os Estados tampouco existían hai 500 anos, ou quen ía dicir que a URSS desaparecería ou que China estaría onde hoxe está”.
"Defender a Constitución de 1978 como intocábel e até faltar ao espírito desta Constitución"
Para Bilbeny, os Estados nos impiden unha Europa federal coa que algún soñan. Arredor do caso catalán, escribía no diario La Vanguardia sobre a procura dunha terceira vía que traspasase a opción autonomista vixente, “vía esgotada”, como a independentista, “vía precipitada”.
Ao seu entender precísase dunha outra fórmula, e esta pódese lograr saídose do cómodo marco mental onde nos instalamos. “Defender hoxe a Constitución de 1978 como intocábel é até faltar ao espírito desta Constitución, que se fixo tras un pacto histórico e como un instrumento de arbitraxe. (…) Hai que abrirse xa ao constitucionalismo evolutivo, introducindo reformas na nosa Carta Magna. Neste novo pacto entraría tamén a lexítima forza do independentismo. Polo menos habería a ocasión de atoparse, falar e pactar, antes de que sexa demasiado tarde. Pode saír de aí o autonomismo do século XXI, que faga innecesaria a secesión e afaste dunha vez o monolitismo centralista”.
Emprendemento responsábel
Como punto final, Bilbeny defendeu en conversa con Praza, o emprendemento empresarial como medio para sair da crise: “Pero só será viábel a medio e longo prazo se o novo empresario comeza a pensar no interese conxunto e non só no propio; nas consecuencias das súas decisións e non no resultado inmediato; e ten sempre unha noción do límite que non se pode traspasar, e que se ultrapasou".