Os afectados polos desafiuzamentos comezan a campaña de escrache contra os deputados

Manifestación contra os desafiuzamentos en Vigo Dominio Público @PAHVigoTui

"Agardaremos os deputados, por exemplo, nas estacións de tren, metro... E aí os afectados tentarán achegarse até onde poidan para explicarlles a súa situación". Así explica un portavoz da PAH, Iván García, a campaña de sinalamento a deputados dos grupos parlamentarios que rexeitan os termos da súa ILP, é dicir, dación en pago retroactiva, paralización de todos os desafiuzamentos e promoción dos alugueres sociais. "Tamén organizaremos asembleas nas sedes dos partidos. O que queremos é que coñezan a realidade de primeira man, que non quedan só co que ven na televisión", engade García. "Se os deputados non veñen ás asembleas, as asembleas irán aos deputados", sinala.

Con esta iniciativa, a plataforma avanza na súa campaña de presión política "Hai vidas en xogo" que comezou hai unha semana co envío dunha carta aos deputados na que os convidaban a asistir e participar nas súas reunións e así "coñecer de primeira man e en directo a realidade" das persoas afectadas. Segundo a PAH, tan só unha deputada, de Coalición Canaria, respondeu favorablemente á misiva.

"Tamén organizaremos asembleas nas sedes dos partidos. O que queremos é que coñezan a realidade de primeira man, que non quedan só co que ven na televisión"

Tras esta primeira fase, e despois dun escrache dixital -enviaron 1.500.000 de correos electrónicos e saturaron as redes sociais dos deputados coas súas peticións-, este xoves comezará a segunda fase, que García define como "escrache analóxico", un termo para definir as campañas de denuncia e sinalamento público que ten a súa orixe en Arxentina.

Este segundo período dividirase á súa vez en dous pasos: primeiro, serán os propios afectados os que tenten achegarse aos deputados pola rúa e informalos da súa situación. Así mesmo, levará a cabo unha masiva pegada de carteis para dar visibilidade á ILP e ao significado de escrache. Aínda que é unha opción que polo de agora permanece en stand-by, máis adiante o escrache podería ser máis intenso. A PAH escribe: "Concentrarémonos diante da vivenda do deputado/a con cazos, chifres, equipos de música, etc, para que esta persoa non viva allea ás dramáticas consecuencias que o seu comportamento está a ocasionar a milleiros de persoas e senta a incomodidade nos seus actos cotiáns (comprar o pan, ir ao traballo, ao cinema, etc) xa que toda a veciñanza estará informada por carteis e as diferentes manifestacións na porta da súa casa da súa actividade". A PAH traballa cos seus avogados para elaborar diferentes accións sen que sexan criminalizados.

"Non imos deixar lugar á violencia. É máis, nós nunca fomos violentos, en todo caso a violencia foi a dos desafiuzamentos"

En resposta ás críticas a un posible carácter violento das actividades que efectúen, o portavoz deféndese e asegura que todo será pacífico: "Non imos deixar lugar á violencia. É máis, nós nunca fomos violentos, en todo caso a violencia foi a dos desafiuzamentos".

A mesma opinión foi expresada por Ada Colau nunha entrevista a Joao França: "Como non hai xustiza formal, organízase unha xustiza social, e é a cidadanía a que, sen facer ningún tipo de acto violento, organízase colectivamente para sinalar estas persoas, para visibilizalo e que todo o mundo saiba que aquela persoa, que se move naquel barrio, e que vai comer aí, que traballa alá e que fai ese acto público, é responsable desta serie de cousas".

Manifestación contra os desafiuzamentos en Vigo Dominio Público @PAHVigoTui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.