Os alcaldes da Coruña, Compostela, Pontevedra e Ferrol encabezan o manifesto pola absolución de Emilio Cao

Suso de Toro, Lucía Suárez e Marilar Aleixandre, con Emilio Cao Dominio Público Praza Pública

Os alcaldes de 4 das 7 cidades galegas (Xulio Ferreiro, da Coruña; Martiño Noriega, de Compostela; Miguel Anxo Fernández Lores, de Pontevedra; e Jorge Suárez, de Ferrol) encabezan o manifesto pola libre absolución de Emilio Cao, que este mércores foi presentado en Santiago. O texto está apoiado por moitos máis alcaldes e alcaldesas e representantes políticos e do mundo da cultura, un cento de sinaturas ás que dende hoxe se poden sumar todas as persoas que o desexen.

O vindeiro luns terá lugar en Madrid o xuízo contra este mozo do Carballiño, que pode ser condenado a 5 anos e 8 meses de prisión

O manifesto foi presentado por Marilar Aleixandre e Suso de Toro, que acompañaron en rolda de prensa ao propio Emilio Cao e a Lucía Suárez, da plataforma de familiares e amigos que apoia a este mozo do Carballiño, de 22 anos e que no momento da súa detención contaba só con 18. O vindeiro luns terá lugar en Madrid o xuízo, no que Emilio Cao pode ser condenado a 5 anos e 8 meses de prisión, acusado de agresión e atentado á autoridade -cargos que nega con rotundidade- na súa participación na primeira manifestación das Marchas da Dignidade, en marzo de 2014.

Na rolda Emilio Cao destacou que “lonxe de personificar a represión na miña persoa, hai que dicir que é unha realidade que padecen infinidade de persoas que deciden dicir basta e deciden non aceptar o status quo imperante". Hai uns días destacaba en conversa con Praza que "a lóxica xudicial funciona así. Buscan xerar medo, que a xente se afaste das cousas". Porén, este mércores concluíu a súa intervencións reafirmándose en que "a mobilización social non se vai frear", poñendo como exemplo a masiva resposta demostrada nas rúas pola folga e as manifestacións feministas do pasado 8 de marzo ou polas convocatorias en defensa da dignidade das pensións previstas para este sábado 17.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asinan tamén o manifesto

Marilar Aleixandre afirmou que “nós queremos situar o caso de Emilio Cao dentro da deriva autoritaria do Estado, como demostrou o Tribunal de Estrasburgo emendando a plana ao Goberno español. Quen debería estar na cadea é quen roubou e os responsables da desfeita das Caixas de Aforros”. "Para persoas coma min, que vivimos baixo o Franquismo, é terrible ver que neste momento hai cousas polas que nós loitamos hai moitos anos, cando aínda vivía o ditador, e que agora se están repetindo", engadiu. Unha idea que reiterou Suso de Toro: "Emilio é unha das vítimas dun experimento político que se está a dar en España, que evolucionou de ser un Estado totalitario a ser un Estado con certos rasgos democráticos, e que agora volve retroceder ao Franquismo"

O texto subliña que "Emilio Cao tomou partido. Elixiu facer parte da cidadanía rebelde. Sumouse ás moitas que tomaron as rúas para reclamar dignidade. Desafiou a orde da inxustiza. Agora queren impoñerlle un castigo exemplar". E conclúe que "Xuntas, fraternalmente, tomamos partido por Emilio Cao. Represéntanos. A súa loita é a nosa. Fronte ao autoritarismo do Réxime do 78, a súa dignidade e a súa rebeldía; fronte á represión do Réxime do Estado de Excepción, a nosa rebeldía e a nosa solidariedade".

 Para persoas coma min, que vivimos baixo o Franquismo, é terrible ver que neste momento hai cousas polas que nós loitamos hai moitos anos, cando aínda vivía o ditador, e que agora se están repetindo", dixo Marilar Aleixandre

O manifesto está asinado por todas as deputadas e deputados de En Marea no Parlamento de Galicia, no Congreso e no Senado, e do BNG no Parlamento de Galicia, encabezados polos voceiros de ambas formacións, Luís Villares e Ana Pontón. Tamén o apoian alcaldes e alcaldesas dunha ducia de localidades: Manuel Antelo de Vimianzo, Marcos Besada de Salceda, Rafa Cuíña de Lalín, Pilar Díaz de Mugardos, Félix Domínguez de Manzaneda, Ángel García Seoane de Oleiros, Antonio Negreira do Val do Dubra, Benito Portela de Sada e Rafa Sisto de Teo. Ademais, aparecen os nomes de Xosé Manuel Beiras, X.L. Méndez Ferrín, Teresa Moure, María do Cebreiro, Iolanda Zúñiga, Miguel de Lira ou Antonio Durán Morris, entre moitos outros e outras.

Emilio Cao Dominio Público Marchas da Dignidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.