Os catro independentistas xulgados rexeitan o uso da violencia

Sinal do xuizo emitida por irmandade tv Dominio Público irmandade.tv

Eduardo Vigo, Roberto Rodrigues, Antom Santos e Maria Osório, os catro independentistas acusados de pertencer a organización terrorista e de tenencia de explosivos, no caso dos dous primeiros, rexeitaron o uso da violencia na primeira xornada do seu xuízo na Audiencia Nacional. Tamén negaron calquera relación co grupo Resistencia Galega, co que a acusación os vincula, e defenderon que os "procesos políticos se desenvolvan por vías democráticas". Os acusados acumulan 18 meses na cadea, acusados de penas que poden chegar a 20 anos de prisión, nun proceso instruido polo xuíz Eloy Velasco.

Os catro acusados defenderon que os "procesos políticos se desenvolvan por vías democráticas"

Ademais das declaracións dos catro acusados e de varios axentes policiais, este luns tamén se puideron escoitar as declaracións, a través de videoconferencia, de Samuel Juárez, delegado do Goberno en Galicia, e dos portavoces dos catro grupos do Parlamento galego, a petición da defensa: Pedro Puy (PP), Abel Losada (PSdeG), Xosé Manuel Beiras (AGE) e Francisco Jorquera (BNG). Puy salientou que nos últimos tres anos, se produciron "cando menos" cinco acciónes violentas contra sedes do PP pero rexeitou culpar a ningunha organización en concreto do sucedido. Tamén Abel Losada lembrou que sedes socialistas sufriron ataques deste tipo pero afirmou que en Galicia non hai un "medo obxectivo". Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras salientou que "o nacionalismo galego non ten carácter terrorista", o mesmo que Jorquera, que destacou o seu carácter "democrático e pacífico".

Tamén se puideron escoitar as declaracións dos portavoces dos catro grupos do Parlamento galego, a petición da defensa: Pedro Puy (PP), Abel Losada (PSdeG), Xosé Manuel Beiras (AGE) e Francisco Jorquera (BNG)

O xuíz Alfonso Guevara, que presidiu a sala, interrompeu os interrogatorios dos representantes politicos en varias ocasións por considerar "improcedentes" as preguntas da defensa e mesmo mandou calar a Xosé Manuel Beiras: "¿Puedo aportar algo o no puedo aportar nada?", "Puede callarse". Tamén se dirixiu ao público presente na sala, familiares ou amigos dos acusados: "Se van a ir a la calle o al circo. Si tienen ganas de hablar, fuera y si tienen ganas de reírse, al circo". Outras das anécdotas da xornadas tiveron que ver cos erros nas traducións do galego ao castelán das declaracións dos acusados ou do material incautado, traducido "por un funcionario qus sabia galego", segundo recoñeceu un dos policías interrogados.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.