"Os cidadáns substitúen a Administración na protección do medio ambiente no río Sarria"

Activistas en defensa do río, encadeados ás árbores a pasada noite © Plataforma Sarriana polo Río

No pleno do pasado mércores, o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández non dubidou en afirmar que se "mollaba" polo río, facendo seu o lema do movemento social que loita en Sarria contra o tronzamento de máis de 150 de árbores e a destrución dunha morea de elementos patrimoniais por mor dun proxecto da Confederación Hidrográfica que prevé agrandar o leito do río para evitar credidas nunha zona na que os veciños advirten que non hai desbordamento ningún.

A Xunta di agora estar disposta a facer "melloras e axustes" nun proxecto que asegura que está cumprindo estritamente a normativa. Polo momento, os veciños lograron parar as obras e evitar que se tronzasen as árbores facendo garda e encadeándose. Paralizaron unha iniciativa coa que o PP amosou o seu desacordo cando estaba na oposición no Concello e cando era Fernández Liñares, daquela presidente da Confederación e agora principal imputado da operación Pokémon, o que lideraba o plan. A Delegación do Goberno tamén admite retoques no plan, pero "ata certo punto". Agora, a Plataforma Sarriana polo Río contesta ao conselleiro Hernández a través dunha carta na que lle recordan, tras as súas acusacións, que non  usan "nin mentiras nin manipulacións".

"O noso interese só é a redución, na medida do posible, do risco de enchente (obxectivo que non acadan as obras que se están a executar) mediante un proxecto inspirado por un espírito máis próximo á conservación e á recuperación que á destrución inxustificada da beleza e da riqueza do medio ambiente, do patrimonio cultural e da paisaxe", dinlle a un conselleiro ao que lle rebaten cada un dos seus argumentos.

"É demasiado modesto cando describe o papel que lle corresponde á Xunta no proxecto", dille a plataforma ao conselleiro

Así, lémbranlle que, malia que a Confederación Hidrográfica -e polo tanto o Estado- é o promotor da obra, o financiamento e execución dos traballos xorden dun convenio entre esta, o Concello e Augas de Galicia, "adscrita á Consellería de Medio Ambiente e que financia un 20% do orzamento". Pero, sobre todo, advírtenlle que é a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, tamén do seu departamento, quen pode "garantir efectivamente" que se respecte o medioambiente ao que o propio conselleiro aludiu no pleno do Parlamento. "É demasiado modesto cando describe o papel que lle corresponde á Xunta", explican.

Ao tempo, recórdanlle como a Secretaría de Estado de Cambio Climático, na súa resolución sobre a avaliación ambiental, advertiu da "necesaria modificación do proxecto" para incluír alguha condición adicional na que se "atribuía un papel relevante na garantía da protección medioambiental á Xunta". "E esas condicións non están a ser respectadas", insiste a plataforma, que destaca que o informe favorable da DX da Natureza sobre a eliminacion de obstáculos na canle do río Sarria non fora emitido cando o proxecto de encanamento xa fora aprobado e as obras iniciadas.

"Se o bosque de ribeira segue existindo é porque os veciños se encadearon ás árbores", recordan

Por iso, recorda a plataforma, "se o bosque de ribeira que acompaña ao río segue existindo entre Ponte Ribeira e Ponte de Ferro" é porque un grupo de veciños "se encadeu ás árbores para potexelas da corta masiva" que estaba prevista para o 24 de febreiro. "Cos medios ao seu dispor, os cidadáns estaban a substituír á Administración na protección do medio ambiente", dinlle ao conselleiro.

Ademais, as obras estanse a executar precisamente no tramo no que o Camiño Francés a Santiago, protexido en tanto que Ben de Interese Cultural (BIC), cruza o río Sarria ao seu paso pola vila. "Esas obras infrinxen de maneira grave e múltiple a normativa en materia de protección do Camiño de Santiago e, en concreto, polo que respecta ao bosque de ribeira, a disposición da Lei de Protección dos Camiños de Santiago en Galicia que prohibe a corta de arboredo dentro do ámbito de protección do Camiño", din. O bosque de ribeira sitúase na súa totalidade no ámbito do territorio histórico integrante do BIC.

A plataforma recorda que as obras infrinxen tamén a normativa de protección do Camiño de Santiago

Por todas estas razóns que explican na carta ao conselleiro, a Plataforma solicitou, entre outros á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a "inmediata paralización das obras de encanamento do río Sarria". "Ata agora non ten habido ningunha reacción á nosa solicitude", quéixanse os veciños, que lembran ao conselleiro que esqueceu no seu escano do Parlamento unha carpeta sobre información do río e que lle solicitan "que reserve na súa axenda un momentiño" para reunirse co colectivo.

O conselleiros esqueceu a documentación da plataforma no seu escano © Plataforma Sarriana polo Río
A Illa do Toleiro, en Sarria © Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.