Os colexios oficiais de Traballo Social sinalan eivas nos programas de PP e Ciudadanos

Acción do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, o pasado mes de marzo © COTSG

O Consejo General del Trabajo Social, que agrupa os 36 colexios oficiais de Traballo Social existentes en España e a ao redor de 40 mil profesionais, levou a cabo unha completa análise dos programas electorais das cinco principais candidaturas a nivel estatal (PP, PSOE, Podemos, Ciudadanos e Unidad Popular) en materia de servizos sociais, contrastándoas ademais coas propostas que en xuño presentara publicamente a entidade. Vén de facer pública a súa valoración, na que debulla a idoneidade dos proxectos de cada forza política en cada un dos asuntos tratados. Aínda que con críticas específicas en certos puntos, a valoración global que fai dos programas de PSOE, Podemos e Unidad Popular é maioritariamente positiva. Pola contra, a análise dos programas de PP e Ciudadanos pon ao descuberto máis eivas.

Aínda que con críticas específicas en certos puntos, a valoración global que fai dos programas de PSOE, Podemos e Unidad Popular é maioritariamente positiva

Dúas das primeir peticións que os colexios oficiais de Traballo Social lle facían aos partidos era que garantisen os dereitos sociais sen "fomentar accións de beneficencia", algo que cumpren as cinco candidaturas, e que destacasen a protección dos servizos sociais como un dos piares do Estado de Benestar. Este segundo punto non figura no programa do Partido Popular e si -con mellores ou peores formulacións- nos das outras catro forzas. En cambio, noutra das propostas: a referida a asegurar un financiamento suficiente para o Plan Concertado de prestacións de servizos sociais en corporacións municipais é Ciudadanos o que suspende, non figurando isto no seu programa e si nos das outras catro candidaturas. 

Están ausentes dos programas de PP e Ciudadanos as demandas de ratios suficientes de profesionais no Servizos Sociais

Tamén están ausentes dos programas de PP e Ciudadanos as demandas de ratios suficientes de profesionais no Servizos Sociais e as solicitadas mencións expresas aos traballadores e traballadoras sociais, si presentes as outras tres forzas. O PP tamén suspende no apartado da necesaria prevalencia do público nos servizos sociais e no seu financiamento, ao non recoller o seu programa esta demanda. En cambio, os cinco partidos prevén a aprobación dunha Lei Marco en Servizos Sociais ou o desenvolvemento dunha lexislación equivalente que regule esta materia.

Ciudadanos e PP non levan nos seus programas a derrogación da reforma da Administración Local e tampouco prometen derrogar o RD 20/2012

Os colexios oficiais de Traballo social realizan igualmente outras tres grandes demandas: a derrogación da reforma da Administración Local que "pode propiciar a supresión de gran parte dos servizos sociais"; a derrogación do RD 20/2012 que "aumentou o copagamento das persoas con dependencia, eliminou o pago da cotización á seguridade social das coidadoras familiares ou atrasou a entrada no sistema dos dependentes moderados"; e a "Garantía de ingresos mínimos" para todas as persoas sen recursos. Ciudadanos e PP non levan nos seus programas a derrogación da reforma da Administración Local (si o fan PSOE, Podemos e Unidad Popular). De igual xeito, PP e Ciudadanos tampouco prometen derrogar o RD 20/2012, mentres que PSOE, Podemos e Unidad Popular si o fan, aínda que o informe sinala neste eido algunhas ausencias no programa de Podemos. Finalmente, só PSOE, Podemos e Unidad Popular propoñen a aprobación de rendas mínimas garantidas, mentres que o PP só prevé unha "coordinación" das actuais rendas de inserción e Ciudadanos promove o seu coñecido "complemento salarial" aos traballadores con ingresos reducidos.

Só PSOE, Podemos e Unidad Popular propoñen a aprobación de rendas mínimas garantidas

En canto aos desafiuzamentos, os colexios oficiais de Traballo Social, demanda dúas grandes medidas: a creación de Oficinas de Intermediación Hipotecaria en toda España, financiadas pola banca e o Estado, e coordinadas cos servizos sociais municipais; e a articulación de apoios ás familias en risco de perder a súa vivenda por impago, de xeito que se eviten os desaloxos. As cinco candidaturas levan nos seus programas algunhas propostas neste senso, máis ambiciosas nos casos de Podemos, Unidad Popular, tamén no do PSOE, e máis limitadas nos de PP e Ciudadanos. 

O informe detalla tamén incumprimentos menores nas propostas relativas á loita contra a pobreza infantil e a insuficiencia alimentaria en Ciudadanos e Unidad Popular. E destaca a total ausencia de propostas relativas ao acollemento de refuxiados e inmigrantes no programa do Partido Popular.

Os colexios de Traballo Social opóñense rotundamente ao contido do TTIP

Finalmente, os colexios de Traballo Social, opostos rotundamente ao contido do TTIP ("o TTIP é un tratado que protexe os intereses de grandes empresas e corporacións sobre os dereitos das persoas"), salientan que mentres que PP e Ciudadanos defenden a aprobación deste tratado e o do PSOE non di nada ao respecto, Podemos e Unidad Popular posiciónanse claramente en contra.

Acción do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, o pasado mes de marzo © COTSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.