Os colexios profesionais galegos rexeitan por "intervencionista" a lei que pretende regulalos

Unión de Profesionais de Galicia © UPF

A Unión Profesional de Galicia, asociación que representa os intereses de 42 colexios profesionais da comunidade autónoma e a máis de 60.000 profesionais, vén de remitir ao Ministerio de Economía e Competitividade unha batería de alegacións contra o Anteproxecto de Lei de Colexios e Servizos Profesionais, aprobado xa o 2 de agosto en Consello de Ministros. Unión Profesional de Galicia, que preside José María Arrojo Fernández, reflicte nun documento común as achegas dos colexios que representa e as inquietudes do sector profesional.

"A liberalización dos servizos profesionais terá efectos perversos na defensa dos dereitos dos cidadáns"

"A liberalización dos servizos profesionais terá efectos perversos na defensa dos dereitos dos cidadáns", asegura José María Arrojo, quen lembra que a supresión da colexiación obrigatoria nalgunhas profesións "terá un alto custo social". Prevé, entre outras consecuencias, a desaparición de miles de profesionais autónomos que exercen en Galicia. José María Arrojo denuncia o "intervencionismo" da Administración a través do Anteproxecto de Lei, que prevé que esta poida asumir competencias que "anularían a independencia colexial".

Os colexios advirten de que "o acceso libre á profesión, sen colexiación obrigatoria", tal e como reflicte o anteproxecto de lei, é "contrario ao interese xeral" porque "priva de garantías esenciais aos consumidores e usuarios, aos que se deixaría "desprotexidos ante profesionais sobre os que non se pode exercer un control directo" e non suxeitos ao cumprimento dun código deontolóxico. A Unión Profesional de Galicia defende a colexiación obrigatoria para todas aquelas profesións cuxo exercicio afecta á saúde, a seguridade, o patrimonio, os bens, os servizos xerais e o medio ambiente.

Unión de Profesionais de Galicia © UPF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.