Os comuneiros manifestaranse contra a "privatización" do monte que, din, pretende a Xunta

Manuel da Cal (FRUGA) e Xosé Alfredo Pereira (ORGACCMM) Dominio Público Praza Pública

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) e a Federación Rural Galega (FRUGA) convocan unha manifestación, o vindeiro sábado en Compostela, para demandar unha fiscalidade propia para as comunidades de montes e a condonación das “falsas e inxustas débedas” que lles atribúe a Xunta e que, alertan, poderían forzar unha privatización da xestión de moitos destes montes. O lema da marcha, que partirá ás 12 horas da estación de tren, será “que non nos rouben os nosos montes”.

"As débedas veñen dun espolio, de cando os montes lles foron expropiados aos veciños e veciñas e entregados aos concellos, por iso falamos dunha débeda inxusta”, destaca Xosé Alfredo Pereira, presidente da ORGACCMM. Xa no postfranquismo procedeuse á devolución dos montes, nalgúns casos incompleta, aparecendo a figura dos consorcios e dos convenios, xeradores destas débedas. "A débeda, ademais, é falsa", salienta Pereira, "procede do cálculo que a Xunta fai dos investimentos realizados pola administración nos montes, en virtude deses convenios, pero sempre que lles pedimos os saldos de conta destes gastos, entrégannos un cálculo feito a lapis e papel, unha mostra do escaso control contable que tiñan destas débedas”. "Por iso falamos tamén de débeda falsa", engade.

A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, negou estas acusacións e sinalou que "a Xunta non vai expropiar nada"

As dúas entidades convocantes denuncian que o Goberno galego podería privatizar parte dos montes veciñais a través da Lei de Montes, unha denuncia que a pasada semana a deputada do BNG Tereixa Paz levou ao Parlamento. A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, negou estas acusacións e sinalou que "a Xunta non vai expropiar nada", alegando que no caso de que unha Comunidade de Montes non pague as súas débedas “non se lles expropia nin arrebata a propiedade, senón que se lles priva de recibir axudas e subvencións”.

Denuncian que as comunidades de montes que no 2016 non paguen as débedas estarán obrigar a asinar un contrato de xestión cunha empresa forestal privada, e se non o fan serán castigadas sen axudas públicas ou subvencións

Denuncian, así mesmo, que todas as comunidades de montes que no 2016 non paguen estas débedas estarán obrigadas a asinar un contrato de xestión cunha empresa forestal privada, e se non o fan serán castigadas sen axudas públicas ou subvencións, unha ameaza na que os e as comuneiras ven unha medida de presión para forzar a privatización. En contraposición, as comunidades esixen a condonación e anulación desas débedas: "A Lei de Montes do Estado español permite a condonación das débedas dos montes conveniados ou consorciados, sempre que o titular da terra se comprometa a xestionala mediante un instrumento de xestión", destaca Pereira. Porén, a pasada semana no Parlamento Rosa Quintana cualificou como "inxusto" pedir e conceder "unha condonación das débedas a determinadas comunidades cando hai moitas que aboaron a súa débeda e moitas que xestionan correctamente os seus montes e teñen ingresos sen necesitar do apoio da Administración".

 

Monte multifuncional

Os montes veciñais en man común ocupan 650.000 hectáreas, un terzo do territorio da Galicia, e están xestionados democraticamente por unhas 3.000 comunidades, que reúnen 250.000 comuneiros e comuneiras. Pereira afirma que a política forestal do PP na Xunta ten dous obxectivos: “roubar a xestión dos montes á veciñanza comuneira para entregarlla de balde ás empresas forestais privadas” e “impedir que a veciñanza comuneira sexa protagonista da posta en valor das terras comunitarias para despois xustificarse para a súa privatización”. Pereira denuncia a este respecto a falta de investimentos públicos nos montes veciñais: “As comunidades de montes deixaron ser principais beneficiarias de axudas públicas, en detrimento das industrias forestais”. Subliña tamén o investimento “en obra cultural, social e comunitaria que realizan as comunidades de montes para contribuír a ter unha calidade de vida digna no medio rural" e que se vería limitada con esta privatización da xestión.

"Nós apostamos por un monte multifuncional e sustentábel, xestionado pola veciñanza comuneira. E eles apostan por un monte forestal en monocultivo, con especies de crecemento rápido e cultivos enerxéticos"

"Nós temos unha visión do monte radicalmente distinta á política de montes que ten o Partido Popular", destaca. "Nós apostamos por un monte multifuncional e sustentábel, xestionado pola veciñanza comuneira. E eles apostan por un monte forestal en monocultivo, con especies de crecemento rápido e cultivos enerxéticos, e porque o monte sexa a base de industrias agresivas, coma a megaminaría. Eles necesitan terra. E onde está a terra dispoñible en Galicia? Nos montes veciñais". "O PP leva perseguindo iso dende hai anos. Se non poden arrincarlles aos veciños e veciñas a propiedade dos montes, cando menos arrincarlles a xestión", conclúe.

"O sistema capitalista non admite os montes comunais: non se poden vender, non se poden embargar, non se pode facer negocio con eles, e aínda por riba están xestionados democraticamente pola veciñanza comuneira", engade. 

 

Crítica á Lei de Montes

"O sistema capitalista non admite os montes comunais: non se poden vender, non se poden embargar, non se pode facer negocio con eles, e aínda por riba están xestionados democraticamente pola veciñanza comuneira"

Este martes, en rolda de prensa, o coordinador xeral da FRUGA, Manuel da Cal, lembrou que a nova Lei de Montes "non contou co beneplácito maioritario das organizacións que forman parte do Consello Forestal", en contraposición á norma anterior, "da etapa do BNG á fronte da Consellaría do Medio Rural", que si concitara o consenso "unánime" no sector forestal. Da Cal criticou que a actual norma, ademais de “desnaturalizar o monte veciñal”, non satisfai as necesidades do rural galego pois “retoma a forestación de terras agrarias e cuestiona a viabilidade das explotacións deste país por falta de terra que cultivar que contribúa a reducir os custes de produción”, sinalando que Galicia é "unha das zonas de Europa con menor superficie agraria útil".

A manifestación demadará igualmente "un plan orzamentario para a posta en valor dos nosos montes", proceder de inmediato aos deslindes de todos os montes veciñais por conta da administración, un reinvestimento diferenciado, atendendo ás condicións sociais, demográficas e económicas e unha fiscalidade propia para os montes veciñais.

Manuel da Cal (FRUGA) e Xosé Alfredo Pereira (ORGACCMM) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.