Os datos demostran que Toni Cantó mente sobre a violencia machista

Un dos comentarios de Toni Cantó que espertou centos de criticas Dominio Público Praza Pública

“A meirande parte das denuncias por violencia de xénero son falsas”. “Un terzo das mortes por violencia doméstica son homes”. O deputado de UPyD Toni Cantó verteu este luns varias acusacións e datos falsos sobre violencia de xénero nas redes sociais.

Fontes xurídicas aseguran que os datos máis fiables e debullados sobre violencia de xénero e doméstica son os que se atopan na memoria anual da Fiscalía Xeral do Estado e no Observatorio contra a Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. O último informe do Observatorio sobre un ano completo constata que en 2011 se produciron 62 mortes de mulleres a mans das súas parellas ou ex parellas, que en todos os casos eran homes. O mesmo ano 7 homes morreron asasinados as súas parellas ou ex parellas, a mesma cifra que en 2010. En cinco casos, a autora do crime foi unha muller, e en dúas, un home.

UPyD xa recollía no seu programa electoral algunhas propostas que supuñan retroceder na Lei Integral contra a Violencia de Xénero aprobada en 2004

Precisamente, UPyD xa recollía no seu programa electoral algunhas propostas que supuñan retroceder na Lei Integral contra a Violencia de Xénero aprobada en 2004, como a supresión dos xulgados especializados en violencia machista. Tamén unha norma que substituíse a Lei Integral, "que atenta contra o principio de igualdade ao basearse na asimetría penal e a desigualdade de trato no ámbito xudicial, dando lugar a unha aplicación desmedida e inxusta para miles de homes".

Segundo outro informe, neste caso do grupo de expertos que asesora o Observatorio, das 43 sentenzas ditadas en 2010 por violencia de xénero e doméstica, 39 dos homicidios foron cometidos por homes e 4 por mulleres. Neste catro casos as mulleres foran agredidas previamente polas súas parellas ou ex parellas. O informe botaba por terra outros dos tópicos: só no 4% se apreciou as atenuantes de consumo de alcol e drogas.

Ademais, os datos que manexa a Fiscalía sinalan que de 130.000 denuncias de media ao ano, tan só en 20 casos os fiscais consideran que pode existir denuncia falsa. Concretamente, en 2009, de 135.540 denuncias interpostas, só se acreditaron 13 falsas, é dicir, un 0,0096% do total.

O PSOE pide que Rosa Díez aclare se se trata dunha posición que o seu partido comparte: "Debería desautorizalo inmediatamente, se non é así, UPyD está a porse do lado dos violentos"

Primeiro, Toni Cantó asegurou que citaba datos do Instituto Nacional de Estatística. Máis tarde, retractouse e asegurou que a fonte é a Federación de Afectados polas Leis de Xénero, un lobby neomachista que avoga pola inconstitucionalidade da Lei de Igualdade e da Lei Integral contra a Violencia de Xénero. "A nosa Federación é pro vida, e desde esta perspectiva entendemos necesarias accións para regular leis tales como a do aborto, a morte digna, a castración química, o uso de anticonceptivos daniños para a saúde", aclaran na súa páxina web.

As palabras de Cantó desataron fortes críticas por parte de grupos políticos e asociacións. "Está a buscar espazos para polemizar que lle permitan ter unha maior presenza mediática, pero é indecente que utilice a dor de miles de familias que teñen vítimas mortais, non todo vale", asegura a deputada socialista Ángeles Álvarez, que destaca o "descoñecemento" da realidade sobre este tema de Toni Cantó. Álvarez pide que Rosa Díez se pronuncie e aclare se se trata dunha posición que o seu partido comparte. "Debería desautorizalo inmediatamente, se non é así, UPyD está a porse do lado dos violentos", asegura.

Un dos comentarios de Toni Cantó que espertou centos de criticas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.