"Os demócratas de toda Europa estamos moi pendentes do que vai pasar en España"

Boaventura de Sousa Santos CC-BY Ministério de Cultura do Brasil

O profesor Boaventura de Sousa Santos é un dos referentes internacionais no estudo dos movementos sociais, cunha participación moi destacada nas primeiras edicións do Foro Social Mundial, mantendo unha relación continua cos procesos de transformación levados a cabos nas últimas dúas décadas en América Latina e, máis recentemente, en Europa. Promove unha participación activa da academia e da investigación universitaria nestes procesos de cambio e a articulación de movementos cívicos fortes para a defensa da emancipación social e da democracia participativa.

Intervirá este sábado na Coruña (19 horas) nas xornadas A historia da Europa Decolonial, que comezan este venres na Coruña, organizadas por AGEe, a través dun relatorio titulado “Unha epistemoloxía do Sur para unha Europa Decolonial”.

O concepto de colonialismo foron moi empregados na ciencia política e na socioloxía nos anos 60 e 70, tamén referidos a certas periferias europeas, a través das teorías do colonialismo interno. Despois duns anos nos que perderon algo de visibilidade, dá a impresión de que nos últimos tempos recuperan protagonismo. Que procesos e relacións coloniais se seguen producindo no contexto europeo e coas seus cidadáns e cidadás?

Tralo colonialismo histórico, no que Europa tivo un papel protagonista, mantivéronse no continente e mesmo profundizáronse algunhas formas doutro tipo de colonialismo. Unha desas modalidades é aínda o colonialismo histórico, que segue a sufrir por exemplo o pobo saharauí; o Sahara é un legado do colonialismo español que -unha vez que España non descolonizou debidamente o territorio- se converteu nunha colonia de Marrocos. Outro tema é o do colonialismo interno, relativo ás nacións sen Estado que existen do continente; falamos das cuestións de Galicia, de Euskadi ou Cataluña, pero se cadra o tema máis importante é o do pobo kurdo, formado por 26 millóns de persoas moitas delas residentes en Turquía.

"Moitas das actitudes que se están tendo cara aos refuxiados, en canto supoñen unha degradación do outro, entran para min na categoría de colonialismo"

Outra cuestión relacionada co colonialismo é a do racismo, a xenofobia e a islamofobia: persoas que por ter unha cor de pel ou unha relixión distinta son tratadas como inferiores, nunha situación de fascismo social. Moitas das actitudes que se están tendo cara aos refuxiados, en canto supoñen unha degradación do outro, entran para min na categoría de colonialismo; as ideas dos dereitos humanos e do constitucionalismo non se aplican neles. Creo que estas análises sobre colonialismo tamén se poden empregar para estudar os recentes actos e ameazas terroristas, pois a maior parte dos atentados foron cometidos por cidadáns europeos. As análises que facemos os sociólogos neste senso son moi criticadas por algúns políticos. Recentemente Manuel Valls e Françoise Hollande declararon que non había que buscar “desculpas sociolóxicas” para os atentados, desbotando calquera intento de análise sobre as causas. Os poderes teñen aversión a analizar as causas dos fenómenos. 

"Sería moi interesante que en España tamén se formase un goberno de esquerda, porque (...) que pasa en España si pode cambiar a lóxica da UE"

É aínda posible cambiar o rumbo da política Europea, ben a través da acción combinada de gobernos de esquera, ben a través dun movemento político e social?

Hai dous movementos paralelos, e se cadra podemos dicir que son a derradeira oportunidade de democratizar Europa. Por unha banda está a opción que achegan os gobernos de esquerda no sur de Europa, primeiro Grecia, despois Portugal e tamén a opción de que se conforme un Executivo de cambio en España. Son (ou sería, no caso de España) gobernos que establecen unha relación máis conflitual con Bruxelas e coa ortodoxia financeira, pero son procesos moi distintos e é aínda unha opción aberta, que está dando os seus primeiros pasos. Sería moi interesante que en España tamén se formase un goberno de esquerda, porque mentres que Grecia e Portugal representan unha porcentaxe moi pequena do PIB europeo, España é a cuarta potencia da zona. O que pasa en España si pode cambiar a lóxica da UE. O que está a suceder en Portugal, en calquera caso, é un experimento moi interesante, de unión de esquerdas que ata agora non traballaran conxuntamente. A ver o que pode dar de si. O outro movemento é o que traballa na necesaria democratización de Europa a nivel europeo. Eu son un dos asinantes en Portugal do manifesto de apoio a DiEM-25. Pode ser unha idea utópica, pero hai que loitar por ela.

Como analizas o momento político que vive España, dende o 15M, a creación de Podemos e os avances electorais das candidaturas de cambio? 

Nos últimos anos seguín bastante de cerca o que foi sucedendo en España. Está a ser un moi notable laboratorio de innovación política en Europa, dende o movemento dos indignados á creación de Podemos, que acompaño moi de cerca, e en xeral todos os movementos sociais e plataformas que foron nacendo. Hai unha renovación política moi importante, que busca articular unha renovación da democracia representativa a través de forzas participativas que veñen dos movementos sociais ou que se desenvolven no seo dos propios partidos. En España hai unha dinámica moi interesante, que habería que manter, entre movementos de base e partidos.

"España está a ser un moi notable laboratorio de innovación política en Europa. Os demócratas de esquerdas en todo o continente estamos moi pendentes do que vai pasar en España"

Ademais, en España hai unha cuestión, que non se dá noutros países, que é o debate sobre a articulación do estado plurinacional, e é moi interesante ver como se poden articular dous conceptos de nación dentro dun mesmo Estado: a nación cívica e as nacións etnoculturais. É un debate que se deu moito nos últimos anos en América Latina, e tamén noutros países, como Canadá ou Nova Celandia. En calquera caso, neste momento estamos nunha situación de impasse: a patronal e as grandes empresas xa decidiron o que queren, que é un goberno de centro-dereita formado por PSOE e Ciudadanos. E, mentres, os demócratas -sobre todo os demócratas de esquerdas- en toda Europa estamos moi pendentes do que vai pasar en España. 

"Hai que manter a actividade na base, nos movementos sociais, pero neste momento hai que arriscar, hai que entrar en gobernos"

Ata que punto é importante nunha situación na que unha candidatura de cambio chega ao poder, como sucedeu en moitas cidades en España, que os movementos sociais manteñan a súa forza. Hai un risco de que o traballo no campo electoral e institucional faga descoidar a actividade de mobilización social?

Iso ten moita importancia. É un dilema, moitas veces, pero hai que manter activas as dúas cousas. Temos que ter presente que a nova política debe significar outra maneira de gobernar, con moita máis participación e con moita maior articulación entre democracia participativa e representativa. Hai que manter a actividade na base, nos movementos sociais, pero de igual xeito débese ter claro que neste momento hai que arriscar, hai que entrar en gobernos. Os cidadáns non queren crises de gobernabilidade, queren solucións, queren unha vida mellor e non queren desperdiciar os seus votos. Por exemplo, eu non teño tan claro que se hai unha repetición das eleccións en España os partidos de esquerda vaian ter un mellor resultado.

Boaventura de Sousa nun evento do FSM en Porto Alegre CC-BY Agência Brasil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.