Os dereitos sociais, outras vítimas da crise

Cartaz do debate deste xoves Dominio Público Praza Pública

Este xoves a partir das oito da tarde A Nave de Vidán acolle un novo Debate na Praza, que afondará no efecto que a crise económica está tendo para os recortes sociais. Participarán o xuíz Luis Villares, o ex deputado Carlos Aymerich e Xulio Ferreiro, profesor da UDC. O debate realizarase en colaboración con Rede Armela, unha rede de investigadores que ten o obxectivo de desenvolver dende unha perspectiva multidisciplinar unha liña de investigación en relación aos dereitos, á igualdade e ao Estado social no contexto actual de crise económica e de forte contracción da intervención pública.

O debate realízase en paralelo coas xornadas Os dereitos sociais na crise. A crise dos dereitos sociais, que se celebrarán este xoves e venres na Facultade de Dereito da USC e que coordina a profesora Alba Nogueira. Este encontro contará coas intervencións, entre outros, de Gerardo Pisarello, da Universidade de Barcelona, que falará sobre "A crise do constitucionalismo social e as súas alternativas: resistencia, reforma e ruptura constituinte” ou de Margarita León, do Instituto de Goberno e Políticas públicas (IGOP) da Universidade Autónoma de Barcelona, que presentará un relatorio sobre “Recortes, retrocesos, re- equilibrios: que futuros para as políticas sociais de igualdade?". Haberá tamén mesas redondas sobre Privatización de servizos públicosLímites constitucionais aos recortesDereitos sociais e activismo xudicialCrise económica e políticas de xénero, e Cambios competenciais e na configuración de dereitos coa crise como motor. Pola banda galega participarán relatores e relatoras como Xavier Vence, Manuel Martín, Celia Balboa ou María Antonia Arias.

No debate que se celebrará na Nave de Vidán trataranse todos estes asuntos, afondando na orixe ideolóxica de moitos dos recortes que afectan aos dereitos sociais, na súa lexitimidade, e no seu carácter reversible ou irreversible. A este respecto, Carlos Aymerich salienta que "a crise e esta saída da crise están afectando aos dereitos sociais, pois esta crise é unha recomposición de dereitos" e advirte de que "da crise poderemos saír, pero ao igual que despois dunha enfermidade, un pode quedar peor do que estaba". Engade que "vivimos unha fase de medidas de choque, de emerxencia, que se xustificaban por esa emerxencia, pero xa pasamos esa fase na que os recortes de dereitos se están asentando. Estamos vivindo a instauración dun novo réxime", conclúe.

"A crise e esta saída da crise están afectando aos dereitos sociais, pois esta crise é unha recomposición de dereitos"

Pola súa banda, Xulio Ferreiro destaca que “a Constitución recoñece unha serie de dereitos sociais: a unha vivenda digna, ao traballo, á non especulación do chan, ao pleno emprego..., unha serie de cuestións que hoxe na práctica son case ciencia ficción”. E pregúntase en consecuencia "que posibilidade hai de defender xudicialmente estes dereitos, e en que medida os ataques a estes dereitos implican de facto un cambio no estado de dereito". Para Ferreiro a clave é a dúbida sobre se a Constitución "ten forza xurídica por si mesma" ou se se pode "baleirar" deste xeito. E subliña que "hai quen defende que teñen un valor xurídico real, máis aló do programático e que se pode usar de base para defender estes dereitos nos tribunais".

Para Villares, a pregunta clave é "se a vontade social, manifestada nas leis, é a real", porque "non se están cumprindo os programas electorais, o que constitúe unha fraude, política, non xurídica"

Finalmente, o maxistrado Luís Villares, responde que "os tribunais non poden suplir a acción política do lexislador, e a vontade social. Os xuíces somos os baluartes das leis vixentes, e un xuíz non debe tentar camiñar nunha dirección diferente á que pide a vontade social dos parlamentos". Villares pregúntase "que queda do pacto constituínte, do pacto social que nos dimos entre todos para convivir?", á vista de que "hai accións públicas que están indo en contra dese pacto constituínte". E engade que, nun complicado equilibrio, "a xustiza debe impedir que as políticas públicas salten por riba dese pacto", pero á vez debe asegurar que se cumpre a lei. Sinala que hai unha gran tensión entre varios principios, e que a pregunta clave é "se a vontade social, manifestada nas leis, é a real", porque "non se están cumprindo os programas electorais, o que constitúe unha fraude, política, non xurídica". "O contrato político entre gobernante e gobernados quebrou, o que pon en risco o consenso social", conclúe. 

Cartaz do debate deste xoves Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.