Os días nos que se quixo parar a I Guerra Mundial dende Ferrol

A rúa Real de Ferrol, a comezos do século XX Dominio Público Praza Pública

Abril, 1915. Hai nove meses que milleiros de soldados morren nas trincheiras de media Europa, nun conflito que acabaría coa vida de dez millóns de persoas. O Ateneo Obrero Sindicalista de Ferrol decide convocar na cidade un Congreso Internacional da Paz, coa intención de deter a guerra. Impúlsao, entre outras persoas, José López Bouza, anarquista ferrolán expulsado de Arxentina en 1911, que acabaría chegando a ser presidente da Deputación da Coruña en 1936 e que foi asasinado no barrio de Canido, na cidade departamental, o 30 de agosto de 1936, xunto a outras 18 persoas.

O evento celebrouse a pesar dos obstáculos impostos polos Goberno, que dificultou a chegada de moitos dos participantes, interceptou correspondencia e acabou por prohibir a súa celebración. Non detivo a guerra e, de feito, as súas sesións só se dedicaron en parte a falar do conflito. Porén, o congreso, ao que asistiron un cento de destacados líderes obreiros, serviu para reorganizar en toda España a CNT, que fora ilegalizada en 1911. Estes días a Unión Libertaria está a celebrar no Ateneo Ferrolán o centenario daquel encontro, cunha conferencia do historiador Eliseo Fernández, celebrada o pasado mércores, e a presentación do libro No café/Entre campesiños, de Errico Malatesta, o vindeiro luns 4 de maio.

Tratábase de reunir na cidade os días 30 de abril, 1 e 2 de maio, a sociedades obreiras de todo o mundo -anarquistas ou non- co obxectivo organizar a oposición proletaria á guerra

A convocatoria do Congreso foi publicada polo Ateneo Obrero Sindicalista de Ferrol o 26 de febreiro. Tratábase de reunir na cidade os días 30 de abril, 1 e 2 de maio, a sociedades obreiras de todo o mundo -anarquistas ou non- co obxectivo organizar a oposición proletaria á guerra, mobilizando sobre todo a clase traballadora dos países neutrais para unha oposición efectiva ao conflito, mediante o boicot ao tráfico de mercadurías e unha posible convocatoria de folga xeral. A empresa era ambiciosa e os obstáculos, moitos. Finalmente, o encontro puido celebrarse, con representantes de máis dun cento de organizacións sindicais, ateneos sindicalistas, centros obreiros e grupos anarquistas, aínda que as xuntanzas tiveron que ser clandestinas.

A maioría das organizacións representadas eran da Península Ibérica, e foi por iso que as conclusións do Congreso só puideron ter algunha relevancia neste ámbito xeográfico

A maioría das organizacións representadas eran da Península Ibérica, e foi por iso que as conclusións do Congreso só puideron ter algunha relevancia neste ámbito xeográfico. Os seus efectos estiveron ademáis moi limitados pola detención dalgúns dos seus organizadores, a expulsión de delegados portugueses e do brasileiro, ou mesmo o feito de que algún delegados chegaran xa cando o Congreso se tiña celebrado. Un dos acordos ao que se chegou foi o de tentar facer renacer a Internacional, o que tivo como consecuencia a creación dun Comité Central con sede en Ferrol e José López Bouza na secretaría, que funcionou en precario por algúns meses e que non conseguiu o seu obxectivo de reagrupar as organización obreiras de todo o mundo. Polo mesmo feito, o acordo de tentar levar adiante unha folga xeral internacional veuse igualmente frustrado.

En xeral, o movemento obreiro foi incapaz en toda Europa de colocar os seus ideais internacionalistas por riba dos intereses nacionais que movían a guerra. Pódese lembrar, por exemplo, a frustración de Rosa Luxemburgo e Jean Jaurès no seu intento de fomentar a fraternidade entre os pobos alemán e francés entre a clase traballadora dun e doutro lugar. O propio Jaurès, pola súa oposición á guerra, morrería asasinado a mans dun militante nacionalista francés en xullo de 1914.

O meirande logro do Congreso foi o acordo de dar inicio á reorganización da CNT, desartellada dende o ano 1911 pola persecución gubernamental

Porén, cómpre salientar que o Congreso da Paz ficou como un antecedente do renacemento dunha Internacional en clave anarquista, artellada en Berlín en 1922, ou da creación da Federación Anarquista Ibérica en 1927. O meirande logro do Congreso foi o acordo de dar inicio á reorganización da CNT, desartellada dende o ano 1911 pola persecución gubernamental. A proposta do Congreso foi asumida por boa parte das organizacións presentes e en pouco tempo a CNT puido amosar a súa potencia na folga xeral de agosto de 1917. 

A rúa Real de Ferrol, a comezos do século XX Dominio Público Praza Pública
José López Bouza Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.