Os Ecosocialistas publican un 'decálogo' no segundo aniversario do 15M

Asemblea do 15M na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

No segundo aniversario do movemento 15-M, o Espazo Ecosocialista Galego (EcoSoGal) publica un decálogo co obxectivo de "celebrar o que significou no seu carácter reivindicativo, simbólico e alternativo", e animar a cidadanía a participar na mobilización global que terá lugar o vindeiro 1 de xuño contra a troika. Tamén subliña que "o espírito do 15-M debe perdurar para construír un goberno do pobo, polo pobo e para o pobo".

Para os Ecosocialistas o 15M "reforza a idea" de que "o sistema capitalista na súa etapa neoliberal amosase incompatible coa mesma democracia"

O decálogo salienta que "existe un antes e un despois do movemento de indignad@s que o 15 de maio de 2011 sacou ás prazas e rúas a milleiros de persoas. Movemento que tendo o seu epicentro no Estado Español é fundamentalmente un movemento mediterráneo, con grandes movementos democratizadores no sur de Europa e do norte de África, desde Grecia ata Galicia". O texto destaca que "estamos diante dun movemento que situou con forza a necesidade de denunciar que a gobernanza global esta en mans dos oligopolios e polo tanto que participamos dunha democracia que ten as cartas marcadas e por outra facer fincapé que o cambio vira dado por dinámicas de resistencia e mobilización pacificas hexemónicas que abranguen o 99% da poboación afectada pola crise sistémica fronte a un 1% beneficiada por ela". Para os Ecosocialistas o 15M "reforza a idea" de que "o sistema capitalista na súa etapa neoliberal amosase incompatible coa mesma democracia".

"As forzas políticas en xeral, e a esquerda en particular, debe de acabar de entender o papel necesariamente autónomo que xogan os movementos sociais"

Tamén destacan que "as forzas da vella política non entenderon a súa mensaxe evidenciado na practica cotiá o porqué da desafección e desconfianza que a cidadanía ten cara as forzas políticas" e que "as forzas políticas en xeral, e a esquerda en particular, debe de acabar de entender o papel necesariamente autónomo que xogan os movementos sociais para que exista o necesario control da cidadanía sobre os seus representantes" porque "a rehabilitación da política pasa por entender que a cidadanía non é un ente amorfo e manipulable senón un corpo vivo con constantes vitais e intelectuais propias".

Sinalan que "o espírito do 15-M non debe morrer, nin transformarse en non se sabe moi ben que outra cousa" e lembra a definición do 15M realizada polo Boaventura Sousa Santos: "o 15-M é unha presenza". Para os Ecosocialistas "iso é o que une ese 99% simbólico, ese paraugas acolledor, unitario e plural, escola de republicanismo cívico, de acompañamento humano, de elaboración propositiva" pois "o 15-M é de todas e de todos e non é de ninguén. Que formamos parte dun movemento amplo e plural de loita contra a mundialización neoliberal e a favor da xustiza global. E nese movemento @s ecosocialistas Galeg@s nos recoñecemos e inserimonos, reivindicándonos, orgullosos e gozosos, fillos e filas do 15-M".

Conclúen que "o 15-M sinala o inicio dun  novo ciclo político, coincidindo coas municipais do 2011, que deberia ter o seu peche nas próximas municipais cunha proposta de cambio de modelo neste complexo proceso constituinte aberto polos de arriba"

Conclúen que "o 15-M ademais de expresar a súa indignación sinala o inicio dun  novo ciclo político, coincidindo coas municipais do 2011, que deberia ter o seu peche nas próximas municipais cunha proposta de cambio de modelo neste complexo proceso constituinte aberto polos de arriba" e poñen a énfase en que "corresponde a todos e todas estar a altura dos tempos e tecer as alianzas necesarias, abertas e sen exclusión para gañarlle a partida ao réxime e as súas elites, sen regates curtos nin miradas ventaxistas" pois "o futuro non está escrito e que tal como di Boaventura Sousa Santos: parece impensable imaxinar o fin do capitalismo pero máis imposible é imaxinar un capitalismo sen fin".

Asemblea do 15M na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.