Os emigrantes esgotan a vía política antes de levar á Xustiza as multas de Facenda

Manifestación de emigrantes retornadas na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Os emigrantes retornados esgotan a vía política antes de lanzar unha ofensiva nos tribunais ante a campaña inciada polo Goberno contra os pensionistas que levan meses recibindo multas e sancións e que se unen aos xuros de demora e declaracións que se lles exixen polas pensións que perciben dos diferentes países nos que traballaron desde 2008, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas pensións ou cando mesmo foron informados de que non eran obrigatorias.

A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (CNGER) reuniuse neste martes coa conselleira de Facenda, Elena Muñoz, nunha das últimas xuntanzas da rolda que están a manter nos últimos días na procura dunha "solución política a un problema creado desde a política" e que afecta uns 250.000 pensionistas en Galicia. Logo de reunirse coas formacións políticas, o Valedor do Pobo o delegado da Axencia Tributaria e agora a Xunta, os pensionistas non ven avances. "Moi boas palabras, receptividade, comprensión e solidariedade... Pero solución, ningunha", explica Xosé Lois Leirós, voceiro do colectivo que une ás plataformas de afectados de Galicia, tras a xuntanza desta mañá.

A conselleira de Facenda solidarizouse coa problemática dos emigrantes, pero "non achegou solución ningunha"

A conselleira de Facenda, segundo a CNGER, "segue ancorada no acordo unánime do Parlamento", aquel que solicitaba ao Ministerio que os pensionistas "non fosen considerados defraudadores, que se ampliasen os prazos de pago e que non se aplicasen multas ao non haber dolo". Pero nada novo respecto ao resto de demandas: a paralización inmediata da campaña sancionadora, a regularización da súa situación, unha campaña informativa e unha revisión dos convenios marco con outros estados, así como unha modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF.

Agora, a Coordinadora prevé esgotar a vía política para arranxar o problema cunha xuntanza esta mesma semana co director xeral da Axencia Tributaria en Madrid. Será a última oportunidade que lle dean ao Goberno para recuar e "tomar unha decisión política contraria á que tomaron nun principio". Se non hai resposta, o seguinte paso serán os tribunais, onde confían que a Xustiza lles dea a razón.

O fiscal superior de Galicia lémbralle aos emigrantes que sancionalos sen existir "afán defraudador" sería "ilegal"

Os pensionistas lembran que a propia Axencia Tributaria recoñece que "na maioría dos casos" non houbo afán defraudador por parte dos emigrantes -que chegan a recibir multas de ducias de miles de euros- e recordan tamén que o propio fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, lles recordou nunha xuntanza que "de non haber dolo e interese defraudador, non pode haber sancións e, xa que logo, sería ilegal aplicar esa parte da lei que o Goberno está aplicando". Tamén lles deixou claro que era imposible crer que milleiros de emigrantes se puxeran de acordo para enganar a Facenda. Malia iso, o Goberno do Estado incluíu a palabra "defraudador" nas súas ordes sancionadoras.

"Acudir aos tribunais está na nosa folla de ruta, pero antes esgotaremos outras opcións", engade Leirós, que para nada descarta a vía xudicial. A idea é presentar demandas individuais que conten co apoio, social e económico, da Coordinadora Galega. Pretenderán así demostrar a "ilegalidade" dunha medida que considera defraudadores milleiros de emigrantes que nunca tiveron a intención de evitar o pago de impostos. E haberá máis. Polo momento, a UE xa advertiu vixila de preto esta campaña do Goberno e que estudará se inicia procedementos sancionadores por esta posible discriminación fiscal. O Executivo, mentres, continúa enviando multas e prevé ampliar a máis emigrantes as sancións a partir de xaneiro. Iso, se a Xustiza non actúa antes contra unha medida que pode acabar enlamada nos tribunais.

Manifestación de emigrantes retornados en Compostela CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.