Os emigrantes galegos fan fronte común contra o "saqueo" de Facenda aos pensionistas

Emigrantes retornados, na antiga terminal do aeroporto de Lavacolla © Xunta

Os emigrantes retornados galegos afectados polas sancións que Facenda lles impón polas declaracións da renda non presentadas desde 2008 veñen de agruparse nunha coordinadora nacional co obxectivo de defenderse do "roubo e saqueo" do Estado coas pensións doutros países que cobran como xubilados. Mulleres e homes de entre 60 e 80 anos, loitando xuntos polo que consideran "unha grave inxustiza".

A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (CNGER) xunta preto de vinte plataformas e agrupa todas aquelas "que van xurdindo semana a semana" en varias comarcas do país. Son moitos milleiros de pensionistas os afectados e o número aumenta día a día. É complicado facer un cálculo, pero desde a coordinadora falan xa de que a cifra "pode chegar a 300.000 persoas", segundo aclara a Praza Xosé Lois Leirós, un dos voceiros do colectivo.

As 'novas preferentes': o número de afectados en Galicia "pode chegar ás 300.000 persoas"

Aplicánselles multas aos emigrantes, pero tamén se lles reclaman intereses de demora ao poñerse ao día cunhas declaracións que, segundo denuncian os colectivos, nunca lles advertiron de facer. Nin desde España nin desde os diferentes países aos que agora o Goberno pide datos para continuar coa campaña iniciada desde hai meses. De feito, o Estado prevé endurecer a campaña a partir de xaneiro de 2014, o que aumentaría as cantidades reclamadas e o número de afectados.

A CNGER insiste nas reivindicacións de todas as plataformas comarcais e exixe a revogación dos expedientes e a anulación das sancións, a devolución dos cartos cobrados, que non se reclamen intereses de demora, a correcta información aos emigrantes e que se modifique a lei para “garantir a igualdade de trato dos emigrantes retornados”.

"Somos traballadores honrados; os defraudadores de verdade están en esferas máis altas"

"Ten que haber unha solución diferente; se hai que tributar, tribútase porque nós nunca nos negamos. Se temos unha pensión é porque durante anos pagamos impostos nos países onde traballamos, pero a nós ninguén nos informou de que había que pagar aquí e de feito indicábasenos todo o contrario", insiste  Leirós, que advirte ao Estado "que os defraudadores de verdade atópanse en esferas máis altas". "Nós somos traballadores honrados; é inmoral que se nos persiga e se nos trate como defraudadores mentres aos verdadeiros defraudadores se lles concede unha amnistía fiscal", insiste.

A sanción media para cada emigrante, en todo caso, é difícil de calcular. A Coordinadora fala de 10.000 euros, pero tamén hai casos que superan os 25.000 euros entre os intereses de demora, a declaración correspondente e a multa, que adoita ser da metade do que toque a declarar en cada exercicio e que van desde os 100 euros ata os 750. No entanto, hai bonificacións do 30% e posterior do 25% no caso de pagar en prazo. E aí reside outro dos problemas. A Axencia Tributaria está a aceptar as alegacións dalgúns pensionistas, pero recorrer implica renunciar a esas bonificacións e arriscarse a ter que pagar a contía completa.

A Coordinadora denuncia que Facenda concede prazos para o pagamento pero aplica un interese do 5%

"Coa Axencia Tributaria non hai opción, non se pode; o único que nos queda é a presión popular", aclara Leirós. Polo momento, o Goberno central xa aclarou que fará cumprir a lei, aínda que se demostre que non houbo mala intención nin interese de defraudar e que a información foi inexistente ou incorrecta. Tras os primeiros casos, nos que se exixía o pago da sanción completa en dez días, Facenda concede agora prazos para o pagamento, "pero cun interese do 5%, maior que o que ofrecería un banco por unha hipoteca", segundo aclara o voceiro.

"Os empregados da Axencia Tributaria dannos a razón, dinnos que non hai dereito a que nos fagan isto, pero teñen que cumprir a lei", lembra Leirós, que coñece moreas de casos, ademais do seu, e moito máis graves. "Hai moita xente que non pode pagar aínda que queira porque non ten capital", asegura, e pon o exemplo "dunha viúva" á que se lle reclaman 11.000 euros e que está "angustiada" ou o de xente que "se ve obrigada a solicitar créditos para poder facer fronte ás sancións". Porque se o afectado falece, é a familia a que carga coa multa.

O colectivo prepara mobilizacións unitarias en Compostela e simultáneas en varias comarcas galegas

Agora, a Coordinadora prepara mobilizacións, que levarán milleiros de xubilados a concentrarse en Santiago ou simultaneamente en varias comarcas para facer forza. Tamén solicitarán xuntanzas cos grupos parlamentarios, cos conselleiros de Facenda e Presidencia, co Valedor do Pobo, co ministro de Facenda e co fiscal superior de Galicia.

Ademais, están a recoller firmas para entregar ante o Ministerio de Facenda,“Non imos permanecer calados, estamos organizados e imos defender na rúa os nosos dereitos”, asegurou. “Defenderemos as nosas pensións, a nosa dignidade e a nosa honra. A loita é o camiño que nos queda”, rematou. As novas preferentes galegas xa están aquí. Milleiros de afectados e millóns de euros. Polo momento, a Axencia Tributaria xa leva recadados preto de 4 millóns. E o que queda.

Reunión fundación da Coordinadora CC-BY-NC-SA Cadernos.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.