Os emigrantes retornados organízanse para evitar as sancións de Facenda

Asemblea de emigrantes celebrada en Foz © Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña

Ao redor dun cento de persoas participaron este xoves na Casa da Cultura de Foz nunha Asemblea convocada pola Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña co obxectivo de informarse sobre como vai repercutir entre aqueles emigrantes que non chegan ao máximo legal para facer a declaración da renda a normativa que os obriga a realizala e as accións a emprender para dar resposta a esta situación. Instan ao Goberno a “retirar as sancións” e a “condonar os pagos dos intereses de demora que a día de hoxe están a impor nas sancións que chegan aos emigrantes”.

Consideran “unha inxustiza que o mesmo Estado que nos obrigou a emigrar e se aproveitou das divisas do noso traballo nos multe agora impedindo resolver un erro provocado por eles, mentres promove amnistías fiscais para os ricos"

As persoas que participaron da xuntanza de Foz atopábanse en diversa situación, xa que só unha pequena parte recibiron a día de hoxe as multas sancionadoras, unhas multas que se aplican conforme ao establecido no Art.27 da Lei Xeral Tributaria e que implica un aumento do 150% respecto da contía que se verían obrigado a pagar os pensionistas na declaración da renda. Ante esta situación e dada a falla de información existente a día de hoxe diante da comunidade dos emigrantes retornados sobre esta problemática, os asistentes acordaron convocar novas asembleas informativas, en Viveiro e en Ribadeo.

Os afectados e as afectadas coincidiron na necesidade de agruparse e presionar ao goberno para que se proceda a modificar a actual normativa na liña das proposicións non de lei propostas pola totalidade das forzas da oposición no Congreso e nas que se propón a supresión dos intereses de demora e as eliminación das sancións que a día de hoxe afectan arredor de 30.000 persoas no noso país. Consideran “unha autentica inxustiza que o mesmo Estado que nos obrigou a emigrar, o mesmo Estado que nos botou polo mundo adiante e se aproveitou das divisas do noso traballo nos multe agora impedindo resolver un erro provocado por eles, mentres promove amnistías fiscais para os ricos e os millonarios, entres algúns banqueiros que xa nos roubaron nas preferentes”.

“Non temos dúbida”, din, de que “como nos demostraron recentemente os preferentistas o único camiño é a loita”

O colectivo abriu unha conta de correo electrónico para que aquelas persoas que queiran facer chegar as súas dúbidas para ser resoltas por un asesor fiscal poidan facelo: emigrantes.retornados.amariña@gmail.com

Os emigrantes retornados din ser conscientes de que a resolución deste problema pasa pola  “capacidade que teñan para facer presión, primeiro agrupando a máis xente na Mariña e coordinándose cos colectivos que a día de hoxe funcionan no resto do país”. “Non temos dúbida”, din, de que “como nos demostraron recentemente os preferentistas o único camiño é a loita”.

 

Apoio de PSdeG-PSOE e BNG

“Estase a tratar a estes xubilados como se fosen delincuentes fiscais”, recrimínalle Gallego ao Goberno

O PSdeG-PSOE comprometeuse este venres a defender en Bruxelas, Madrid e Santiago as demandas dos xubilados con pensións do estranxeiro aos que Facenda reclama atrasos. A parlamentaria autonómica, Carmen Gallego, o eurodeputado, Antolín Sánchez Presedo, a deputada no Congreso, Laura Seara e a senadora Paula Fernández mantiveron unha xuntanza coas Plataformas de Afectados. 

“Estase a tratar a estes xubilados como se fosen delincuentes fiscais”, recrimínalle Gallego ao Goberno, “cando o único que debera facer e darlles información para regular a súa situación, que se é legal é absolutamente inmoral”, concluíu a deputada do PSdeG. Censura Gallego que os populares, desde o Goberno traten deste xeito aos pensionistas emigrantes, “que no seu día tiveron que saír do país para buscarse a vida e traer diñeiro para Galicia, ao tempo que se “fan amnistías fiscais aos verdadeiros delincuentes fiscais”.

Maruchi Álvarez, da Plataforma de Afectados do Morrazo, explicou que a principal demanda reside na eliminación da obriga declarar por ter dous pagadores “porque é unha discriminación absoluta”, e revisar o límite de ingresos que lles impón Facenda. A solución debe ser “política”, afirma Álvarez, por iso se reúnen cos grupos políticos e, por outra banda “social”. A portavoz dos afectados adiantou que a constitución de grupos de traballo e asociacións está a facer recuar a Facenda, que “están recoñecendo que se están equivocando”, e comezan a deixar de emitir as comunicacións de sanción.

Pola súa banda, o BNG de Compostela organizará o vindeiro martes unha charla informativa dirixida a todas aquelas persoas que están a recibir requirimentos da Axencia Tributaria tras estar emigrados en pasados anos e agora verse afectados pola reforma da Lei 35/2006 feita no ano 2008. Os nacionalistas organizan esta asemblea xunto coa Asociación de Emigrantes Retornados Marusía. A charla comezará ás 19.30h no local da Asociación Marusía.

Asemblea de emigrantes celebrada en Foz © Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.