Os emigrantes retornados volven á rúa "por unha regulación legal clara e precisa"

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Os emigrantes retornados volven saír á rúa o vindeiro 21 de marzo en Compostela. Nunha manifestación que sairá ás 11 do Obradoiro, a Coordinadora Galega, xunto con vinte plataformas comarcais, volve reclamar "a equiparación da presión fiscal independentemente da existencia de un ou mais pagadores", un marco "homoxéneo para todas as pensións", así como a modificación do marco actual regulatorio para "evitar a retroactividade" que establece Lei 26/2014 de reforma tributaria tanto para aqueles que xa tributaron por rendas percibidas en exercicios anteriores durante 2013 e 2014 como para os que aínda están pendentes de tributar todas as rendas desde 2010 durante o período aberto para a súa regularización. 

Os emigrantes retornados volven manifestarse ante as "deficiencias" que atopan na reforma tributaria do Goberno central

A Coordinadora Galega advirte sobre este período de regularización de seis meses que tamén terá carácter "retroactivo", xa que os afectados terán que "realizar a tributación correspondente aos catro exercicios anteriores". Ademais, aos que xa "regularizaron" a súa situación con anterioridade tamén se lles aplica esa retroactividade, ao devolvérselles os importes correspondentes ás sancións, recargas e intereses, "pero non as cantidades pagadas en concepto de débeda tributaria".

En definitiva, os emigrantes retornados reclámanlle á Axencia Tributaria "unha regulación legal clara e precisa" sobre a tributación das súas pensións, partindo do principio de "non discrimación respecto da tributación doutras pensións, para que dispoñan dun marco tributario homoxéneo para todas as pensións, incluíndo particularmente as exencións de presentar declaración do IRPF de non superar determinados limiares de rendas, realizando para tal fin as modificacións oportunas da Lei 35/2006".

Os afectados reclaman "unha regulación legal clara e precisa" sobre a tributación das súas pensións

O caso é que o límite xeral sitúase nos 11.200 euros anuais, polo que todos aqueles pensionistas que entre a pensión de España e a do país onde emigraron superen esa exigua cantidade estarían obrigados a poñerse ao día ao ter dous pagadores. A barreira, no entanto, sitúase nos 22.000 euros para calquera outro pensionista.

Tamén solicitan que se modifique o marco actual no sentido de evitar a retroactividade que establece  a disposición adicional primeira da Lei 26/2014, tanto en relación coas persoas que xa tributaron por rendas percibidas en exercicios anteriores durante o ano 2013 e 2014, como para as que están pendentes de tributar todas as rendas desde o exercicio 2010 durante este período extraordinario de regularización. "E recoñecemento de oficio das pensións de invalidez, recoñecidas, nos países de procedencia", lembran. 

Os retornados rodearán San Caetano reclamando "un trato xusto" e as "desculpas da Axencia Tributaria do PP"

A manifestación do vindeiro sábado rematará nos edificios de San Caetano da Xunta, que serán rodeados polos emigrantes "como un acto simbólico co que queren dignificar a loita da emigración galega retornada ante o roubo da Axencia Tributaria do PP" e para "reclamar un trato xusto e igualitario das súas pensións", "Que nos pidan desculpas e nos devolvan a honra", insisten.

A Coordinadora Galega chama a asistir á manifestación a todos os afectados "por esta inxusta decisión, xa que nin a propia Axencia Tributaria lles meteu a pensión aos emigrantes retornados na declaración do IRPF, por poñer un exemplo". "É ademáis inmoral a imposición de sancións a un colectivo perceptor das pensións máis baixas despois de traballar toda unha vida no estranxeiro", conclúen.

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.