Os estafados polas preferentes aumentan a presión sobre os cargos do PP

Remate da manifestación, este sábado pola mañá, na residencia oficial de Monte Pío CC-BY-SA Praza Pública

Outravolta na residencia oficial de Alberto Núñez Feijoo. Milleiros de afectados pola estafa das preferentes volveron manifestarse en Compostela para pedir a devolución íntegra dos seus cartos e fixérono de novo ante Monte Pío, sinalando como principal culpable da súa situación o presidente da Xunta e, en xeral, a todos os cargos públicos do Partido Popular. Nomeadamente os 15 deputados galegos que no Congreso votaron a favor da imposición da quita para estes produtos financeiros pero tamén todos os concelleiros conservadores en toda Galicia, sobre os que se quere incrementar a presión directa para que se posicionen en contra das teses oficiais do seu partido, como fixeron en Oia.

"O roubo ten un nome, que é o Partido Popular. É un grupo moi potente: fórmano todos os concelleiros que ten en toda Galicia. Son os nosos veciños e temos que mirarlles á cara todos os dias e lembrarllelo"

Neste senso o portavoz de la plataforma de afectados do Baixo Miño, Xulio Vicente, destacou que "o roubo ten un nome, que é o Partido Popular. É un grupo moi potente: fórmano todos os concelleiros que ten en toda Galicia. Son os nosos veciños e temos que mirarlles á cara todos os dias e lembrarllelo". Vicente afirmou que "estamos en disposición de paralo porque levamos parándoo máis dun ano. O conflito vai medrar".

Tamén se sinalou a lentitude no proceso de arbitraxe que polo de agora segue deixando fora catro de cada cinco afectados en Galicia, ao redor de 60 mil persoas

A marcha caracterizouse pola variedade de lemas e faixas, unha por cada plataforma comarcal e local, tamén identificadas polas cores das súas camisolas: verdes vermellas amarelas laranxas moradas celestes ou grises. Escoitáronse berros de "ladróns", "nós a aforrar e eles a roubar", "non pararemos até que cobremos", "banqueiros a prisión" ou "estamos estafados e coa quita expropiados" e críticas tamén ao Concello de Santiago por non ter facilitado a loxística da manifestacións. A marcha pechouse cun chamamento a participar nunha concentración ante o Parlamento de Galicia no momento en que o BNG presentará unha nova iniciativa para impedir a aplicación da quita.

Tamén este martes o BNG presentará no Congreso dos Deputados unha proposición de lei de reforma da Ley 9/2012 de restruturación das entidades de crédito "para garantir a devolución íntegra do valor nominal das participacións preferentes". A proposta denuncia que esta norma incorporou ao ordenamento xurídico as modificacións legais esixidas polo Memorando europeo ue acompañou o rescate bancario, obrigando a repercutir nos titulares de preferentes e subordinadas os custes da restruturación do sistema financeiro. O BNG esixe nesta proposición "a devolución íntegra do nominal investido nestes títulos sen que se apliquen rebaixas ou descontos de ningún tipo" pois os preferentistas "non tiveron responsabilidade ningunha na situación crítica" destas entidades.

 

"Traidores e ladróns"

O manifesto foi lido por Vanessa Nieto, unha das milleiras de afectadas. Lembrou que o 2 de agosto do pasado ano lle pediron unha entrevista a Alberto Núñez Feijoo "e aínda non accedeu a recibirnos". "Pois aquí nos ten de novo", dixo. Tamén se sinalou a lentitude no proceso de arbitraxe que polo de agora segue deixando fora catro de cada cinco afectados en Galicia, ao redor de 60 mil persoas: "Que foi da arbitraxe para todos que nos prometeu antes das eleccións?".

"Coa súa actuación traizoaron os intereses de Galicia, que son os intereses dos cidadáns, os nosos intereses"

O texto fixo especial fincapé nos 15 deputados galegos do Partido Popular que no Congreso votaron a favor da aplicación da quita: "coa súa actuación traizoaron os intereses de Galicia, que son os intereses dos cidadáns, os nosos intereses". A seguir Nieto leu os nomes dos quince deputados e deputadas, que foron apupados e cualificados de "traidores e ladróns" polos manifestantes. "Que lles chegue o noso berro, que sintan o noso absoluto desprezo. Seguiremos berrando ns rúas e nos Concellos. Non pararemos até que cobremos", dixo. E concluíu: "están despedíndose dos seus escanos, porque este pobo, do que só se lembran para pedir o voto, non vai confiar nunca máis en que lle rouba". O manifesto pechouse cunha mensaxe directa a Feijoo: "Vostede pinta algo en Madrid? Defenda os intereses dos seus cidadáns e se non é capaz abandone o posto".

Manifestación dos afectados polas preferentes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.