Os eucaliptos ocupan arredor da cuarta parte dos montes galegos. As cifras varían, dende as 216 mil hectareas e o 21% das superficie total arborada calculadas pola Universidade de Vigo en 2010 até as 396 mil hectáreas (o 28% do total) sinaladas por Greenpeace en 2011. En calquera caso, unha parte moi importante da nosa masa forestal, sobre todo no norte das provincias de Lugo e A Coruña (onde supera o 80% do total de árbores) e, en xeral, no conxunto das provincias coruñesa e pontevedresa. A pesar da limitación á súa plantación dende os anos noventa e dalgunhas restricións normativas (forzadas polas protestas dos grupos ecoloxistas) estas cifras seguiron incrementándose notablemente, dende as 138.500 hectáreas contabilizadas en 1996 segundo o inventario forestal do Ministerio de Medio Ambiente. Cando menos seis de cada dez árbores en Galicia son piñeiros e eucaliptos, e a súa expansión aínda non se freou.
Iso é o que denuncia ADEGA, que vén de sinalar varios casos de plantacións ilegais na provincia de Lugo, nos concellos de Lugo, Rábade e Begonte. E destaca que nalgúns casos as súas denuncias xa deron resultados xa foron positivos. No caso dunha plantacion de eucalitpos no concello de Lugo, posterior á tala dunha carballeira de 6.000 metros cadrados con diferentes categorías de protección (Reserva da Biosfera, PEPRIM, proposta de ampliacion da Rede Natura), a Direción Xeral para a Conservación da Natureza da Xunta de Galicia obrigou o dono a arrancar os eucaliptos ilegais e plantar castiñeiros. No caso de Begonte, o SEPRONA tamén dispuxo a retirada dos eucaliptos.
ADEGA critica a redacción da nova Lei de Montes hai dous anos, coma por outras mudanzas no ámbito agrario (Banco de Terras, SOFOR...), que favorecen "a febre eucaliptizadora actual"
Porén, ADEGA tamén critica a política do Goberno galego, tanto pola redacción da nova Lei de Montes hai dous anos, coma por outras mudanzas no ámbito agrario (Banco de Terras, SOFOR...), que favorecen "a febre eucaliptizadora actual", e que non achegan elementos positivos para "a implantación dunha auténtica política forestal e agraria sostible e xeradora dun medio rural vivo e con calidade de vida". Para ADEGA, a Lei de Montes "rebaixa o control e a intervención da Administración na xestión dos montes galegos, que deixa en mans da especulación dos mercados e da opción individual. Delega nas empresas os obxectivos principais da lei: desenvolvemento rural, a fixación da poboación no medio rural, a conservación e a xestión forestal sostíbel".
ADEGA lembra tamén que a Lei de Costas "impide facer plantacións de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, en terreos agrícolas, a menos de 15 metros dos cursos fluvias e a menos de 100 metros da liña de costa", ou que a Lei de Montes determinou a prohibición de plantar eucaliptosen zonas de especies autóctonas, pero que "estes mínimos, a todas luces insuficientes para asegurar a correcta conservación dos valores naturais da nosa terra, non están a cumprirse". A entidade subliña, igualmente, "os incumprimentos da lei nas novas plantacións de especies alóctonas" e o "deixar facer" da propia Administración "que mira para outro lado".
A entidade subliña, igualmente, "os incumprimentos da lei nas novas plantacións de especies alóctonas" e o "deixar facer" da propia Administración "que mira para outro lado"
Tamén é criticada a recente proposta de reforma da Lei do Solo, que segundo a Alianza Rural Galega, da que ADEGA forma parte, "non foi redactada para favorecer o máximo consenso social e político a prol dun ordeamento respectuoso co territorio", senón que "no canto de planificar un ordeamento territorial sustentánbel, a proposta supón unha importante regresión con respeito ao actual marco normativo". Para a Alianza Rural Galega, "a desaparición das categorías de solo rústico de especial protección forestal e agropecuario e a súa asimilación á categoría residual do común, supón a renuncia interesada da administración a preservar amplas áreas do medio rural cun importante potencial de aproveitamento susntentábel e vencelladas a modelos de ocupación do territorio propios de Galiza".
O crecemento das plantacións de eucalipto dependeu sempre das variacións do prezo da súa madeira, que hai uns anos acadou niveis récord. Porén, os factores que máis influíron no seu atractivo para os propietarios foron o asentamento das celulosas en Galicia e no oeste de Asturias, un mercado fixo que acapara a produción desta especie de crecemento rápido. Outro elemento importante é o pequeno tamaño das propiedades no monte galego, que favorece a aposta pola obtención de beneficios a curto prazo. En Galicia, dun total de 600.000 propietarios forestais, uns 120.000 posúen terreos con eucaliptos.
No ano 2010 producíronse en Galicia 3.546.896 metros cúbicos de madeira de eucalipto, máis da metade do total (6.876.697 metros cúbicos), segundo as cifras da Consellaría de Medio Rural. Un crecemento constante dende as cifras rexistradas, por exemplo, en 1995: 2.343.384 metros cúbicos de eucalipto dun total de 5.585.122 metros cúbicos de madeira.