Os ferroláns xa poden consumir auga sen restricións

Descarga de auga no banco de alimentos © Jorge Suárez

A Xunta levantou o veto de consumo de auga á cidade militar. Os derradeiros resultados, da cata tomada ás seis da tarde, revelan que a auga da depuradora de Catabois, que se distribúe en Ferrol, xa é apta para o consumo. Contén 33 microgramos de trihalometano, moi por debaixo do límite de 100 marcado pola OMS.

Desta volta, a xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez, si que lle deu a noticia ao alcalde, Jorge Suárez por teléfono

Desta volta, a xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez, si que lle deu a noticia ao alcalde, Jorge Suárez por teléfono, despois de que este fixese público que non o avisaron antes da última rolda de prensa dos resultados, "rompendo os compromisos establecidos". Sanidade aduciu que tiñan mal o seu número de móbil. O alcalde sostén que falaran por teléfono noutras ocasións.

O rexedor continúa mostrándose crítico coa xestión da Xunta de Galicia na crise da auga. Afirma que a "Xunta decidiu aparecer setenta e dúas horas despois do inicio da crise e propón crear unha comisión de seguimento". Sostén tamén que "toca investigar as causas e dirimir responsabilidades, con claridade e transparencia ata as últimas consecuencias". O alcalde criticou tamén a metodoloxía das análises da Xunta e afirmou que "só tomou unha mostra por concello" e que os técnico de Emafesa, a empresa de augas, tiñan datos moi inferiores de "laboratorios acreditados". Suárez cre que os resultados da Xunta (sempre por enriba dos de Emafesa) se deberon a que a penúltima cata se fixo nunha planta do propio edificio da Xunta "de moi pouco uso, e menos en fin de semana, co que a rede de auga non se moveu".

"A Xunta decidiu aparecer setenta e dúas horas despois do inicio da crise e propón crear unha comisión de seguimento"

Cando ían 48 horas de restrición, Suárez solicitou á Xunta a activación do plan de emerxencia, ao que o vicepresidente Rueda respondía que non se trataba "de activar plans así alegremente". 

Por outra banda, a Fiscalía da Área de Ferrol abriu dilixencias de oficio sobre a situación do subministro de auga. O obxecto é esclarecer se a agua que se está subministrando representa un risco para a saúde. O primeiro paso será solicitar á empresa de augas ferrolá, Emafesa e ao Concello de Ferrol información sobre os acontecementos e determinar se hai responsabilidades penais."As dilixencias que abriu a Fiscalía servirán para esclarecer varias cuestións, entre elas se é certo o que dixo a voceira do PP de que a Xunta non fixo públicos os primeiros análises porque llo pediu Emafesa", declarou o alcalde. Pola súa banda, o Valedor no Pobo tamén abriu unha queixa de oficio. A institución dirixiu escritos para pedir información aos rexedores das localidades afectadas, instándoos a informar da situación e, en concreto, a coñecer as causas polas que Emafesa non corrixiu a situación con anterioridade.

A Fiscalía da Área de Ferrol abriu dilixencias de oficio sobre a situación do subministro de auga

Toda a situación rematou por causar un cruce de acusacións polas responsabilidades derivadas. En Ourense, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, atribuíu o problema á "desidia" de Emafesa, por non tomar "as medidas que tiña que tomar". Asemade tamén fixo fincapé en que a responsabilidade é do concello e do alcalde, que é presidente da empresa mixta, que ten como socio privado a Urbaser. Pola súa banda, Suárez sostén que no concello non tiveron información do que ocorría ata "o mesmo día" que lles fixeron a restrición. "Ese mesmo día", sostén o rexedor, "a xefa territorial de Sanidade aseguroume que as analíticas había que facelas en Lugo, e que ata 6 días non se ían saber os resultados".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.