A Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego non descarta acudir aos tribunais no caso de que a industria incumpra o acordo que os gandeiros acadaron coas cadeas de distribución para subir dous céntimos o prezo no litro de leite, un incremento que será trasladado aos seus provedores para que estes o trasladen á súa vez ás explotacións.
A Plataforma non descarta acudir aos tribunais se a industria non aplica a suba acordada coas cadeas de distribución
O que si está confirmado é que a Plataforma levará a cabo medidas de presión no caso de que non se incremente o importe ás granxas, pero irían máis aló contra esta "apropiación indebida" e por "quedar cos cartos que é dos gandeiros" de confirmarse o peor, tal e como anuncia Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.
Será a vindeira semana a data clave, sete días, do 11 ao 17 de xaneiro. Ese é o tempo que os gandeiros darán ás industrias para que confirmen esta suba de prezos. A partir do 18, estas industrias comezarán a pagar o leite de decembro, polo que ambas as dúas partes deberían chegar a un acordo antes e ratificar un incremento xa acordado coas cadeas de distribución. Logo dunha asemblea celebrada en Ordes, a Plataforma acordou aumentar a presión de maneira inmediata de comprobar que os importes non suben.
Os gandeiros levarán a cabo medidas de presión inmediatas se a industria non cumpre
O sector lácteo chegou a acordos coas principais cadeas de distribución que operan en Galicia para trasladarlles ás explotacións esa suba de 2 céntimos por libro de leite nas súas marcas brancas, un compromiso que precisa da aceptación das industrias. De non ser así, de nada serviría todo o conseguido durante as tractoradas e mobilizacións de antes do Nadal.
Por outra banda, o conflito enquístase en Lugo, onde o colectivo Agromuralla -artellado á marxe da Plataforma- anuncia que manterá os tractores rodeando a Muralla de maneira indefinida e xa anuncia concentracións diante das instalacións da Xunta todos os días ao mediodía. Pero a patronal presiona. O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, confirmou que este venres remata o ultimátum de 48 horas que deron aos gandeiros para que retiren os 300 vehículos que manteñen no centro da cidade.
A patronal lucense ameaza os gandeiros que se manteñen na Muralla con acudir á Subdelegación para que acabe coa tractorada
López asegura que agardarán ata ese día para saber se os gandeiros deciden "algún tipo de cambio" sobre unha protesta que cumprirá un mes o próximo domingo. A patronal quere saber se hai unha data para poñer fin á mobilización. De non ser así, ameaza con poñer a traballar os "servizos xurídicos" da CEL para "estudar as vías de cara, fundamentalmente, á Subdelegación do Goberno para ver se isto se pode manter por tempo indefinido"
"O caos na circulación pode levar á falta de seguridade, con algún sinistro ou o feito de trasladar a un enfermo ou un incendio que impmida que os cambións de bombeiros poidan circular con normalidade", di López, que cre que a tractorada "pode xerar un problema que afecta á orde pública e á seguridade cidadá".