Os gandeiros galegos continúan coas mobilizacións ante as cadeas de distribución, bloqueando algún hipermercado e denunciando que empresas como Alcampo, Lidl, DIA, Eroski ou Carrefour ou non cumpren o acordo lácteo asinado ou seguen sen repercutir no gandeiro as subas de prezo que si notan os consumidores en cada cartón de leite.
Os gandeiros bloquearon o Eroski en Sarria e manteñen outros semellantes en Lalín, A Coruña ou Monforte
No sexto día de protesta, a Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego bloqueou o Eroski de Sarria cuns quince tractores e medio cento de gandeiros levaron a cabo unha "compra simbólica" de leite que foi doada ao Banco de Alimentos. Ademais, continuaron tamén co bloqueo que manteñen en Lalín das zonas de carga e descarga dos camións de Eroski e máis de Lidl, onde recibiron o apoio do alcalde lalinense, Rafael Cuíña, tal e como fixera xa nas tractoradas do pasado mes de setembro.
Ao tempo, ducias de tractores seguen atrancando o paso nas áreas comerciais de Alcampo e Carrefour na Coruña, onde a falta dunha autorización administrativa impediu os gandeiros levar a cabo unha mobilización ante o Lidl do polígono da Agrela, algo que si prevían facer na mesma cadea de supermercados de Monforte de Lemos.
Ademais, en Lugo, o colectivo Agromuralla -que actúa á marxe da Plataforma e das organizacións agrarias- mantén uns 300 tractores arredor da Muralla da capital lucense e continúa realizando tamén accións reivindicativas ante diversos hipermercados, xunto cunha asemblea que se celebrará a partir das 22 horas.
Agromuralla mantén 300 tractores rodeando a Muralla de Lugo
Tanto uns como outros gandeiros reclaman a reacción da Xunta ante a súa "ruína" e o "roubo" ao que, segundo din, os someten as cadeas de distribución. Insisten nun compromiso por escrito destas para que cumpran co acordo lácteo, pero as empresas seguen sen aclarar por que esa suba de entre 3 e 5 céntimos en cada cartón só a nota o consumidor, pero non o prezo que as industrias pagan aos gandeiros, que seguen a cobrar de media 27 céntimos, por baixo dos custos de produción.