Os gandeiros reclaman ás industrias que sigan o camiño da distribución e apliquen o mesmo incremento de dous céntimos por litro no importe das súas marcas brancas de leite que as áreas comerciais acordaron tras a presión dos produtores. Logo de sacar os seus tractores de novo e mobilizarse ante os centros comerciais, as empresas accederon a ese incremento. Agora, procuran un acordo para que as fábricas tamén suban o importe nas marcas propias, o que suporía un aumento de dous céntimos global por litro e que permitiría que as granxas galegas se acheganse á media estatal de 30 céntimos e compensar un chisco -aínda que para nada de todo- os meses de perdas que acumulan.
A OPL e Ulega solicitaron unha reunión coas principais industrias para a vindeira semana
Esa foi a proposta que os gandeiros explicaron tamén á conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, na xuntanza que o martes mantivo coa Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego. Reclaman que medie ante as industrias e a Xunta amosou seu apoio á demanda e tamén ao feito de que sexa a Organización de Produtores Lácteos (OPL) e Unión Leiteira Galega (Ulega) quen teñan solicitado xa unha reunión para a vindeira semana con Lactalis, Central Lechera Asturiana e Celta, as tres industrias para as que producen a maior parte das explotacións. O Executivo pretendeu sempre que as negociacións se fixesen a través da OPL para poder estabilizar as relacións entre a cadea de valor do leite.
Para a Plataforma, a reacción da industria debe ser inmediata porque os gandeiros non poden agardar máis por unha suba de prezos da que depende o seu futuro. Por iso, confían en que a Consellería actúe e presione.
Tanto a OPL, como sindicatos e a Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego levan meses advertindo que o acordo asinado por parte do sector e o Ministerio de Agricultura en setembro non arranxou nada aínda e que as granxas continúan a cobrar prezos "indignos" e por baixo dos custos de produción. Por iso os tractores, tanto en varias áreas comerciais como en Lugo a través de Agromuralla, tiveron que volver saír á rúa para forzar o cumprimento dun pacto por parte da distribución, que recuou a base de mobilizacións unhas intencións que non lle fixera cambiar o Executivo. Agora é a hora das industrias, xa que se a suba que si notan os consumidores nos supermercados non repercute finalmente nas explotacións a través das fábricas, o resultado será nulo.
Os produtores cren fundamental a publicación canto antes do decreto de cesión de prezos para saber quen incumpre o acordo
Para que este incremento se cumpra, é fundamental a publicación canto antes do decreto de cesión de prezos entre industria e distribución, o que sería clave para as explotacións porque permitiría ter datos reais e obxectivos de como se vende e para saber quen incumpre ou non o acordo e poder actuar así en consecuencia. Segundo anunciou a conselleira, este texto publicarase o día 25 e antes sairá á luz o decreto de primeiros compradores, que establece quen pode comrpr leite. Será o día 14, por outra banda, cando a Interprofesional Láctea manteña outra reunión para avanzar no control e seguemento da orixe do produto.
Agromuralla decide se pon fin á mobilización
Por outra banda, o colectivo Agromuralla, que convocou á marxe da Plataforma unha tractorada en Lugo desde o pasado 10 de decembro, decidirá este mércores se levanta a protesta ou decide apelar ao TSXG logo da resolución ditada pola Subelegación do Goberno, na que se establece que os vehículos deben ser colocados un detrás de outro formando unha sola ringleira arredor da Muralla para que queden libres dous carrís, así como os accesos e saídas á zona histórica.
O colectivo de gandeiros insiste en que entre as súas opcións non está a de acatar a resolución da Subdelegación, senón "marchar" e rematar coa mobilización ou "apelar" ao TSXG. A partir das tres da tarde, e en asemblea, Agromuralla decidirá o que fai.