O sábado 30 de xuño tivo lugar unha mobilización de profesionais da informática en Madrid, Barcelona e Zaragoza en demanda de mellores condicións de traballo. Chegaron precedidas dalgúns textos incediarios nos que se afirmaba que "só un cínico, un ignorante o un mentireiro sería capaz de afirmar sen arrubiarse que non hai nada que cambiar nisto que chamamos informática. Despois de moito agardar por iso e ao fío doutras mobilizacións parece ser que algo comeza a cambiar" ou outro que pedía desterrar o romanticismo, pois "as TIC non son catro frikis nun garaxe ideando as ferramentas do futuro. As TIC de hoxe en día son dez multinacionais cun volume de facturación brutal e unha masa asalariada que, posta en fila, daría a volta a Europa 17 veces".
Este texto tamén denunciaba que estas empresas teñen "lamentables prácticas laborais, éticas e profesionais. Empresas que presumen da súa excelencia e o seu valor da anticipación, que promulgan aos catro ventos e sen vergonza que a actitude fai a diferenza ou a xente importa, os resultados contan”. Un e outro escrito facían fincapé, ademais, nas dificultades que presentaba a mobilización deste colectivo, moi disperso, traballando para varias empresas distintas en moitos casos e sen identidade corporativa ou consciencia dos seus dereitos: "no sector das TIC non foi necesario desmobilizar a ninguén, porque nin naceu mobilizado ni combateu colectivamente nunca".
"Durante anos fomentouse dende as novas empresas tecnolóxicas o modelo do traballador perfecto: autoexplotado e sorrinte"
Ademais, como escribía a Coordinadora de Informática da CGT hai unhas semanas, "durante anos, décadas, fomentouse dende as novas empresas tecnolóxicas o modelo do traballador perfecto: individualista, de momento cun bo soldo, sen límite de horas extras (gratis) e mesmo fanboy da súa propia empresa, autoexplotado e sorrinte. Por suposto, non nos considerábamos traballadores e só un marciano podería chegar a plantexarse que tiñamos que unirnos ante a empresa ou o sistema".
Os sindicatos eran conscientes destas dificultades, pois en primeiro lugar moi poucos dos informáticos estaban afiliados a algunha organización sindical, e as experiencias de conflitos laborais eran escasas e moi recentes, e circunscritas unicamente á empresas de maior tamaño, como HP ou Atos, nas que a CGT si tivo nos últimos meses un papel destacado, aínda que o seguemento das folgas e mobilizacións convocada non chegou a ser completo. Porén, como concluía un dos textos anteditos: "quen ten o password do admin é o último en rir".
"A informática é o primeiro gran sector nativo neoliberal, con traballadores illados e desmobilizados"
Así chegou a mobilización do 30 de xuño, con convocatorias de manifestacións en Madrid, Barcelona e Zaragoza. A participación foi moderada, inferior ás espectativas dos máis optimistas, aínda que os convocantes, coma a propia CGT, afirman que foron "un comezo" e lembran as dificultades xa comentadas, ligadas á propia estrutura do sector: "a informática é o primeiro gran sector nativo neoliberal, con traballadores illados e desmobilizados". Salientaron, igualmente, a grande actividade que rexistraran as redes sociais (como alternativa e resposta a esa dispersión), pero lembraron, como conclusión, a necesidade de "saír do Twitter, saír do Facebook e tomar a rúa".
Anúnciase que as mobilizacións continuarán, na rede e na rúa. Haberá que ver se o poder de ter a password do admin é forza abonda
A CGT reflexiona sobre os novos escenarios e condicionantes para as loitas sociais e neste senso afirma que "o sector TIC ten que estar na rúa e na rede, e aí é onde Internet xoga unha posición ambivalente" e que "Internet é parte da solución e parte do problema" pois "grazas á rede a Coordinadora de Informática conseguiu chegar este 30X a traballadores aos que xamáis tería contactado facendo repartos e pegadas de cartaces ao uso". E situaba como obxectivo "conseguir que a xente faga algo máis que gústame en Facebook o RT en Twitter". A CGT concluía que "Internet desincentiva o compromiso político real, é dicir, compromiso que supón estar físicamente nas manifestacións, nas xornadas de loita e nas folgas, e non vendo que se di en Twitter a través dun SmartPhone".
En calquera caso, anúnciase que as mobilizacións continuarán, na rede e na rúa. Haberá que ver se o poder de ter a password do admin é forza abonda.