Os informativos de TVE, Iñaki Gabilondo, Rachid Nini e os xornalistas en Siria, candidatos ao Xosé Couso

A estatua Ás Ceibes, imaxe do premio © CPXG

Catro candidaturas concurren este ano á VIII  Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol e que conta coa colaboración da Obra Social ‘la Caixa’, que este ano se incorpora ao certame. Os candidatos propostos son o Consejo de Informativos de TVE, Iñaki Gabilondo, Rachid Nini e a candidatura conxunta dos xornalistas que informan do conflito sirio. Este venres ábrese o prazo de votacións para que os colexiados do CPXG e asociados do Club de Prensa de Ferrol elixan ao gañador, que se dará a coñecer o  26 de abril.

A candidatura do Consejo de Informativos de TVE pretende recoñecer a defensa da informacion veraz e de calidade nos medios públicos, concretada neste órgano de control interno, de defensa da independencia profesional e editorial e de amparo dos profesionais da información da Corporación RTVE. Pola súa banda, Iñaki Gabilondo é unha referencia imprescindible no xornalismo español das últimas décadas, nas que pasou por Radio Popular, TVE, SER, Cuatro e CNN+.

Mentres, o xornalista e director do diario marroquí Al Massa, Rachid Nini, foi condenado o 9 de xuño de 2011 polo Tribunal de Primeira Instancia de Ain Sba, en Casablanca, a un ano de cárcere por “menoscabar unha decisión xudicial”, “tentar influír na xudicatura” e “informar sobre delitos falsos”. O xornalista, unha das poucas voces críticas no panorama de medios de comunicación marroquís, denunciou nas súas columnas, as inxustizas, a represión e a corrupción das elites. Finalmente, a cuarta candidatura pretenden recoñecer o traballo que están a realizar os xornalistas que informan do conflito sirio que xa se cobrou douas vidas a da reporteira do Sunday Times Marie Colvin e ao fotógrafo francés Rémi Ochlik, colaborador da revista Paris Match. Edith Bouvier, William Daniel, Paul Conroy, Javier Espinosa foron algúns dos xornalistas que se viron atrapados na cidade de Homs durante as revoltas.

En edicións anteriores deste premio, que lembra o cámara de televisión ferrolán Xosé Couso, asasinado polo exército norteamericano mentres facía o seu traballo informativo en Bagdad, recoñeceu a Ali Lmrabet, Le Monde Diplomatique, Jon Lee Anderson, José Vidal-Beneyto, Rosa María Calaf, Daniel Anido e Rodolfo Irago, e a Wikileaks.

A estatua Ás Ceibes, imaxe do premio © CPXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.