Os mariscadores acusados lembran que moita máis xente participou na protesta contra a entrada do gaseiro

Rolda de prensa ofrecida polos mariscadores acusados, o Comité Cidádán e Nemesio Barxa, avogado defensor © Susete

A primeira xornada do xuízo durou máis de cinco horas, nunha sala ateigada, e a primeira parte da vista dedicouse ao visionado dos vídeos e fotografías tiradas pola Garda Civil. A meirande parte dos acusados asumiu a súa participación nas mobilizacións, pero negaron que os actos estivesen liderados pola Confraría e sinalaron que moita xente se manifestou no mar ese día. Así mesmo, negaron algunhas das acusacións concretas da fiscalía, como que tivesen amosado un hacha á Garda Civil en actitude ameazadora ou que as embarcacións se cruzasen na traxectoria do gaseiro.

Os mariñeiros explicaron que se decidiron a protestar no mar despois de ter acudido a varias asembleas organizadas polo Comité Cidadán de Emerxencia, e porque consideraban que a planta de gas de Reganosa era ilegal e prexudicaba a base da súa economía: o marisqueo. Declararon, así mesmo, que a súa intención era manifestarse, que fóra de Ferrol se soubese o que estaba sucedendo coa planta de gas, pero que non tentaron bloquear a entrada do barco.

A meirande parte dos acusados asumiu a súa participación nas mobilizacións, pero negaron que os actos estivesen liderados pola Confraría e sinalaron que moita xente se manifestou no mar ese día

Finalmente, Bernardo Bastida, daquela patrón maior da Confraría de Pescadores de Ferrol e para o que a Fiscalía pide a pena máis grande, salientou que o acto de protesta pola entrada do primeiro gaseuro foi decidido polo Comité Cidadán de Emerxencias, do que a Confraría forma parte.

 

O xuízo, cinco anos despois

Centos de cidadáns en máis de corenta embarcacións foron quen de parar en tres ocasións (7, 8 e 29 de maio de 2007) os gaseiros que pretendían deixar a súa carga na planta de Reganosa, en Mugardos, que estaba a piques de entrar en funcionamento. A policía empregouse con dureza e chegou a pechar o peirao de Ferrol para impedir as accións. Finalmente, sesenta mariñeiros, entre as moitas persoas que participaron, foron acusados "de desordes públicas, desobediencia grave á autoridade e coaccións graves". Este xoves, cinco anos despois, iniciouse o xuízo contra oito mariscadores nos que a Fiscalía concentrou as acusacións. O xuízo continuará os días 26 e 28.

Os mariscadores, fronte ao Galicia Spirit, o gaseiro que pararon en dúas ocasións © Comité Cidadán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.