"Os medios desempeñan, no tratamento de Resistencia Galega, un rol propagandístico a favor do goberno"

Dominio Público Praza Pública

O tratamento informativo sobre Resistencia Galega é herdeiro das dinámicas creadas en 40 anos de cobertura do conflito vasco. Esta é unha das conclusións que a investigadora Helena Domínguez tira da súa tese A construción mediática do conflito político en Galicia: o tratamento de Resistencia Galega na prensa, que vén de presentar na Universidade de Santiago. A prensa dominante responde a un modelo de propaganda que supón a presenza de varios filtros que permean o contido dos medios e fai que desempeñen un rol propagandístico a favor do discurso oficia do goberno. Un destes filtros é a confianza cega nas fontes de información oficiais. Os medios de comunicación reproducen de xeito acrítico as notas de prensa das forzas de seguridade do estado. Non se buscan fontes alternativas, non se contrasta nin se contextualiza a información. Isto permite aos medios aforrar custos e ao goberno asegurarse que triunfa a súa versión dos feitos.

Por que te decidiches polo tema do tratamento mediático de Resistencia Galega? Por que optaches por analizar La Voz, ABC e Novas da Galiza?

Empecei os estudos de doutoramento na Autónoma de Barcelona. O que me interesaba eran os movementos sociais alternativos. En Barcelona estudei o movemento okupa. Cando volvín para aquí, quería seguir cos movementos sociais, e como o movemento okupa non ten moita implantación, pensei no movemento independentista, porque formula unha ruptura similar ao que eu xa estaba estudando. Interésanme as fisuras do sistema, os outros xeitos de entender a comunicación… No 2013 fixen un primeiro traballo sobre o Novas da Galiza, Diário Liberdade e Galizalivre, para un congreso. Entrevistei moita xente: Ferrín, Carlos Morais, Maurício Castro… Nestas entrevistas, había moitas queixas sobre a imaxe que os medios de comunicación proxectan sobre o independentismo. Como tiña que acoutar o tema, decidín centrarme na imaxe do movemento independentista nos medios de comunicación. Nese momento Resistencia Galega acababa de ser definida como terrorista por un tribunal. E Resistencia Galega é unha das expresións do movemento independentista.

Para escoller os xornais, tiven en conta que fosen ideoloxicamente diferentes: no eixo esquerda-dereita e na esfera dos medios dominantes e os medios alternativos. Da esquerda nacionalista só tiña o Novas, porque Praza e Sermos levaban pouco tempo. La Voz escollino por un motivo sociolóxico: é o que máis se le en Galiza. O ABC é o único medio estatal que mantén unha delegación galega. Tampouco tiña, por falta de tempo, posibilidade de ampliar o rango e analizar máis medios. Aínda que creo que o resultado non variaría máis que nos matices. Porque hai, na prensa dominante, unha liña moi definida con respecto ao tema, da que ninguén sae.

É o que chamas modelo de propaganda. En que aspectos se achega a prensa galega a ese modelo?

O modelo de propaganda, tal como o definiu Chomsky, supón varios filtros que permean o contido dos medios e fai que desempeñen un rol propagandístico a favor do goberno. Un destes filtros é a confianza cega nas fontes de información oficiais. Os medios de comunicación reproducen de xeito acrítico as notas de prensa das forzas de seguridade do estado, sen ter en conta que esas notas son froito dos intereses do estado. Non se buscan fontes alternativas, non se contrasta a información. Isto permite aos medios aforrar custos e ao goberno asegurarse que triunfa a súa versión dos feitos. Así, prodúcense numerosos erros, que ademais non se rectifican.

"Os medios de comunicación reproducen de xeito acrítico as notas de prensa das forzas de seguridade do estado"

Outro filtro é a polarización. Chomsky explicábao como unha división do mundo entre “comunistas” e “demócratas”, desde unha lóxica de estás comigo ou contra min. Pois neste caso é, ou estás comigo, ou es terrorista. O PP presentou mocións de condena de RG nos concellos, deputacións, Parlamento, Senado… que o que fixo foi amplificar o fenómeno, facer que se falase del… Outro filtro é o económico, debido á dependencia da publicidade. No caso galego, é máis ben a dependencia das subvencións e convenios, pois a prensa está moi subsidiada. Xunto ao económico, o filtro ideolóxico é obvio. Cada xornal ten o seu posicionamento e é lícito. O problema é a falta de pluralidade. Toda a prensa dominante está aliñada co centralismo español. Os medios alternativos como Novas, Praza ou Sermos non teñen case capacidade para rachar o discurso dominante.

"Toda a prensa dominante está aliñada co centralismo español. Os medios alternativos como Novas, Praza ou Sermos non teñen case capacidade para rachar o discurso dominante"

A ese respecto, unha das diferenzas que comentas entre o Novas da Galiza e a prensa dominante é que o Novas recorre a fontes do movemento independentista.

Nas fontes hai unha diferenza moi grande. Outra diferenza é que os medios dominantes presentan a violencia como algo irracional. Non tentan explicar o contexto. Les unha noticia sobre unha sabotaxe na Voz, por exemplo, e non entendes nada. Les a mesma noticia no Novas e ves que a sabotaxe se fixo nunha urbanización que se está a facer nuns terreos con valor ecolóxico… É un exemplo. A cuestión é que a prensa dominante non cumpre a súa función de facer unha achega comprensiva, de explicar o que pasa, que non é xustificalo. Como non queren lexitimar a violencia, o que fan é simplificar, non contextualizar. Outra diferenza é que non se ocupan do que pasa no cárcere. Non saen os colectivos de axuda aos presos, os familiares… Na prensa dominante, o que pasa dentro do cárcere non importa. Só para criminalizar ou estigmatizar. Hai unha contaminación do discurso que vén do tratamento do conflito vasco.

"A cuestión é que a prensa dominante non cumpre a súa función de facer unha achega comprensiva, de explicar o que pasa, que non é xustificalo"

Herdanza do tratamento do conflito vasco é, segundo explicas, o aliñamento ideolóxico dos xornais, as mensaxes contraditorias -negar que é un conflito político cando a resposta si é política-; o dominio das fontes oficiais e a marxinación dos colectivos sociais e a desinformación. Que detectaches disto?

O aliñamento ideolóxico co nacionalismo centralista español afecta negativamente á calidade da información. Xeitos de desinformación hai moitos. Ocultar datos ou dar datos erróneos é unha. Hai erros nas imaxes, nos nomes, accións que se lle atribuíron a Resistencia Galega de xeito erróneo, outras que reivindicou Resistencia Galega e que non se lle atribuíron… Chegaron a pasar cousas como que se ilustrou unha información con fotos de explosivos requisados nunha operación policial diferente. O tratamento informativo sobre Resistencia Galega é herdeiro das dinámicas creadas en 40 anos de cobertura do conflito vasco.

Comentas tamén que o fenómeno Resistencia Galega é instrumentalizado polos actores conservadores do nacionalismo español para criminalizar e desacreditar o nacionalismo galego.

O PP forzou mocións de condena a Resistencia Galega para forzar os outros partidos a apoialas, pero nos termos que a este partido lles interesaba definir o terrorismo. O delegado do Goberno, Samuel Juárez, dixo que lle gustaría que houbese unha condena clara por parte do BNG. Houbo artigos de opinión que acusaban a AGE de cómplice do terrorismo, e un auténtico acoso á figura de Beiras. Tentaron desacreditar o BNG, AGE, e tamén ao PSOE, acusado de brando. Fixéronse analoxías distorsionantes cos líderes vascos, e mesmo chegouse a mesturar terrorismo e lingua. A cuestión era extender a sospeita sobre outros partidos, democráticos e legais, pero cunha visión diferente do fenómeno.

"A cuestión era extender a sospeita sobre outros partidos, democráticos e legais, pero cunha visión diferente do fenómeno"

Extensión, no sentido de “todo é ETA”, polarización e estereotipia. É a estratexia que detectas na túa análise. Ademais de propaganda e manipulación.

A polarización está clara: ou es un demócrata, ou es un terrorista ou apoias os terroristas. Ou es bo ou es malo. Non hai matices. Os bos son os meus. Os malos, os outros. A estereotipia tamén é clara. E moitas veces, coa escusa de atacar a Resistencia Galega, sae a galegofobia. Un exemplo é que, nos artigos de opinión que analicei, non se utilizaba o galego. Que só xurdía para ridiculizar ou estigmatizar activistas, con palabras como “jarraiciños”. A estereotipia define, por exemplo, a Galiza como un país pacífico, un paraíso só perturbado por Resistencia Galega. Cunha idea do país ancorada en modelos coloniais. Na liña que comentaba antes de presentar a Resistencia Galega como froito só dalgún impulso irracional, tamén se salienta a mocidade dos independentistas, como se fose unha patoloxía da idade. Algo pasaxeiro, de lunáticos… A cuestión é estigmatizar e deslexitimar o independentismo.

"A polarización está clara: ou es un demócrata, ou es un terrorista ou apoias os terroristas. Ou es bo ou es malo. Non hai matices"

En que consiste, en concreto, a desinformación? Na tese falas de falta de respecto á presunción de inocencia, atribucións erróneas de accións terroristas e falta de rigor nos datos.

Para o caso do conflito vasco isto está bastante estudado e os autores definen a desinformación de maneira diferente. Non explicar as causas do conflito xa é desinformación. Como non respectar a presunción de inocencia, atribuír a Resistencia Galega accións que non lle corresponden, amplificar o fenómeno… As prácticas de desinformación veñen moitas veces derivadas da acomodación entre forzas políticas, policía e medios de comunicación. O que se fai tamén se fai de cara aos medios. Hai moitos casos. A un activista detivérono un día que estaba de noite cos amigos. Levárono á casa para facer o rexistro, e ao chegar á casa tiña un fotógrafo de La Voz e outro do Faro. Era obvio que a policía avisara os medios.

"Non explicar as causas do conflito xa é desinformación. Como non respectar a presunción de inocencia ou atribuír a Resistencia Galega accións que non lle corresponden"

Outro caso é o da parella de Ferrol que tiña un bebé de poucos meses e foi detida e acusada de terrorista. Cando aínda estaban co rexistro, ela empezou a recibir chamadas de amigos. Porque a nota de prensa da detención difundírase ao mesmo tempo que se estaba a realizar a operación. Ao final era todo mentira, pero o nome dela segue a saír asociado ao terrorismo no google. Eu non entro a valorar as sentencias xudiciais. O que me interesa son as malas praxes xornalísticas. E os exemplos destas son abondosos. Unha vez detiveron un mozo en relación cun atentado. Para ilustrar a información, puxeron unha foto da Gentalha do Pichel, que non tiña nada que ver, pero resulta que o mozo vivía alí perto. Outro exemplo claro é a invención de organizacións terroristas. Fíxoo La Voz, co FAI por exemplo. Dixo que recibira un comunicado deste grupo apoiando o proceso Espiral, que era un intento de unificar o independentismo. E que casualidade que se vinculase un grupo terrorista inexistente co independentismo. Outra vez uns rapaces foron acusados de pertencer a un grupo terrorista do que non escoitaran nin falar… Fixéronse acusacións tan ridículas, que sería motivo de risa se non afectase á vida de moitas persoas.

A conclusión, entón, é que se produce unha relación simbiótica dos medios co goberno, de xeito que a prensa serven de instrumento de propaganda do poder.

Iso xa o sabemos, non fai falta facer unha tese. Pero é mellor cando podes defendelo despois de analizar 800 textos cunha metodoloxía científica. Hai unha coincidencia de intereses entre medios e goberno. Aínda que non sempre é exactamente así. Co bipartito, o ABC non deixou de atacar a Touriño, por exemplo. Analicei pezas de información e de opinión publicadas desde o 2005 ata o 2014.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.