Os miles de mariñeiros galegos aos que Noruega nega a pensión

Ex mariñeiros en Noruega, durante unha reunión © Long Hope

Arredor de dez mil mariñeiros galegos e as súas familias pelexan tamén polo cobro das súas pensións tras anos ocupados no estranxeiro. Neste caso, son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo.

Oslo nega o pago das pensións a mariñeiros contratados durante anos por empresas norueguesas e que pagaron elevadas cotizacións

O Goberno noruegués rexeita o pagamento destas pensións argumentando que os mariñeiros non eran emigrantes ao non estar traballando fisicamente en terra, malia que si pagaban impostos e as súas empresas tiñan a sede no país nórdico. O problema afecta a todos aqueles mariños mercantes que traballaron para compañías de Noruega entre 1952 e 1994, ano no que o Estado se incorporou ao espazo económico da UE e regularizou unha situación da que quedaron fóra milleiros de españois. Segundo Long Hope, asociación que xunta os afectados, serían 12.000 os mariñeiros con dereito a estas pensións en toda España e deles, máis do 80% serían galegos.

Este mesmo luns, varios representantes deste colectivo atópanse xa en Noruega para manter unha serie de xuntanzas con representantes do Executivo noruegués e da Embaixada española para intentar desbloquear unha situación que levan anos denunciando. "A esperanza é o último que se perde, pero non podemos asegurar nada", relata desde Oslo a Praza o seu voceiro, Alberto Paz. Long Hope reclama que se recoñeza unha pensión de xubilación por parte do Goberno noruegués ou, en todo caso, que se devolvan os impostos achegados polos mariñeiros durante todos aqueles anos. Segundo os seus cálculos, o Estado nórdico debería reintegrar uns 500 millóns de euros de non acceder ao pago das pensións de ex traballadores de petroleiros, gaseiros, quimiqueiros e outros mercantes entre os anos 50 e 90.

Máis do 80% dos afectados no Estado son galegos e a súa media de idade anda sobre os 80 anos

Noruega insiste no seu argumento, xa que excluía da protección do seu sistema nacional de Seguridade Social a aqueles que non tiñan nacionalidade noruega ou que non residían no país. Ao traballar no mar, e non ter residencia en terra, milleiros de galegos están agora sen nada. Moitos deles morreron, xa que a idade media dos traballadores é duns 80 anos, pero son moitas as viúvas de mariñeiros con pensións moi baixas que reclaman xustiza. Todos eles denuncian que a medida tomada polo país nórdico incumpre artigos básicos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e do Dereito Internacional do Traballo.

Un deputado de AGE acompaña os mariñeiros nas súas xuntanzas con diferentes administracións de Noruega

Desde Noruega, os galegos que acudiron a negociar co Goberno de Oslo anuncian que manterán xuntanzas nos vindeiros días con representantes do Ministerio de Traballo, do Defensor do Pobo de Noruega, co embaixador de España e coa embaixadora da UE naquel país, así como con líderes da confederación de sindicatos e do principal sindicato nórdico. En todos as reunións, un cargo da diplomacia española asesorará os afectados.

Polo momento, as xestións levadas a cabo co Executivo de Noruega non deron resultado ningún, o que os levou a solicitar a axuda do Valedor do Pobo do país nórdico, que tampouco logrou desbloquear o conflito. Ante esta situación, os mariñeiros advertiron que optarán pola vía xudicial, primeiro nos xulgados noruegueses e, de ser necesario, ante Estrasburgo. Iso foi o que lles comunicaron ás diferentes institucións e organizacións políticas galegas coas que mantiveron contacto, e ás que reclamaron axuda ante a imposibilidade de reunir os 300.000 euros necesarios para levar o seu caso ante o Supremo daquel país.

De non dar resultado as xestións, os mariñeiros acudirán á xustiza de Noruega e a Estrasburgo

Precisamente, na viaxe a Noruega acompaña os representantes de Long Hope o deputado de AGE no Paralmento galego, Juan Fajardo, que denunciou, ao igual que os propios mariñeiros, a "falta de sensibilidade e responsabilidade cos problemas da cidadanía" do PP, que votou na Cámara en contra dunha iniciativa presentada por Alterantiva na que se instaba a Xunta a esixir ao Goberno do Estado que "cumpra coa súa obriga de defender os dereitos destes traballadores ante o Goberno noruego e loitar para que as súas xustas demandas sexan atendidas".

Peirao en Oslo (Noruega) CC-BY-SA Lars Tiede

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.